O Consello de Bioética pide ao Sergas "alternativas que permitan o acompañamento de persoas" na fin da súa vida polo coronavirus

Sede da Consellería de Sanidade e do Sergas CC-BY-NC-SA CIG

O órgano asesor da Xunta lembra que a “adecuación” do uso de soportes vitais, como as UCI, “é unha obriga de boa práctica clínica” xa antes da crise sanitaria pero pide que sexa “excepcional” facelo “pola escaseza de recursos”

O Consello de Bioética de Galicia, órgano asesor da Consellería de Sanidade nesa materia, fixo público hai uns días un documento con “consideracións éticas” sobre a crise sanitaria do coronavirus no que emite varias recomendacións ás autoridades sanitarias galegas, entre elas a de “buscar alternativas que permitan o acompañamento ás persoas enfermas, e como mínimo a aquelas que están nos últimos días das súas vidas”, e lembra que “a adecuación e aplicación proporcionada dos medios de soporte vital é unha obriga de boa práctica clínica que os profesionais xa estaban obrigados a realizar antes da crise sanitaria e que o excepcional e limitado estritamente ao tempo imprescindible é ter que facer esa adecuación pola escaseza dos recursos”.

O Consello de Bioética, formado por preto de vinte profesionais de Ciencias da Saúde, Humanidades ou Ciencias Xurídicas e Sociais, con formación en bioética, emitiu as súas consideracións éticas “coa intención de colaborar na procura de cursos de acción que permitan protexer o mellor posible os valores que como sociedade estamos chamados inexorablemente a defender, e co propósito de axudar a comprender a necesidade dalgunhas decisións excepcionais”.

Instalacións dun hospital do Sergas con diversos equipamentos técnicos © Sergas

Sobre decisións que se poidan tomar para priorizar o uso de determinados recursos sanitarios limitados por parte duns ou doutros pacientes, o documento lembra que tamén “noutras circunstancias, sen limitación de recursos, por baixa probabilidade de supervivencia ou tras a prolongación de medidas intensivas que non cumpren obxectivo, tamén se procedería a adecuar a intensidade do tratamento cun non ingreso ou a saída da Unidade de Coidados Intensivos. É dicir, debemos saber que nesta situación de crise sanitaria as decisións de adecuación de tratamento nalgúns pacientes non adóptanse [sic] por causa da escaseza de recursos”. 

Tras esa argumentación, o Consello “pon de manifesto” a antedita consideración de que a “adecuación e aplicación proporcionada” dos medios é unha “obriga de boa práctica clínica” xa existente antes da crise e que “o excepcional e limitado estritamente ao tempo imprescindible é ter que facer esta adecuación pola escaseza dos recursos”.

O Consello de Bioética salienta que a soidade dos doentes “impón aos profesionais a obrigación moral de acompañar á persoa enferma que está soa”

O Consello tamén reflexiona sobre o illamento dos doentes que require a loita contra o coronavirus, do que di que “ten connotacións moi importantes para a toma de decisións (por exemplo, por falta de representantes en situacións de alta probabilidade de incapacidade para decidir do paciente, pola propia enfermidade aguda ou pola sedación terapéutica), incluídas as decisións relativas a consentir tratamentos fóra de indicación aprobada ou tratamentos experimentais”, unha soidade que “impón aos profesionais a obrigación moral de acompañar á persoa enferma que está soa”.

Nese eido, o Consello recomenda ás autoridades sanitarias “a urxente necesidade de buscar alternativas que permitan o acompañamento ás persoas enfermas, e como mínimo a aquelas que están nos últimos días das súas vidas, máxime ante a probable prolongación e intensificación da crise sanitaria, alternativas que se axusten e sexan proporcionadas ás esixencias sanitarias de protección da saúde pública”. Para paliar esa situación, o Consello tamén pide “planificacións anticipadas de coidados elaboradas de forma compartida cos pacientes” e reorientación de “profesionais e recursos materiais, con escaso ou nulo custo económico engadido, á atención paliativa”.

Os expertos censuran o "pouco respecto" ás "persoas anciás" e "como se transmitiu a idade como principal criterio de adecuación de intensidade asistencial”

O Consello de Bioética tamén pide unha especial atención “ás persoas anciás e máis vulnerables” e reclama “falarlles directamente a elas, e facelo nunha linguaxe respectuosa coa forma e co contido das mensaxes que afectan a esta poboación e que nos incumben a todos” censurando “o pouco respecto mostrado a través da linguaxe, cara ás persoas anciás, en canto á forma en que se comunicou que está a ser a poboación máis afectada e con máis gravidade pola infección ou como se transmitiu a idade como principal criterio de adecuación de intensidade asistencial”.

Os expertos rematan poñendo os comités de ética asistencial de cada área sanitaria galega a disposición dos profesionais para orientalos ante “a toma de decisións difíciles” e recoñecendo o esforzo tanto deles como de toda a cidadanía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.