29N: socialismo (e achegados) ou barbarie?

  • Editorial
Sobre de votación para as eleccións xerais do 29N CC-BY-NC-SA Praza.gal

Estamos hoxe, tal como Friedrich Engels predixo hai unha xeración, hai corenta anos, ante a escolla: ou triunfo do imperialismo e afundimento de toda cultura, como na antiga Roma, despoboamento, desolación, dexeneración, un gran cemiterio. Ou vitoria do socialismo, é dicir, da acción de loita consciente do proletariado internacional contra o imperialismo e o seu método: a guerra.
Die krise der sozialdemokratie, I. Zurich, 1916.

Ainda que formulada no contexto da primeira guerra mundial (abril do 1915), a coñecida consigna popularizada por Rosa Luxemburgo converteuse nun tópico recorrente das esquerdas contemporáneas.

Non é estraño que así sexa: a disxuntiva expresa a incerteza histórica dunha situación dada (na que son os pobos os que toman as súas propias orientacións, non unha dialéctica mecánica, instalada de serie no funcionamento do sistema de produción), e permite sintetizar as alternativas en liza, axudando así á toma de decisións individuais e colectivas.

Nun editorial previo, publicado o 6 de outubro con motivo da convocatoria anticipada de eleccións xerais, tivemos ocasión de subliñar a importancia histórica dos comicios do 29N. Consecuentemente, coidamos moito o camiño cara a esta data, con informacións e opinións encamiñadas a explicar á cidadanía galega o que está en xogo. Insistimos tamén na importancia da folga xeral do 11N, colofón da nosa preocupación editorial pola defensa do dereito á vivenda, e puxemos o foco nas principais candidaturas da esquerda galega durante a súa campaña electoral sen apagalo, como é obvio, cara ás demais.

Como xornal que acredita no pluralismo democrático non nos toca pedir o voto para ningunha candidatura nin elucubrar a partir de proxeccións cal poder ser o voto máis "útil". Si lembrar a importancia da participación; canto máis alta sexa, menos cuestionable será o resultado pola extrema dereita e a dereita extrema

Como xornal que acredita no pluralismo democrático agora non nos toca pedir o voto para ningunha candidatura. Tampouco elucubrar, a partir de proxeccións electorais, cal pode ser o voto máis “útil”, en función dos cocientes de reparto provincial de escanos que determina a lei D´Hondt.

Si nos parece necesario lembrar a importancia da participación. Porque canto máis alta sexa (que xa está demostrando o voto por correo e o voto exterior), mellor. E menos cuestionable será o resultado electoral por parte da extrema dereita e a dereita extrema. Unha alta participación será o antídoto idóneo contra os intentos de amordazar o voto do exterior (coa inestimable colaboración do Tribunal Supremo) e deslexitimar a limpeza do proceso electoral.

E para estimular esa participación, nada mellor que lembrar os concretos termos que adopta, nesta terra e neste tempo, a disxuntiva de Rosa Luxemburgo.

O avance prognosticado de Vox alén dos 50 deputados, xunto co mantemento do apoio ao Partido Popular, apunta cara un escenario político moi preocupante, mais probable, de hexemonía das dereitas extremas nas Cortes Xerais. Mesmo nese escenario, estaría por ver que Vox decidiría entrar nun goberno encabezado por Feijóo. Manterse á marxe, apoiando a investidura dun goberno do PP en minoría cun pacto de lexislatura, permitiría a Abascal desenvolver as súas políticas sen o desgaste propio do goberno, sen perder esa imaxe electoral de partido “antisistema”, aspirando así estratexicamente a lograr algún día o sorpasso ao propio PP.

Mesmo cun goberno en minoría do PP estariamos abocados a padecer as mesmas políticas ultraliberais que Feijóo fixo en Galicia dende 2009 e que no Estado teñen a diáfana paternidade de Aznar. A maiores, cun Executivo a prol da barbarie xenocida de Israel, de recorte de dereitos e persecución do pluralismo ideolóxico

Probablemente, a algúns lles gustaría contemplar a xustiza poética dun Feijóo alguacilado por unha minoría radicalizada nun goberno bipartito, e pensarían que tal cousa lles faría encher as redes de votos en próximos comicios electorais. Porén, mesmo nun escenario de goberno en minoría do PP estariamos abocados a padecer até 2030 as mesmas políticas ultraliberais que Feijóo fixo en Galicia desde 2009: a entrega dos sectores produtivos aos grandes poderes económicos, como no caso eólico; o sacrificio do territorio polo produtivismo (sector forestal), a erosión constante dos servizos públicos (de educación, sanidade, coidados...) para favorecer a oferta privada; a negación do cambio climático; a imposición do castelán en detrimento da normalización da nosa lingua propia; a captura económica de moitos medios privados de comunicación e o descarado uso propagandístico dos medios públicos… Políticas ultraliberais cuxos resultados a nivel de Estado son tamén coñecidos e teñen unha diáfana paternidade política: o PP do Aznar que dilapidou o sector empresarial público, promoveu o emprego lixo ou deitou sobre Galicia hipotecas aínda vivas con Feijóo no seu organigrama de altos cargos.

O enorme retroceso democrático, a barbarie expansiva dun escenario de hexemonía das dereitas extremas nas Cortes Xerais, preocupante mais probable, é evidente. Velaí está. Todo voto que o evite será útil e necesario. Ás urnas!

E a maiores, veríamos tamén a un goberno do Estado posicionado a prol da barbarie xenocida perpetrada polo Estado de Israel, o incremento do gasto militar até o 5% do PIB, o apoio ao imperialismo norteamericano da doutrina Donroe, o apoio ás patronais en detrimento dos dereitos laborais da clase traballadora, o recorte de dereitos (eutanasia, LGTBIq, aborto), a expulsión sen contemplacións dos inmigrantes africanos, a proliferación da “prioridade nacional”, a reforma do sistema electoral xeral e de elección do Poder Xudicial, a persecución penal do adversario político, o uso da “neutralidade ideolóxica” como forma de persecución do pluralismo ideolóxico...

O enorme retroceso democrático, a barbarie expansiva dese escenario, é evidente. Velaí está.

Aínda que as forzas políticas de esquerda que se presentan ás eleccións xerais discrepen sobre a modalidade de socialismo a defender e poñan o acento en aspectos distintos dos seus proxectos colectivos (a construción nacional galega, unha socialdemocracia federal, un ecosocialismo ambicioso...), todas teñen xa dúas vantaxes importantes: a experiencia dun bloque no poder mantido durante a XV lexislatura malia as moitas dificultades atravesadas; e o feito de teren en común o inimigo a bater: esa barbarie relambida que viría da man de Alberto Núñez Feijóo e o seu gabinete habitual, situados perante a súa derradeira oportunidade de chegar onde sempre quixeron e, polo tanto, dispostos a facéreno practicamente a calquera prezo.

Todo voto que evite ese resultado electoral será útil e necesario. Europa e o resto do mundo observa con inquietude como decidimos entre socialismo, ou socialismos, ou socialismo e os seus achegados… Ou barbarie.

Ás urnas!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.