Case 100.000 contratos nun agosto que remata con 1.200 empregos menos en Galicia

Instalacións dunha oficina de emprego CC-BY-SA Praza Pública

Non foi necesario agardar ao final do verán. No mes de agosto destruíronse en Galicia 1.158 empregos e subiu o paro rexistrado en 1.012 persoas, até alcanzar o número de desempregadas un total de 164.424 no país. A perda de cotizantes deixa a cifra nos 1.020.388 afiliados á Seguridade Social; con todo, case 21.500 mais que o ano pasado, mentres que as oficinas do servizo público de emprego contan con 16.701 inscritos menos que hai doce meses. 

Malia as positivas cifras interanuais, os datos de agosto constatan unha recuperación feble, lenta, precaria e de alta rotación e temporalidade

Malia as positivas cifras interanuais, os últimos datos volven deixar en evidencia unha recuperación do emprego feble, lenta e moi precaria en Galicia, baseada no sector servizos, nunha alta rotación e na temporalidade. Só un dato: asináronse en Galicia case 100.000 contratos (99.717) nun mes de agosto que rematou con case 1.200 empregos menos (1.158). Destas contratacións de época estival, o 91,4% foron temporais e tan só 8.568 foron indefinidas. Outro máis: no conxunto do Estado, tan só no último día de agosto 363.017 foron dadas de baixa na Seguridade Social. 

Ademais, tal e como destacan os sindicatos, a suba do paro en agosto supón un cambio de tendencia, xa que é a primeira vez que iso pasa no mes de agosto desde hai sete anos en Galicia. Ademais, advirten de que as lixeiras baixadas do desemprego nos últimos meses tiñan que ver máis coa perda de poboación activa pola emigración que con outra cousa. 

Así, o paro sobe en Galicia especialmente no sector servizos (+1.134) e tamén na industria (+450) mentres baixa un chisco na construción, no sector primario e no colectivo sen emprego anterior. Por provincias, ascende sobre todo en Pontevedra, con 1.045 persoas máis apuntada nas oficinas de emprego, un pouco en Ourense ao tempo que baixa tamén algo na Coruña e Lugo.

O paro sobe en Galicia especialmente en servizos (+1.134) e tamén na industria (+450) mentres baixa no resto de sectores

Por sexos, a evolución do desemprego segue a ser peor nas mulleres que nos homes, xa que mentres o paro feminino increméntase no 0,89%, o masculino faino nun 0,25%.  Son 68.245 homes desempregados fronte a 96.179 mulleres. En canto ao desemprego xuvenil, son 7.456 mozos e mozas menores de 25 anos desempregados, cun incremento dun 1,32% do paro nesta franxa de idade. 

Os datos deste mes de agosto contrastan cos do mesmo mes do ano pasado, onde a sinatura de contratos foi tamén abondosa, uns 96.00, pero onde se crearon uns 2.300 postos de traballo. Daquela, a contratación medraba a un ritmo 42 veces maior que a creación de emprego. Desta vez, a máis contratos, destruíronse varios milleiros de empregos. 

Ademais, no mes de xullo, último dato dispoñible, só estaban a percibir unha prestación por desemprego o 53 % das persoas paradas con experiencia. Xa que logo, unhas 69.700 persoas paradas con experiencia laboral carecen de cobertura por desemprego.

A taxa de cobertura sitúase no 53%: unhas 69.700 persoas paradas con experiencia laboral carecen de cobertura por desemprego

Das persoas que estaban percibindo unha prestación por desemprego, só o 46,18 % recibe unha contributiva. No mes de xullo, o número de prestacións era de 78.682: 36.332 percibían unha prestación contributiva (o 46,18 % do total das prestacións), 32.793 un subsidio por desemprego (o 41,68 %), 8.259 a renda activa de inserción (o 10,50 %) e 1.298 correspondían ao programa de activación de emprego (o 1,65 %).

Por outra banda, na súa primeira reacción, a Xunta de Galicia destacou a redución interanual do paro e que "nos últimos cinco anos saíron do desemprego 93.100 persoas" en Galicia. "Entre xullo e agosto, o paro subiu un 0,62%, practicamente un punto menos que a subida que se rexistra no conxunto de España (que é do 1,5%)", indicou o Goberno galego, que advertiu tamén do aumento das afiliacións á Seguridade Social. 

A Xunta cre que os datos "confirman que a estabilidade en Galicia permite que o paro se sitúe a niveis inferiores aos de hai nove anos"

"Galicia é a segunda comunidade na que máis baixa o desemprego no ultimo ano e volve superar o millón de afiliados", destacou a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, que cre que os datos "confirman que a estabilidade en Galicia permite que o paro se sitúe a niveis inferiores aos de hai nove anos". “O paro interanual baixa en Galicia e sobe en España porque aquí goberna o PP e no conxunto do Estado o PSOE”, rematou o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.