Galicia remata 2019 con 14.000 empregos máis pero destrúe 3.300 en decembro

Exterior dunha oficina de emprego CC-BY-SA Praza Pública

Galicia conta con case 4.000 persoas paradas rexistradas menos que hai un ano e con 14.152 afiliados máis á Seguridade Social. Os datos interanuais, tras as cifras ofrecidas polo Ministerio de Traballo este venres, contrastan cos dun mes de decembro moito menos positivo para o mercado laboral galego. 

Galicia destruíu máis de 3.300 empregos durante o mes de decembro pero creou uns 14.000 en 2019

No último mes do ano, o paro rexistrado baixou un chisco en Galicia (-0,21) e en 351 persoas, pero no mesmo período perdéronse 3.331 empregos ao descender nesa cantidade as persoas afiliadas á Seguridade Social. Galicia perdeu, xa que logo, máis de cen empregos cada día en decembro, quedando o número total de cotizantes en 1.020.259 e o de parados rexistrados en 165.308.

O descenso do paro rexistrado no mes de Nadal é menor ao que se dá no conxunto do Estado (-1%) pero maior en termos interanuais (2,36% fronte ao 1,2%). E baixa en todas as provincias agás na de na Coruña. Ademais, a realidade é que o desemprego rexistrado aumenta en decembro en todos os sectores menos nos servizos, onde descende en máis de 1.500 persoas, e no colectivo sen emprego anterior

En canto á afiliación, o descenso é constante en Galicia desde o pasado mes de agosto, o que teima nos "preocupantes" datos dos que advirten os sindicatos. 

En canto aos contratos, asináronse  un total de 77.798 no pasado mes, só o 4% deles indefinidos. Ademais, a contratación indefinida diminúe un 14 % no último mes, mentres que a temporal medra nun 3,6 %, o triplo que a media no Estado.

Por outra banda, no mes de novembro cobraron algún tipo de prestación 91.735 persoas. Delas, 42.595 perciben unha prestación contributiva e o resto subsidios. Así, en Galicia hai 60.200 persoas demandantes de emprego, con experiencia laboral, que non reciben prestación ningunha.

Desde a Xunta, a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destaca que Galicia incrementa as afiliacións "por sexto ano consecutivo" e que "reduce o paro a niveis inferiores aos de 2008", ademais de "sumar dez meses superando o millón de cotizantes". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.