Case 107.000 contratos asinados para destruír máis de 7.000 empregos. O mes de setembro non muda a evolución do mercado laboral en Galicia, onde a elevada rotación, a temporalidade e a precariedade seguen sendo as características principais.
Ademais, o paro rexistrado sobe tamén en 3.164 persoas en Galicia, un 2% e un incremento superior á media no Estado (+0,4%). É o setembro con maior incremento desde o ano 2011 no país, mentres que no conxunto de España os datos supoñen o menor repunte desde 2007, un dato que ten que ver tamén coa contratación de profesorado en setembro tras as vacacións de verán en moitas autonomías.
O paro en Galicia sobe en 3.164 persoas en setembro, o maior incremento neste mes desde 2011
O número de cidadáns inscritos nas oficias de emprego aumenta en todas as provincias e en todos os sectores agás na agricultura, onde baixan un chisco, pero sobre todo no sector servizos, que acumula case todo o incremento con 2.847 máis. Nada que mude a tendencia de hai moitos anos, que implica unha recuperación mínima e aos poucos, centrada na hostalería e no turismo.
Con todo, con respecto a hai un ano, en Galicia hai 9.336 persoas paradas menos, un descenso do 5,6%. Son, en total, 156.984.
Entre os homes, o paro sobe en 1.257, fronte a 1.907 mulleres desempregadas máis, un novo incremento na fenda de xénero. Por idades, o paro medra máis entre as persoas menores de 25 anos (7,5 %) que entre as maiores desa idade (1,8 %).
Alén da baixada do paro, o mes de setembro deixa tamén unha importante destrución de emprego. O número medio de afiliacións á Seguridade Social acadou a cifra de 1.029.547 para o total do sistema, o que supón unha diminución respecto a agosto de 7.353 afiliacións (-0,7%). No conxunto do Estado, a cifra de afiliacións aumenta un 0,02% en comparación co mes anterior.
O número medio de afiliacións á Seguridade Social baixou en 7.353 durante o mes de setembro malia asinarse 106.375 contratos, o 91% deles temporais
Na comparativa interanual hai un incremento de 15.659 afiliacións no total do sistema en Galicia (1,54%) e un incremento do 2,44% no conxunto estatal.
O caso é que malia acabar destruíndo emprego, en Galicia asináronse en setembro un total de 106.375 contratos, 13.106 máis que en agosto. Do total de contratacións, tan só o 91% foron indefinidas. Ademais, e como lembra CCOO, os antecedentes son clarificadores: o 29,4 % dos contratos que se asinaron nos sete primeiros meses de 2019 eran de duración indeterminada e dos que se coñecía a duración, o 45% eran contratos de menos de una semana.
Por outra banda, en canto ás prestacións, cobran algunha 84.672 persoas. Delas, 40.270 cobran unha contributiva e o resto, 44.402, son persoas paradas en situación de necesidade que cobran un subsidio de 436 euros.
Xa que logo, en Galicia hai 58.708 demandantes de emprego con experiencia laboral que non teñen unha ocupación e que non reciben prestación ningunha, case 2.000 persoas máis que no mes anterior.
Os sindicatos denuncian a tendencia negativa dos datos do paro, a excesiva rotación e un modelo produtivo "esgotado", ademais do "asentamento da precariedade", polo que piden á Xunta que actúe dunha vez para mudar o rumbo.
Pola súa banda, desde a Administración autonómica, a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destaca que Galicia sitúa os seus niveis de desemprego en cifras moi inferiores ás de hai unha década.
Aumentan os fogares que chegan con dificultade a fin de mes
Por outra banda, os fogares galegos que chegan con dificultade a fin de mes aumentaron en Galicia 9,28 puntos, ao pasar do 27,8% rexistrado no segundo trimestre do ano ao 37,1% nestes últimos tres meses. O dato é tamén superior ao do mesmo período de 2018, cando a porcentaxe foi do 31,3%.
Os fogares galegos que chegan con dificultade a fin de mes aumentaron en Galicia 9,28 puntos; son o 37,1%
Así se desprende dos datos publicados este mércores polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que amosan que, con respecto ao trimestre anterior, prodúcese unha diminución de 7,86 puntos na porcentaxe Os fogares que chegan con dificultade a fin de mes aumentan no terceiro trimestre en Galicia na porcentaxe de familias que chegan con facilidade ou moita facilidade a fin de mes.
En concreto, no terceiro trimestre de 2019 o 57,3% dos fogares galegos chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes, dato inferior ao rexistrado no tres meses anteriores, cando alcanzou o 65,4%.