O alcalde socialista de Vilagarcía, agredido na rúa ao berro de "rojos de mierda"

Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía, nun acto público o pasado agosto © Concello de Vilagarcía

Alberto Varela recibiu golpes e empurróns dun home mentres se atopaba na terraza dun local hostaleiro con amizades e familiares, entre eles a súa filla. Varias das persoas que o acompañaban tamén foron agredidas ao tentaren afastar o home

O alcalde socialista de Vilagarcía, Alberto Varela, foi agredido no serán deste pasado sábado na rúa ao berro de "rojos de mierda". O tamén presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en representación do PSdeG relatou a través das súas contas nas redes sociais o sucedido, que Praza.gal puido contrastar a través de fontes presenciais.

Os feitos aconteceron na terraza dun local hostaleiro da localidade, onde o rexedor celebraba o aniversario dun amigo con amizades e familiares, persoas entre as que se atopaba a súa filla. Foi nese contexto onde o agresor, residente da contorna, baixou da súa vivenda coa intención de "encararse" con Varela, a quen propinou dous golpes nas costas para despois "botarlle as mans ao pescozo e á cara" e mais "empurralo" coa intención de seguir "pegándolle".

Alberto Varela, alcalde de Vilagarcía e presidente da Fegamp © Fegamp

As mesmas fontes explican que o alcalde de Vilagarcía tentou zafarse do agresor e, simultaneamente, varios dos presentes procuraron afastalo. Pero o home, no canto de cesar na súa intención, agrediu tamén a varias persoas máis mentres os increpaba co devandito berro. "Quero agradecer ao grupo de persoas coas que estaba, que fixeron por separalo a pesar de que no intento recibiron golpes tamén", detalla Varela no seu comunicado sobre a agresión, tras a cal se desprazaron ao lugar varias patrullas policiais en prevención de que o home regresase ao lugar.

"Sinto a obriga moral de reivindicar un mundo mellor e de manifestar a miña profunda repulsa aos violentos e aos impulsores do odio", afirma o tamén presidente da Fegamp. O mesmo home xa manifestara modais violentos durante unha intervención nun pleno do Concello vilagarcián do que acabou expulsado

"Laméntoo polo meu amigo que celebraba un aniversario e por todas as persoas que o compartían" e "especialmente pola miña filla pequena, que estaba ao meu carón" e que "hoxe segue preguntándome por que ese home quixo pegarnos a todos", indica. "Eu -agrega- aínda non sei que contarlle", pero "sinto a obriga moral de reivindicar un mundo mellor e de manifestar a miña profunda repulsa aos violentos e aos impulsores do odio".

Alberto Varela manifesta, asemade, o seu agradecemento polas "persoas que me manifestaron o seu afecto" ao saber do sucedido. Segundo puido saber Praza.gal, o mesmo home que agrediu o alcalde de Vilagarcía xa amosara modais violentos no transcurso dun pleno da corporación municipal, no que empregara a quenda de intervencións da veciñanza para, tras queixarse de ruídos de locais hostaleiros do municipio, asegurar ter "armas para todos", relatan fontes que presenciaron a intervención, especificando que a súa actitude violenta motivara que fose expulsado.

O alcalde de Vilagarcía ten previsto formalizar unha denuncia por unha agresión sobre a que, explica a súa contorna, dubidou se facer ou non pública. "O odio nunca vai crear futuro; quero un futuro mellor para min, par aa miña filla e tamén para o meu agresor", di Varela, a cuxo xuízo "ningunha idea é tan importante como a que promove a comprensión e a empatía.

Tras transcender a agresión o alcalde de Vilagarcía recibiu diversas mostras de apoio público. A comezar polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen considera que "levamos demasiado tempo vendo como se normalizan os insultos e o sinalamento político. A dereita e a extrema dereita teñen unha responsabilidade: deixar de alimentar unha confrontación que acaba convertendo á xente progresista en dianas", indica. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.