O Goberno central acorda o adiamento dos exames de Selectividade, que deberán celebrarse entre o 22 de xuño e o 10 de xullo (anteriormente a data límite estaba fixada no 19 de xuño) para compensar a perda de tres semanas de clase consecuencia do confinamento. Ademais, as probas deberán dar a escoller máis preguntas, para asegurar que o alumnado é examinado de temas que traballou na aula. "Calquera cousa é mellor que suspender a Selectividade", subliñaba en conversa con Praza.gal Celso Rodríguez, representante da USC na CiUG.
Fálase
A compañía de hospitais privados HM Hospitales cualifica de "falso que se producisen despedimentos" no seu centro compostelán La Rosaleda porque "a realidade é que non se renovaron contratos temporais con persoal que non está en primeira liña de batalla" do coronavirus. Ademais, admite que "convidou" a "grupos de empregados" a "acollerse a diferentes opcións de reorganización laboral". Retruca así á información na que eldiario.es detalla como a empresa pide a parte do seu persoal que colla vacacións.
Os Xogos Olímpicos de Toquio non se celebrarán este ano polo coronavirus e adíanse a “non máis tarde do verán de 2021”
A empresa de hospitais privados HM pide a parte do seu persoal que colla vacacións en plena crise do coronavirus, segundo unha información de eldiario.es. A compañía, que ten cinco centros en Galicia (Modelo e Belén na Coruña, La Rosaleda e La Esperanza en Santiago e HM Vigo), defende que só dá esa indicación a persoal "que non pode axudar na xestión sanitaria". En virtude do estado de alarma, a infraestrutura da sanidade privada está "á orde" da pública para afrontar a epidemia.
Atrapados nunha película por facer en Guatemala. O cineasta Alexandre Cancelo escribe para VINTE desde Antigua Guatemala, onde a crise do coronavirus o colleu de viaxe para preparar o seu vindeiro filme. Podes ler aquí o seu relato do que está a suceder
Persoal do hospital Clínico de Santiago saíu este luns ao exterior do recinto durante o 'aplauso sanitario' que dende o inicio da epidemia recoñece o seu labor fronte ao coronavirus. Nesta ocasión, foi secundado por membros das forzas de seguridade e Protección Civil. (Vídeo: Concello de Santiago)
A TVG emite esta noite (22:30) Eroski Paraíso, a adaptación ao cinema da obra teatral de Chévere. Parte do elenco anima neste vídeo a ver o filme cadrando co confinamento polo coronavirus. Hai unhas semanas, VINTE almorzou cunha das súas protagonistas, Cris Iglesias, e paseou con ela polo seu barrio da Coruña.
O hospital da Coruña confirma a saída da UCI do primeiro paciente de coronavirus detectado en Galicia. Segue ingresado, pero xa nunha unidade hospitalaria ordinaria e o seu prognóstico é "estable". Debullamos aquí os datos actualizados este luns polo Sergas
Edificios de toda Galicia serven de pantalla para a proxección de mensaxes de ánimo á veciñanza durante o confinamento, nos que a sanidade pública e os seus profesionais son protagonistas. Na imaxe, a creación da artista visual Miriam Rodríguez no barrio vigués de Teis. Outro exemplo tivémolo este sábado en Compostela.
O 67,2% das persoas falecidas en España polo coronavirus teñen máis de 80 anos, segundo os datos detallados facilitados polo Ministerio de Sanidade. Nese grupo de idade o índice de letalidade chega ao 18%. As mortes entre 70 e 80 anos supoñen o 20,4% do total, cunha letalidade do 5%. Os positivos distribúense de forma uniforme en todos os grupos de idade, pero o 68% das hospitalizacións e o 58% dos ingresos en UCI corresponden a persoas por riba de 60 anos.