O outono que estamos a vivir desenvólvese baixo o signo dunha termodinámica social acelerada, tan volátil como estraña.
É lóxico que neste contexto persistan dúbidas sobre se os motores da mobilización social e sindical acadarán a temperatura necesaria para lograr o éxito. Mesmo así, ou precisamente por iso, preséntase como fundamental a participación nunha folga xeral cuxos motivos están máis que xustificados
A extraordinaria mobilización social desencadeada o 23 de setembro polo desafiuzamento de Maricarmen Abascal foi o comezo do final dunha das lexislaturas máis tensas que se lembran.
A derrota do Goberno de España na convalidación polo Congreso dos Reais Decretos-Lei 26/2026 e 27/2026, aprobados para facer fronte á emerxencia habitacional, fixo que o 5 de outubro Pedro Sánchez decidise disolver as cámaras e convocar eleccións xerais, situando así nese marco da vivenda o comezo da longa campaña electoral até o 29 de novembro. Ese mesmo día, 5 de outubro, UXT e CCOO, a confederación de sindicatos de inquilinas, a CGT, a CNT e outras centrais sindicais acordaban convocar un paro xeral que xuntase as reivindicacións habitacionais coas laborais e salariais, como viñan reclamando os movementos na defensa do dereito á vivenda. A este paro sumáronse decontado os sindicatos nacionalistas de Euskadi e Galicia.
Superadas as dúbidas das patronais CEOE e CEPYME sobre a consistencia xurídica desta convocatoria, a curva de aceleración mobilizadora que toda folga xeral supón, pola súa complexidade, foi cortada en seco o 28 de outubro polo acidente ferroviario de Urda. É lóxico que, neste contexto de shock pola catástrofe, persistan dúbidas sobre se os motores da mobilización social e sindical acadarán a temperatura necesaria para lograr o éxito, nun momento en que, ademais, os actores políticos están absorbidos pola posta a punto das súas maquinarias electorais.
Mesmo así, ou precisamente por iso, preséntase como fundamental a participación da cidadanía na folga xeral do 11N. Por dúas grandes razóns:
O problema de atopar vivenda accesible é cada vez máis grave para cada vez máis amplos segmentos da poboación. Isto enlaza cos motivos laborais da protesta: a reivindicación de subas salariais acordes co nivel de vida ante unha patronal que leva todo 2026 anticipando a chegada dun goberno de extrema dereita
A primeira é que os motivos do paro xeral están máis que xustificados. O problema de atopar vivenda accesible é cada vez máis grave para cada vez máis amplos segmentos da poboación. As consecuencias desta emerxencia habitacional transversal son cada vez máis intensas e profundas, porque unida á actual repunta inflacionaria, erosiona a capacidade adquisitiva das clases populares (non só as traballadoras en activo) até niveis de pobreza. Neste punto, a presión da folga xeral vai directamente dirixida a dotar de soporte social a convalidación dos Reais Decretos-Lei de emerxencia habitacional, os 28 e 29/2026, que se votarán (e probablemente aprobarán) o día 12 na Deputación Permanente; non tanto para esta votación, senón para que o escenario político que veña despois do 29N manteña intactos os dereitos sociais que recoñecen.
Isto enlaza cos motivos laborais da protesta: a reivindicación de subas salariais acordes co nivel de vida, plasmada na proposta de VI Acuerdo para el Empleo y la Negociación Colectiva (AENC), que inclúe, con incrementos salariais entre o 4% e o 7%, cláusulas de revisión salarial e cláusulas para facilitar o acceso à vivenda, e o desbloqueo dos convenios colectivos pendentes, así como a Propuesta Sindical Unitaria impulsada polas centrais sindicais estatais, que recolle un decálogo de medidas de articulación do dereito á vivenda. A CIG conta co seu propio decálogo de medidas de choque en rescate da clase traballadora. En todo caso, trátase de mostrar a forza suficiente para lograr que unha patronal que xa leva todo o 2026 anticipando a chegada dun goberno de extrema dereita, negocie e reparta cos traballadores e traballadoras os beneficios do medre económico acadado nos anos posteriores á pandemia.
A segunda razón ten que ver co contexto histórico no que se desenvolve esta folga xeral. Toda a tensión acumulada durante a XV Lexislatura entre o bloque das dereitas e o bloque das esquerdas vaise resolver electoralmente o 29N, nun momento no que o movemento autoritario e iliberal internacional apañou dúas grandes derrotas coa vitoria de Lula no Brasil e a derrota do Partido Republicano nas eleccións de medio mandato dos EUA, ao tempo que medra en toda Europa o descontento social coa xestión dos gobernos conservadores.
A folga xeral marcará o ton da mobilización social que a campaña electoral traducirá en voto democrático. De aí a súa importancia como ferramenta de pedagoxía, concienciación e loita contra o abstencionismo
Unha folga xeral convocada xusto antes do comezo da campaña electoral non deixa de ser, ela tamén, un enorme acto de campaña en termos de tectónica de grandes bloques ou, se así se quer, de loita de clases entre capital e traballo, que proxectará os seus efectos alén do propio mércores, e alén de España. Por iso é fundamental parar a actividade do país nos polígonos industriais, nos servizos, no transporte público, nos servizos públicos; non se trata apenas de manifestarse nas rúas.
A folga xeral marcará o ton da mobilización social que a campaña electoral traducirá en voto democrático. De aí a súa importancia como ferramenta de pedagoxía, concienciación e loita contra o abstencionismo, se queremos evitar que tras o 29N chegue á Moncloa un bipartito de extrema dereita neofranquista encabezado por un especialista en ir cos da feira e vir cos do mercado: Alberto Núñez Feijóo, "galego coma ti".