Continúa o tirapuxa entre o Concello da Coruña e a Xunta a raíz da solicitude que a administración local fixo ante o Goberno galego para que a cidade sexa declarada Zona de Mercado Residencial Tensionado. A alcaldesa, Inés Rey, acusou este martes ao Executivo autonómico de "torpedear" as medidas que intentan frear o aumento no prezo da vivenda.
A reacción da rexedora chega logo de que a Xunta advertise dun requirimento ao Concello para que complete a solicitude para esta declaración de zona residencia tensionada, a pesar de que o Goberno galego recoñece que A Coruña cumpre cos supostos previstos para recibir esa catalogación e malia que desde San Caetano insisten en amosar o seu desacordo coa medida.
A Xunta pide ao Concello "documentación adicional e aclaracións" á petición da Coruña para ser zona tensionada malia recoñecer que cumpre cos requisitos
A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, asegurou desde Vigo que eses novos requirimentos non son "ningún obstáculo" senón a petición de "documentación adicional e aclaracións que son pertinentes". A alcaldesa, pola súa banda, cargou contra a Xunta tras advertir que esa comunicación "non chegou oficialmente" e que soubo desas novas demandas "a través da prensa".
A Xunta, pola súa banda, asegura que remitiu o requirimento na mañá do pasado luns a través do rexistro electrónico e que hai rexistro de saída, pero o Concello insiste en que non recibiu nada. Entre as demandas da Administración autonómica, a Consellería advirte da falta dunha estimación económica da diminución do importe das rendas de alugueiro que suporía a declaración de zona tensionada, así como un maior detalle das medidas correctoras e unha aproximación das datas previstas para estas. Tamén reclama que se concrete algunha medida tributaria por parte do Concello para favorecer a promoción de vivenda.
"Hai unha vontade absoluta do PP e da Xunta de torpedear calquera medida de apoio ás políticas de vivenda que se fagan desde os concellos", dixo Rey, que acusou o Goberno galego de "falta de lealdade institucional". Na Coruña, lembrou, "as familias destinan máis do 30% dos seus ingresos ao pagamento da vivenda, xa sexa alugueiro ou compra", insistiu.
A Lei polo dereito á vivenda establece que para a declaración dunha zona de mercado residencial tensionado debe producirse polo menos unha das catro circunstancias recollidas na norma, entre elas que o custo medio do alugueiro máis os gastos e subministracións básicas supoñan máis do 30% da renda media dos fogares; e que a taxa de variación acumulada do prezo medio do alugueiro nos últimos cinco anos supere en máis de tres puntos porcentuais o incremento do IPC.
Inés Rey acusa a Xunta de "torpedear calquera medida de apoio ás políticas de vivenda que se fan dende os concellos"
Desde o Concello da Coruña, xa no momento de cursar a petición, destacouse que a cidade “cumpre con todos os criterios para declarar tanto o municipio en conxunto como para facelo por distritos ou seccións” como zona tensionada. Segundo o estudo encargado, e que se basea en datos dos seus dez distritos censuais e 186 seccións censuais, a urbe "cumpre con ambos criterios nun 50% dos distritos e nun 70% das seccións”.
"Á Xunta non lle preocupa o problema da vivenda, vai seguir torpedeando", insistiu Rey, que criticou a "falta de compromiso cos cidadáns" por parte da Xunta. "O problema da vivenda debería estar á marxe da contenda política e das loitas partidistas", engadiu a alcaldesa da Coruña.
Mentres, a conselleira Allegue asegura que a Xunta tramitará a solicitude da Coruña así que reciban a información requirida.
"Falta de sensibilidade"
Ademais, a concelleira do BNG na Coruña, Avia Veira, cre "evidente" que a Xunta está a boicotear a declaración de zona tensionada e acusou o PP de "falta de sensibilidade" ante o problema de vivenda. Mesmo acusou o Goberno galego de inventar requisitos que non existen na lei estatal.
Na Coruña, custo medio dos novos contratos de alugueiro asinados durante o ano 2024 situouse nos 680 euros, segundo os datos do Observatorio da Vivenda de Galicia, o que supón un importante aumento (+9,3%) dende os 622 euros do ano 2023 e máis aínda en relación aos datos de 2019, cinco anos antes, cando o alugueiro medio se situaba nos 502 euros, un incremento do 35%. Nos barrios centrais da cidade os prezos aínda se disparan máis, chegando a case 900 euros no Ensanche. Porén, o encarecemento chegou tamén a barrios máis populares, como o distrito 15007 (Os Mallos-Sagrada Familia), onde os prezos aumentaron un 11% o pasado ano e un 40% dende o 2019.