A compañía de hospitais privados HM Hospitales cualifica de "falso que se producisen despedimentos" no seu centro compostelán La Rosaleda porque "a realidade é que non se renovaron contratos temporais con persoal que non está en primeira liña de batalla" do coronavirus. Ademais, admite que "convidou" a "grupos de empregados" a "acollerse a diferentes opcións de reorganización laboral". Retruca así á información na que eldiario.es detalla como a empresa pide a parte do seu persoal que colla vacacións.
