Galicia frea na recuperación do emprego: 8.000 máis en 2019, 100.000 menos que antes da crise

O emprego en Galicia seguía a finais de 2019 por baixo dos niveis previos á crise CC-BY-NC-SA Foto: CIG | Gráficos: Praza Pública

Galicia rematou 2019 con 7.900 empregos máis que en 2018 malia a baixada na ocupación en 9.700 persoas no último trimestre con respecto ao anterior. A cifra de persoas ocupadas situouse a final de ano en 1.096.000, logo dun incremento anual de tan só o 0,7%, dato que confirma a ralentización da creación de emprego no país

O feble incremento no emprego amosa a ralentización do mercado laboral galego; aínda hai 100.000 persoas ocupadas menos que no trimestre previo á crise

Mentres que 2018 rematara con 32.200 persoas ocupadas máis, os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) de 2019 amosan un incremento de case 8.000 e unhas cifras que se achegan aos niveis anteriores á crise pero que aínda non os alcanzan. É un feble aumento anual co que se supera por pouco o millón de persoas ocupadas, unhas 100.000 menos das que había no cuarto trimestre de 2008 e, xa que logo, no momento no que comezou a grave crise económica da que aínda se sofren as consecuencias, só unhas semanas despois da caída de Lehman Brothers.

A crise económica dos últimos anos provocou non só a perda de emprego e o aumento da precariedade, senón tamén o esfarelamento do mercado laboral por mor da emigración, a falta de oportunidades e a caída demográfica. 

Hai 82.400 persoas activas menos que antes do comezo da crise en 2008 e a taxa de actividade é cinco puntos inferior á do conxunto do Estado

No cuarto trimestre de 2019, o número de persoas activas --poboación que traballa ou busca emprego-- en Galicia situouse en 1.241.700, tras un descenso en 7.500 respecto ao trimestre anterior e un incremento anual de 4.700. Con todo, a cifra total é aínda de 82.400 activas menos con respecto aos niveis anteriores á crise, hai xa once anos. 

Ademais, a taxa de actividade é de tan só o 53,1%, fronte ao 58,7% do conxunto do Estado, unah diferenza que dá conta da importante contracción do mercado laboral galego.

En canto ao paro, no cuarto trimestre de 2019 situouse no 11,7%, con 145.800 persoas desempregadas, 2.300 máis que no trimestre anterior pero 3.100 menos que un ano antes. 

Galicia conta aínda agora con maior taxa de paro, maior número de parados, menos emprego e menos poboación activa que nos últimos meses do bipartito

O nivel do paro en Galicia vaise achegando aos poucos á época previa ao estoupido da crise económica. Naquel último trimestre de 2008, a taxa de desemprego en Galicia era inferior ao 10% (9,64%) e o número de persoas paradas situábase en 127.700, case 20.000 menos que na actualidade. 

A finais de 2009, hai xusto unha década, o paro alcanzaba xa máis de 167.000 persoas, unhas 20.000 máis que hoxe en día, e incremetaríase progresivamente ata rozar as 300.000 a mediados de 2014. Desde aquela, foi descendendo ata aproximarse aos niveis pre-crise, pero despois de que se destruísen 100.000 empregos e o mercado laboral perdese máis de 80.000 activos nos últimos once anos. 

Os fríos números amosan, xa que logo, que Galicia conta aínda agora con maior taxa de paro, maior número de parados, menos emprego e menos poboación activa que nos meses anteriores á crise, os últimos do goberno bipartito de PSdeG e BNG. 

No conxunto do Estado, o paro baixou en 2019 en 112.400 persoas e creáronse máis de 400.000 empregos, uns datos con luces e sombras pero que non sofren impacto negativo ningún tras a aplicación nese exercicio da maior suba no salario mínimo interprofesional (SMI) en democracia. 

O caso é que a feble recuperación en Galicia chegou tamén a costa do aumento da precariedade, tal e como amosan os datos desta última EPA. A taxa de temporalidade sitúase, por exemplo, en case o 26%, alcanzando o 28% no caso das mulleres. 

Tal e como destacan os sindicatos, das 228.900 persoas que teñen un contrato temporal en Galicia, 1.800 téñeno de tan só un día e o de 10.900 dura menos dun mes. En 2019, cada persoa asalariada temporal asinou 4,3 contratos de media, case o dobre que hai unha década, segundo os datos que destacan os sindicatos. 

Ademais, do total de persoas ocupadas, o 14% sono a tempo parcial, 153.000. Dese total, o 53,7% (82.200 persoas) están nesta situación dun xeito involuntario por non atopar outra modalidade de contratación. 

Alén disto, no cuarto trimestre de 2019, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro aumentou en 2.200 unidades e situouse en 52.300 fogares. Respecto ao cuarto trimestre de 2018, esta tipoloxía de fogares reduciuse un 3,5%.

Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados diminúe en 4.900 unidades. O número de fogares nesta situación é de 612.600, 8.100 fogares máis que hai un ano, o que supón unha suba do 1,3% en termos relativos.

Malia todo, a Xunta destaca os datos positivos das últimas cifras da EPA e destaca que "Galicia pecha 2019 con máis e mellor emprego". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.