29 de novembro: moito máis que unhas eleccións xerais

  • Editorial
A emerxencia habitacional marca a convocatoria electoral CC-BY-NC-SA Praza.gal

De conformidade co artigo 115 da Constitución, o Presidente Sánchez vén de exercer a súa prerrogativa constitucional de anunciar a disolución das Cortes e a convocatoria de eleccións xerais para o vindeiro 29 de novembro.

Con este anuncio, ponse finalmente o ramo á XV Lexislatura, a lexislatura postpandemia iniciada en xullo do 2023 baixo a presión constante dunhas dereitas que nunca acabaron de aceptar a conformación dunha maioría de investidura entre o PSOE e as forzas soberanistas e as situadas á súa esquerda. Hai meses, mesmo anos, que o ex-presidente Feijóo e o equipo que trasladou consigo a Madrid reparten cargos e poñen nomes a virtuais ministerios aínda por gañar.

Con todos os problemas de xestión da pluralidade que implica, ese bloque histórico de contención da dereita extrema do PP e a extrema dereita de Vox termou razoablemente ben da lexislatura e trouxo avances en non poucas cousas. Por exemplo, o uso no Congreso das linguas oficiais diferentes do castelán, a xestión dos fondos Next Generation, a regularización de persoas migrantes, a suba do SMI, o incremento dos permisos de maternidade e paternidade, a reforma da dependencia ou unha política internacional alineada coa ONU e o multilateralismo internacional (agás a mancha do cambio de política sobre o Sahara Ocidental). Mellorable? Claro. Positivo? Tamén.

Non obstante, as boas cifras macroeconómicas xerais non poden ocultar o acrecentamento dos importantes desequilibrios que derivan do mantemento das políticas centrais que sosteñen desde hai décadas a nosa economía produtiva: centralización madrileña das rendas económicas, extractivismo territorial, aposta pola explotación turística, oligopolio enerxético, falta de investimento en I+D+i, falta de reforma do caducadísimo sistema de financiamento autonómico e local… E unha emerxencia habitacional cada vez máis lacerante.

O desafiuzamento de Maricarmen do pasado 23 de setembro, un deses momentos estelares da Humanidade dos que falaba Stefan Zweig, provocou, polo seu poder simbólico, dous grandes efectos: unha impresionante aceleración do ritmo político e a unión de moitos malestares sociais arredor da inaccesibilidade da xente a ese ben básico que é a vivenda, ben expresada nas acampadas espontáneas artelladas en moitas cidades.

A derrota do Goberno na convalidación dos dous Reais Decretos-Leis aprobados polo Consello de Ministros e Ministras tras unha dura negociación non só ergueu unha numerosa vaga de manifestacións, no caso das cidades galegas máis poboadas as máis multitudinarias en anos. Tamén activou outros tres efectos: o peche da lexislatura; a convocatoria electoral para o vindeiro 29 de novembro; e o anuncio de que o Goberno do PSOE e Sumar someterá de novo a aprobación os Reais Decretos-Leis (agora, 28 e 29/2026), para que sexa a Deputación Permanente a que previsiblemente convalide cando menos o primeiro deles, xa sen a peaxe do voto de Junts.

Non se trata só dun xogo de alternancias, de remudar ou non a Sánchez por Feijóo. A disxuntiva non é semellante, nin sequera, a aquel 2009 no que a cuestión era se era posible prolongar as políticas progresistas de PSdeG e BNG en Galicia ou substituílas polas vellas receitas do PP

A publicación da disolución das Cortes Xerais no BOE provoca, pola súa vez, o comezo do proceso electoral e, en particular, a determinación do censo electoral. Unha das súas partes, o CERA, foi obxecto de paralización e depuración cautelar (no tocante á aplicación da denominada Lei de Netos e Netas a 400.000 posibles votantes) polo Auto do Tribunal Supremo do 10 de setembro. Porén, e de conformidade co artigo 39 da LOREX, “Para cada elección el Censo Electoral vigente será el cerrado el día primero del segundo mes anterior a la convocatoria”, isto é, o 1 de agosto, cando non estaba en vigor a cautelar do TS. Isto provocará incerteza xurídica e polémica política arredor de algo tan sensible para unha democracia como a determinación das persoas con dereito a voto. Tamén sobreactuación das dereitas a respecto dun censo exterior que a actual cúpula estatal do PPdeG coñece ben. Moi ben.

Todas estas circunstancias, xunto coa evidente polarización da vida política do Estado (en outubro está previsto que o president Puigdemont poida volver a Catalunya ao abeiro da amnistía, a agrupación hoxe coñecida como Sumar deberá elixir a figura visible da súa candidatura) e internacional (en tres semanas será a segunda volta das eleccións brasileiras e as Midterms nos EUA), marcarán un difícil percorrido até o 29 de novembro, semanas para as que as forzas tractoras da mobilización polo dereito á vivenda lograron propiciar unha folga xeral da que só resta coñecer a data e a potencia. Non cabe descartar un clima de provocacións. Tampouco, tristemente, de violencia. Hai poucos días o alcalde socialista de Vilagarcía e presidente da Fegamp foi agredido en plena rúa. 

As esquerdas soñan cunha remontada épica. Se hai algo que permite confiar nela é o foco virado cara ao enorme problema habitacional. En todo o Estado, son palpables as consecuencias do que o Goberno de España fixo e deixou de facer ao respecto. Pero aquí e só aquí temos décadas de evidencia física para constatar as promesas de quen agora pide "a súa quenda" para disque solucionalo

Debemos, pois, sermos moi conscientes dos desafíos que temos por diante até o 29 de novembro. Non se trata só dun xogo de alternancias, de remudar ou non a Sánchez por Feijóo. A disxuntiva non é semellante, nin sequera, a aquel 2009 no que a cuestión era se era posible prolongar as políticas progresistas de PSdeG e BNG en Galicia ou substituílas polas vellas receitas do PP.

As dereitas aspiran acadar os 3/5 que lle permitan facer modificacións constitucionais profundas ao servizo dunha España reaccionaria cada vez máis asfixiante. E as esquerdas soñan con facer, a base de mobilización social, unha remontada épica que manteña a hexemonía do bloque histórico do 2023 malia os desgastes dunha lexislatura tan histérica. Bloque histórico que, asemade, é a mellor porta para poder seguir aspirando a melloras en clave galega. Sobra lembrar os balances a ese respecto dos Aznar ou Rajoy.

Se hai algo que permite confiar nese soño é o foco virado cara ao enorme problema habitacional, que sitúa no corazón mesmo das eleccións xerais un problema vital que afecta a todas as xeracións de todas as nacións do Reino, tamén á galega. Porque en Galicia, como no resto do Estado, son palpables as consecuencias do que o Goberno de España fixo ao respecto e as eivas polo que deixou de facer. Pero aquí e só aquí temos décadas de evidencia física para contrastar as promesas de quen agora pide “a súa quenda” para disque solucionalo en catro anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.