O freo á creación de emprego en Galicia faise cada vez máis evidente. Os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) feitos públicos este xoves confirman a desaceleración do mercado laboral galego, que creou 6.900 empregos no terceiro trimestre do ano, tres veces menos que no mesmo período de 2018, cando se crearan 20.700 en pleno verán, unha estación que desta vez non foi tan frutífera.
Galicia creou 6.900 empregos no terceiro trimestre do ano, tres veces menos que no verán do pasado ano
A ocupación aumentou, xa que logo, en 6.900 persoas entre xullo e setembro respecto ao trimestre anterior ata alcanzar 1.105.700 de persoas ocupadas, polo que a taxa de ocupación aumenta 0,2 puntos, ata o 47,3%. Respecto a hai un ano, o número de oucpados incrementouse en 9.200.
O incremento da ocupación deuse entre a poboación asalariada, con 12.500 novas persoas con emprego, pero que tiveron na súa maioría contratos temporais, algo máis de 10.000.
Por sectores, o número de persoas ocupadas aumentou en todos os sectores agás nos servizos. Na industria increméntase en 7.700 persoas, o sector primario rexistra un aumento de 2.400 persoas e a construción de 6.600 persoas. Pola contra, os servizos rexistran 9.700 traballadores e traballadoras menos, resultado da fin do verán e da elevada temporalidade e precariedade que sofre este sector.
En canto ao desemprego, incrementouse en 3.100 persoas no terceiro trimestre, ata alcanzar unha cifra de 143.500 persoas e situar a taxa no 11,5%. Con respecto ao mesmo período do ano pasado, o número de parados e paradas diminúe en 9.500 persoas (un -6,2%) e a taxa de paro baixa en 0,7 puntos.
Porque o incremento, aínda que lixeiro, na ocupación non evitou a suba do paro, o que ten a súa explicación na incorporación de máis de 10.000 persoas ao mercado laboral.
O aumento do paro cébase coas mulleres, xa que diminúe o desemprego masculino e aumenta o feminino: o número total de homes parados sitúase en 63.700 persoas (5.200 menos que hai tres meses) e o de mulleres é de 79.700 persoas (8.300 mulleres máis en paro).
O paro aumentou en 3.100 persoas no terceiro trimestre malia o incremento na ocupación ao incorporarse máis de 10.000 ao mercado laboral
Polo tipo de xornada, no terceiro trimestre de 2019 creouse emprego a xornada completa en detrimento do da xornada parcial (1.600 persoas ocupadas máis a xornada completa fronte a 9.100 menos a xornada parcial). Con todo, o 13,5% da poboación ocupada en Galicia ten un posto de traballo a xornada parcial e das persoas que traballan a neste tipo de xornada, o 52,7% fano porque non atoparon un traballo a xornada completa e só o 10,4% afirmou non querer un traballo de xornada completa, tal e como denuncian os sindicatos.
Ademais, no terceiro trimestre de 2019, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 2.100 unidades e sitúase en 50.100, o que supón un descenso do 5,5% respecto a hai un ano.
Por outra banda, o número de casas nas que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 400 unidades. O número de fogares nesta situación é de 617.500, 10.500 máis que no anterior trimestre.
No que ten que ver co número de persoas activas, no terceirto trimestre de 2019 situouse en Galicia en 1.249.200, o que sitúa a taxa de actividade no 53,5%. Con respecto ao trimestre anterior, o número de activos e de activas aumenta en 10.100 persoas, pero descende en 200 de comparalo con hai un ano.