Os Xogos Olímpicos de Toquio non se celebrarán este ano polo coronavirus e adíanse a “non máis tarde do verán de 2021”
Fálase
A empresa de hospitais privados HM pide a parte do seu persoal que colla vacacións en plena crise do coronavirus, segundo unha información de eldiario.es. A compañía, que ten cinco centros en Galicia (Modelo e Belén na Coruña, La Rosaleda e La Esperanza en Santiago e HM Vigo), defende que só dá esa indicación a persoal "que non pode axudar na xestión sanitaria". En virtude do estado de alarma, a infraestrutura da sanidade privada está "á orde" da pública para afrontar a epidemia.
Atrapados nunha película por facer en Guatemala. O cineasta Alexandre Cancelo escribe para VINTE desde Antigua Guatemala, onde a crise do coronavirus o colleu de viaxe para preparar o seu vindeiro filme. Podes ler aquí o seu relato do que está a suceder
Persoal do hospital Clínico de Santiago saíu este luns ao exterior do recinto durante o 'aplauso sanitario' que dende o inicio da epidemia recoñece o seu labor fronte ao coronavirus. Nesta ocasión, foi secundado por membros das forzas de seguridade e Protección Civil. (Vídeo: Concello de Santiago)
A TVG emite esta noite (22:30) Eroski Paraíso, a adaptación ao cinema da obra teatral de Chévere. Parte do elenco anima neste vídeo a ver o filme cadrando co confinamento polo coronavirus. Hai unhas semanas, VINTE almorzou cunha das súas protagonistas, Cris Iglesias, e paseou con ela polo seu barrio da Coruña.
O hospital da Coruña confirma a saída da UCI do primeiro paciente de coronavirus detectado en Galicia. Segue ingresado, pero xa nunha unidade hospitalaria ordinaria e o seu prognóstico é "estable". Debullamos aquí os datos actualizados este luns polo Sergas
Edificios de toda Galicia serven de pantalla para a proxección de mensaxes de ánimo á veciñanza durante o confinamento, nos que a sanidade pública e os seus profesionais son protagonistas. Na imaxe, a creación da artista visual Miriam Rodríguez no barrio vigués de Teis. Outro exemplo tivémolo este sábado en Compostela.
O 67,2% das persoas falecidas en España polo coronavirus teñen máis de 80 anos, segundo os datos detallados facilitados polo Ministerio de Sanidade. Nese grupo de idade o índice de letalidade chega ao 18%. As mortes entre 70 e 80 anos supoñen o 20,4% do total, cunha letalidade do 5%. Os positivos distribúense de forma uniforme en todos os grupos de idade, pero o 68% das hospitalizacións e o 58% dos ingresos en UCI corresponden a persoas por riba de 60 anos.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os líderes das principais forzas políticas galegas mantiveron este domingo pola tarde un encontro a través de videoconferencia
A residencia da terceira idade San Carlos, en Celanova, rexistra 24 novos casos de coronavirus, 11 entre as traballadoras e 13 entre as persoas residentes. Unha das internas do centro, de 89 anos, faleceu hai uns días a causa do virus, polo que se decidiu facer probas a todo o persoal e residentes. A posibilidade de contaxios nestas instalacións é unha das maiores preocupacións nestes momentos. O persoal alerta da falta de medidas de protección.