Galicia achégase aos 3.000 casos detectados activos de coronavirus pero a entrada en UCI e a hospitalización seguen a moderarse

CC-BY-NC-SA Praza Pública

No último día rexistráronse 11 mortes máis, ata sumar un total de 61, pero as altas foron 58, ata sumar 153, un 61% máis 

Galicia rexistra no último balance oficial feito público público este domingo polo Sergas de acordo ao protocolo establecido a nivel estatal un total de 2.925 casos activos de coronavirus, un 11,3% máis que hai un día, a cifra máis baixa de incremento de infectados desde hai máis de dez días. Porén, o número de falecidos aumentou en 11 casos, ata sumar 61.

Malia que se fixeron 14.440 probas, dúas mil máis ca onte, diversas voces de expertos advirten de que o número de contaxiados é superior a eses arredor de tres mil casos e resulta imposible coñecer todos os casos, polo que apostan por poñer o foco no seu impacto sobre o sistema sanitario. Nese eido, nas últimas 24 horas continuou a reducirse o ritmo de incremento da crise.

Os aumentos dun 10,9% dos casos ingresados en UCI e dun 8,44% en hospitalización ordinaria son os máis baixos desde hai máis de dez días

No último día faleceron 11 persoas máis en Galicia, ata sumar un total de 61 mortes, pero as altas foron 58, o que eleva a 153 o total, un aumento dun 61%. O número de altas é similar ao de ingresos hospitalarios, con 55 persoas máis en hospitalización ordinaria, un 8,44% máis, o incremento máis baixo desde hai máis de dez días. Ademais, os ingresados en UCI sumaron 12 casos, ata 122, un aumento do 10,9%, tamén o máis baixo desde hai dúas semanas.

O pasado martes a Consellería de Sanidade estimou que precisará ata 4.000 camas hospitalarias para atender casos de coronavirus. Os datos máis recentes do catálogo hospitalario do Ministerio de Sanidade especifican que a sanidade pública dispón en Galicia dunhas 6.400 camas dependentes do Servizo Galego de Saúde e doutras dúas mil en centros privados. En Galicia hai, ademais, 274 camas en unidades de UCI.

Dispáranse os casos en Ferrol

Canto ás áreas sanitarias, o principal cambio producido nas últimas 24 horas é un significativo aumento de casos en Ferrol. Alí vén de pasarse de 63 casos confirmados a 142. Ao tempo, en Santiago moderouse o aumento pasando de 454 a 480 casos, mentres que Vigo segue en cabeza con 681 doentes confirmados, fronte a 639 da Coruña. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.