Case 600 empregos menos e 3.000 persoas paradas máis no peor agosto desde 2008 en Galicia

Exterior dunha oficina de emprego © Encomun.es

O final dos meses de verán de maior afluencia turística volven provocar o aumento do paro rexistrado e a destrución de emprego en Galicia. Como acontecera o ano pasado a estas alturas, a masiva sinatura de contratos durante agosto non evita que empeore o desemprego e caian as afiliacións á Seguridade Social. 

Así, segundo datos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, o número de parados rexistrados nas antigas oficinas do INEM situouse en Galicia en 153.820, 2.899 máis que no mes de xullo, o que supón un incremento de case o 2% (1,92), lixeiramente superior á media do Estado (1,81%), onde a suba é a maior desde 2010. 

O incremento do paro é o maior nun mes de agosto desde 2008, antes da crise económica

É aínda peor no caso galego, onde este incremento supón o maior do paro nun mes de agosto desde 2008, antes mesmo da crise económica, un dato que para os sindicatos “evidencia a desaceleración do emprego” no país. 

A cifra de desempregados, con todo, baixou en máis de 10.000 con respecto ao mesmo mes do ano pasado nun agosto no que os datos empeoraron en todas as provincias galegas e no que se volve poñer de manifesto a fenda de xénero, cun aumento en 1.047 persoas do número de parados entre os homes fronte ás 1.852 mulleres máis. 

Ademais, o paro subiu lixeiramente na construción e na industria e mesmo descendeu un chisco na agricultura e no colectivo sen emprego anterior, pero unha vez máis foi o sector servizos quen cargou con case todo o incremento, ao sumar 2.672 novos desempregados nas listas das oficinas de colocación. 

Alén disto, e tendo en conta os datos de afiliación á Seguridade Social, Galicia destruíu case 600 empregos en agosto (-582), deixando a cifra de afilados en 1.036.900, e malia á elevada cifra de contratos asinados durante este pasado mes: 93.692. Son, con todo, uns 27.500 menos que no mes de xullo.

Do total de contratos asinados, tan só o 6,2% foron baixo algunha modalidade de contratación indefinida, evidenciándose unha vez máis a precariedade, temporalidade e baixa calidade do traballo en Galicia. De repararmos na baixada da afiliación neta malia a elevada contratación, a conclusión é a elevadísima rotación no mercado laboral galego, con milleiros de contratos de duración indeterminada e moitos menos de menos dunha semana. 

Agosto destruíu 582 empregos en Galicia malia asinarse case 94.000 contratos, tan só o 6,2% deles indefinidos

Ademais, en Galicia cobran algún tipo de prestación 83.546 persoas, das que 38.842 perciben unha prestación contributiva e o resto (44.704) son persoas paradas en situación de necesidade que cobran un subsidio de 436 euros. Xa que logo, hai 56.844 demandantes de emprego con experiencia laboral que non teñen unha ocupación e que non reciben prestación ningunha. 

Malia as críticas e advertencias chegadas desde os sindicatos, a Xunta céntrase nos datos positivos para destacar o feito de que Galicia conte cuns 10.000 parados menos que hai un ano. Indo máis aló, o comportamento do paro é o peor desde 2008, desde antes da crise. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.