Novo ataque á sede do PSdeG en Lugo con pintadas da extrema dereita

Pintadas con mensaxes da extrema dereita na sede do PSdeG en Lugo, este 27 de setembro CC-BY-NC-SA PSdeG

Apenas dez días despois de apareceren coa lenda "rojos de mierda", as instalacións dos socialistas na capital lucense sofren novas pintadas con insultos e mensaxes a prol de Vox e da Falange

Apenas dez días despois de ser vandalizada coa lenda "rojos de mierda", a sede do PSdeG en Lugo sofre un novo ataque con pintadas da extrema dereita. Desta volta a entrada ao edificio, a beirarrúa e os locais comerciais lindeiros apareceron este sábado inzados de insultos e mais mensaxes de apoio a Vox ou á Falange.

Inscricións como "Vox es la salvación", "Vota Vox 2027" ou "Perros" supoñen para os socialistas, pola súa cantidade e contidos, "un salto cualitativo na gravidade dos feitos". Máis aínda porque "provocaron un prexuízo directo á veciñanza" da zona, alén do propio partido, ao tempo que "apelan directamente ao fisco e á ultradereita".

Detalle das pintadas con mensaxes da extrema dereita na sede do PSdeG en Lugo CC-BY-NC-SA PSdeG

"Estamos ante unha escalada intolerable de violencia política e de odio que non só pretende agredir o PSOE como organización", senón "poñer en cuestión os principios básicos da democracia, a convivencia e a liberdade de expresión", considera a vicesecretaria xeral e secretaria de organización do partido na provincia, Pilar García Porto. "Trátase do segundo atentado en poucos días" co "obxectivo de amedrentar e dividir a cidadanía", coida a tamén alcaldesa de Antas.

"Estamos ante unha escalada intolerable de violencia política e de odio que non só pretende agredir o PSOE", senón "poñer en cuestión os principios básicos da democracia, a convivencia e a liberdade de expresión", denuncian

Consideran os socialistas que "a reiteración destes feitos amosa que estamos diante dun patrón organizado de violencia política". "Non é casualidade nin un feito illado", afirma García Porto, senón "unha estratexia de odio alentada pola extrema dereita, que busca normalizar a crispación e a intolerancia" ao tempo que "amosan a covardía de quen leva a cabo" estes feitos. "En lugar de confrontar ideas dende o respecto democrático, recorren á ameaza e ao insulto", censuran.

O PSdeG lucense avanza que prevé "adoptar as medidas legais correspondentes" por un ataque ante o que a dirección nacional do partido advirte de que "a ultradereita non nos calará coas súas ameazas nin cos novos actos vandálicos contra a nosa sede en Lugo". "Defendemos a democracia e seguiremos denunciando a súa estratexia de odio fronte a unha dereita compracente, que lle dá ás", resalta a formación que encabeza José Ramón Gómez Besteiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.