O primeiro ministro portugués ve "repugnante" que Holanda suxira investigar a España e Italia por non teren capacidade económica de seu para afrontar os efectos do coronavirus. "Esse é um discurso é repugnante no quadro da União Europeia. Não foi a Espanha que criou o vírus, o vírus atingiu-nos a todos por igual", afirma António Costa en declaracións que recolle Rádio TSF.
Fálase
A TVG anuncia a reposición de 'Pratos combinados' dende a vindeira semana e cada martes dentro da súa programación especial para "pasar mellor o confinamento" polo coronavirus.
A Radio Comunitaria da Coruña, CUAC FM (103.4), celebra este venres o seu 24 aniversario. En pleno período de confinamento, CUAC continúa emitindo as 24 horas do día e de luns a venres de 18 a 20 horas locutoras e locutores de diversos espazos realizan o programa colectivo Radio Pat(i)o. Pódese escoitar en directo nesta ligazón
O Goberno central devolveu 9.000 test do coronavirus mercados na China mediante un provedor español e dirixidos á Comunidade de Madrid. A devolución produciuse tras detectar persoal técnico que apenas detectaban un 30% de positivos. O Ministerio de Sanidade aclara que son dunha partida diferente á dos 5,5 millóns de test cuxa compra anunciara nos últimos días.
Aplauso ao persoal sanitario no hospital de Lugo que traballa fronte ao coronavirus. Onte, mércores, este recoñecemento foi secundado por axentes da Policía Local na contorna do servizo de urxencias do Hospital Lucus Augusti.
O Festival de Cans adíase ata o mes de setembro. A organización ve nestes momentos inviable facelo nas datas previstas a finais de maio e fixa unhas novas datas do 2 ao 5 de setembro, que xa foron comunicadas a participantes, colaboradores e veciñanza. Mentres, segue a traballar con normalidade no proceso de selección de curtametraxes a concurso, mais tamén na reordenación de moitos dos contidos.
O Congreso avala por ampla maioría a extensión do estado de alarma polo coronavirus. Diversos grupos censuraron o que consideran unha "actuación tardía" do Goberno central e Pedro Sánchez defende que "non houbo un só día" no que o Executivo "deixase de actuar" ante a pandemia. O BNG tamén apoiou a extensión e o seu deputado, Néstor Rego, considerou demostrado que "non serve de nada retirar as competencias a quen ten máis coñecemento do territorio" nunha crise coma esta. (Imaxe: Congreso)
O primeiro paciente ingresado en Vigo polo coronavirus abandona a UCI despois de case tres semanas, sinalando a xefa do servizo que a súa situación é "excelente". O home, de 43 anos e veciño de Moaña, é un transportista que posiblemente se contaxiara en Madrid. A súa muller e o seu fillo, que tamén foran infectados, recibiron a alta hospitalaria a pasada semana. Foi despedido con aplausos por parte de todo o persoal sanitario.
Os expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) son xa 17.763 en Galicia e afectan a case 100.000 persoas, 24.000 máis ca onte, segundo os datos da Xunta. Están recorrendo a estas medidas pequenos negocios e tamén grandes empresas, coma PSA ou Finsa. A provincia con máis traballadores con suspensións temporais dos contratos é Pontevedra, con 37.403. Na Coruña son 32.007; en Lugo, 7.844, e en Ourense, 8.630. Hai 510 ERTE autonómicos que inclúen a 9.627 empregados e 21 estatais con efectos en Galicia, dos que non se concreta o persoal afectado.
O Goberno central acorda o adiamento dos exames de Selectividade, que deberán celebrarse entre o 22 de xuño e o 10 de xullo (anteriormente a data límite estaba fixada no 19 de xuño) para compensar a perda de tres semanas de clase consecuencia do confinamento. Ademais, as probas deberán dar a escoller máis preguntas, para asegurar que o alumnado é examinado de temas que traballou na aula. "Calquera cousa é mellor que suspender a Selectividade", subliñaba en conversa con Praza.gal Celso Rodríguez, representante da USC na CiUG.