Tres días para o 29N: debate a catro e nada seguro

CC-BY-NC-SA Praza.gal
  • Shirley Estévez, con Besteiro en Montevideo o pasado xullo durante unha visita do líder do PSdeG á Arxentina e ao Uruguai CC-BY-NC-SA PSdeG

    Unha candidata do PSdeG en Pontevedra, sen dereito a voto polo veto do Supremo aos 'netos'

    Shirley Estévez, integrante da lista socialista pontevedresa, non pode votar a súa propia candidatura pola prohibición cautelar do alto tribunal e a Xunta Electoral indícalle que, na hipótese de que acabase tendo que incorporarse ao Congreso, resolvería "o que proceda". O que fontes socialistas sinalan como situación "absurda" increméntase porque o fillo da candidata, que accedeu á nacionalidade por tela a súa nai, si pode votar dende o Uruguai, onde están inscritas case 40.000 persoas no CERA das circunscricións galegas e case 3.000, afectadas polo veto. Seguir lendo

  • Sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia CC-BY-SA CPXG

    O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresa a súa preocupación polo precedente que senta a Xunta Electoral Central co expediente á xornalista Silvia Intxaurrondo

    A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) considera prexudicial para toda a profesión o precedente que senta a Xunta Electoral Central (XEC) ao abrir un procedemento sancionador contra unha xornalista a título persoal e únese aos colexios profesionais e asociacións que reclaman que se retire e arquive o expediente. 

    "A neutralidade informativa e o respecto ao pluralismo esixibles aos medios de titularidade pública deben ser garantidos pola organización de ditos medios e os seus órganos de control, como explicita o artigo 66.1 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral", lembra o CPXG nun comunicado no que manifestar a súa preocupación polo expediente aberto á xornalista Silvia Intxaurrondo, a raíz dunha denuncia presentada por Vox polas preguntas e reflexións formuladas pola informadora o pasado 10 de novembro no espazo de debate e análise do programa La Hora de la 1, que emite TVE.

    A entidade profesional que representa a profesión xornalística en Galicia destaca que a imparcialidade e independencia editorial de todos os medios públicos debe garantirse "con medidas estruturais como a escolla da súa dirección mediante procedementos que eviten as inxerencias políticas, a avaliación de entidades externas e independentes e a existencia de órganos deontolóxicos de participación dos profesionais".

    "A neutralidade informativa non debe confundirse coa limitación á liberdade de información e ao exercicio profesional do xornalismo nos medios públicos, tampouco durante os procesos electorais", defende o Colexio.

  • Pedro Sánchez, durante o mitin do PSOE no Fontes do Sar (Santiago) o pasado día 20 CC-BY-NC-ND Eva Ercolanese / PSOE

    Sánchez insiste en que cunha participación "do 75% ou máis" é posible unha maioría absoluta progresista e "dubida" de que nese caso "PP e Vox recoñezan o resultado electoral"

    O presidente do Goberno de España e candidato á reelección reitera a ligazón entre participación alta e a posibilidade de reeditar un Goberno progresista o 29N. Nunha entrevista co xornal El País, Pedro Sánchez reitera que "hai que pensar no posible, unha maioría de progreso nas Cortes, estámola tocando coa xema dos dedos" e augura que "Feijóo e Abascal vai saír derrotados" o domingo. Por iso, afirma, están "a practicar un trumpismo preventivo" cando din que "se o PSOE e as opcións de progreso gañan pola mínima, será trampa".

  • Prazos do voto por correo nas eleccións xerais do 29N tras a súa ampliacicón CC-BY-NC-SA Praza.gal

    Derradeiras horas para enviar o voto por correo

    Este xoves, 26 de novembro ás 14:00 finaliza o prazo para enviar o voto por correo, en virtude do acordo de ampliación aprobado pola Xunta Electoral Central. Correos resalta que, con independencia do horario de apertura das oficinas, a hora límite son as dúas da tarde.

    En Galicia rexistráronse 70.326 peticións de voto por correo, un 17% máis que nas eleccións xerais de 2019, o que sitúa o incremento por riba da media estatal. A comparación con 2019 é máis precisa que coas anteriores xerais, as de 2023, nas que o fortísimo incremento da participación por esta vía estivo moi relacionado coas datas en que se celebraron os comicios, o 23 de xullo, con todos os condicionantes derivados do verán, dende as temperaturas ás vacacións.

  • O 'descoido' da influencer viguesa Rebeca Stones para amosar o seu apoio ao BNG nas xerais

    Nos últimos días son diversas as creadoras de contido en redes sociais que están a animar á participación nas eleccións xerais do 29N, así como o seu apoio a formacións progresistas. A este pouco habitual trend vén de sumarse a viguesa Rebeca Stones, que nun post na súa conta de Instagram, que acumula seguimento de case 670.000 perfís, simulou un retranqueiro descoido para amosar o seu voto ao BNG.

    "Teño claro que cada persoa votará pensando no mellor para o país, ninguén quere que a situación de España empeore. O que pasa é que cada cidadán ten unhas prioridades distintas e uns valores diferentes. Que o teu voto vaia en consonancia con eles e que finalmente sexa o que a maioría decida!", convida.

  • Plató no que se celebra este 26 de novembro o debate entre Sánchez, Colau, Feijóo e Abascal © Academia TV

    O debate entre Sánchez, Colau, Feijóo e Abascal confronta esta noite as posibles coalicións de goberno

    O debate electoral organizado pola Academia de Televisión para a noite deste xoves preséntase como unha das citas máis destacadas dos tres días que restan para o 29N por presentarse como un contraste entre dúas posibles coalicións de Goberno: a continuidade da opción progresista encabezada polo PSOE e a Fronte Ampla ou a alternativa bipartita da dereita do PP coa extrema dereita de Vox.

    Coma o cara a cara entre Sánchez e Feijóo, o programa comezará ás dez da noite e volverá estar moderado pola presidenta da Academia, María Casado. Durará unhas dúas horas distribuídas en cinco bloques temáticos: vivenda, economía e fiscalidade; políticas sociais e servizos públicos; loita contra a corrupción e rexeneración democrática e migración e política exterior.

    O sorteo previo ao programa ditaminou que o debate o comece Ada Colau seguida de Sánchez, Feijóo e Abascal. Os minutos finais, igualmente decididos por sorteo, abriraos Sánchez; seguirao Abascal e a continuación, Colau e Feijóo. Ao contrario que en 2023, cando o ex-presidente se ausentou do debate a catro celebrado en RTVE, desta volta si asistirá por ser un encontro non organizado pola televisión pública. Emitirase polas principais canles agás a TVG, aínda que a federación que agrupa as televisións autonómicas adquiriu o sinal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.