As persoas falecidas por coronavirus en Galicia superan as 180 e a ocupación das UCI diminúe por primeira vez

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Os positivos activos superan por primeira vez os 5.000, pero o ritmo de incremento segue apuntando a que Galicia comeza a aplanar a curva da pandemia

As principais cifras do balance diario do Servizo Galego de Saúde sobre o impacto do coronavirus en Galicia apuntan un día máis cara a un freo da pandemia, isto é, cara a un aplanamento progresivo da curva. Segundo os datos divulgados este domingo, 5 de abril, os positivos activos pola covid-19 en Galicia superan por primeira vez os 5.000 (5.175), pero o incremento diario continúa na contorna do 5%, cando hai apenas unha semana avanzaba por riba do 11% e hai dúas, a máis do 20%. Mentres, o número de probas PCR realizadas chegou a 28.191 -no día previo eran 25.842-.

A peor cifra é, unha xornada máis, a das persoas falecidas. Son xa 182, segundo o cómputo de Sanidade, aínda que o seu aumento diario dun 8% é sensiblemente inferior ao de días anteriores. Ademais, o ritmo das altas hospitalarias continúa a estar por riba do das mortes e xa son 587, un 10% máis. [Galicia comeza a aplanar a curva de novos casos de coronavirus, ingresos en UCI e hospitalizacións]

Tendo en conta que, tras varias informacións contraditorias, segundo a Xunta este cómputo de Sanidade inclúe tamén ás residencias da terceira idade, sería posible deducir que entre os 14 novos falecementos coñecidos este domingo, dous son os de dúas persoas residentes en centros de maiores da Coruña (El Portazgo) e Ourense (La Esperanza), notificados este 5 de abril pola Consellería de Política Social. En caso de que o cómputo das residencias fose diferenciado ao do Sergas, como Política Social indicou inicialmente, os falecementos en Galicia serían, en total, 228. 

No entanto, este domingo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, introducía un novo matiz para admitir que, en realidade os datos do Sergas aínda non suman todas as mortes por coronavirus das residencias de maiores, senón só as daqueles residentes que falecen no hospital. Daquela, o número total de persoas falecidas por coronavirus en Galicia sería ata este 5 de abril de 215 persoas.

Primeiro descenso nas UCI

Case o 80% dos positivos activos están en illamento domiciliario e o ritmo da hospitalización ordinaria segue a moderarse

Os datos deste domingo inclúen tamén unha novidade significativa para un dos aspectos máis preocupantes da pandemia, a presión sobre os hospitais en xeral e sobre as unidades de coidados intensivos en particular. Sempre segundo os datos fornecidos dende o Sergas, as persoas que precisan asistencia en UCI son agora 169, oito menos que un día antes, o que supón unha diminución superior ao 4%, a primeira dende que a Xunta comezou a ofrecer datos sobre a pandemia.

Si que aumentan os ingresos en unidades hospitalarias ordinarias, aínda que o fan moi lixeiramente. Nelas atópanse un total de 893 persoas infectadas por coronavirus, só dúas máis que no día previo.

Mentres, o incremento de persoas illadas no seu domicilio tras daren positivo na infección da covid-19 segue a ser superior, pero tamén cun ritmo á baixa. Este indicador increméntase nun 6,61% -hai unha semana facíao na contorna do 20%- e chega ás 4.113 persoas, practicamente o 80% dos positivos activos rexistrados en Galicia neste 5 de abril. Deles, uns 1.700 son "telemonitorizados" por persoal sanitario, segundo o Sergas.

Maior incremento en Santiago, diminución en Lugo

Por áreas sanitarias, as dúas máis poboadas, Vigo e A Coruña, seguen sendo as que máis casos de coronavirus acumulan e tamén as únicas que polo momento superan o milleiro de cascos, se ben a área ourensá está próxima tamén a cruzar ese limiar. Atendendo á indicación da Xunta a respecto da integración dos datos das residencias de maiores no balance xeral do Sergas, boa parte do incremento de positivos das últimas xornadas na área ourensá ten o seu foco na residencia Nuestra Señora de La Esperanza, da Fundación San Rosendo na capital da provincia, que ata este domingo acumulaba 107 casos. [A área de Ourense é a que ten maior número de casos por cada 100.000 habitantes]

Mentres, entre as demais áreas destaca este domingo o incremento de positivos activos en Santiago, que pasa de 694 a 816 nun contexto tamén condicionado polas residencias de maiores. Mentres, en Lugo prodúcese a súa primeira diminución en termos absolutos, de 558 a 555 casos, se ben o xeito de presentación dos datos impide coñecer se esa baixada se debe a altas ou falecementos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.