As Farmacias están entre os establecementos que dende o primeiro momento da crise do coronavirus quedaron fixados como esenciais e os farmacéuticos e farmacéuticas son un dos colectivos que de forma máis directa queda exposto á enfermidade, co paso diario de ducias e mesmo centos de persoas polas boticas. Un total de 276 profesionais están infectados pola Covid-19, segundo os datos que este mércores fixo públicos o Consejo General de Farmacéuticos, que detallou que estes positivos obrigaron ao peche de 57 establecementos. 8 farmacéuticos faleceron por mor do coronavirus.
6 farmacéuticos/as están infectados/as polo coronavirus en Galicia e 276 no conxunto do Estado
En Galicia a cifra é baixa (seis casos en catro farmacias e só unha pechada), sendo Castela-León, Madrid e a Comunidade Valenciana os territorios máis afectados. En calquera caso, as farmacias galegas levan semanas esixindo contar con máis materiais de protección.
As boticas estableceron, así mesmo, unha serie de medidas de protección para previr os contaxios, comezando por pedirlle á xente que entre de un en un, que garde unha distancia de seguridade e que faga cola na rúa, tamén mantendo esta distancia. Ademais, as farmacias dispensan detrás de mamparas de protección e os seus traballadores utilizan máscaras e luvas que lavan con regularidade. Así mesmo, incrementouse a limpeza e a desinfección.
"Hai que asegurar que as farmacias se poden manter abertas, sobre todo en lugares pequenos nos que só hai unha"
Algúns establecementos puxeron en práctica outras medidas de seguridade, explica Nina Villasuso, farmacéutica en Mugardos e vogal da Xunta de Goberno do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña. "Hai farmacias que dispensan a través do torno das gardas porque tan só son dous ou tres traballadores e non se poden arriscar a ter ningunha baixa. Hai que asegurar que as farmacias se poden manter abertas, sobre todo en lugares pequenos nos que só hai unha", destaca. Villasuso sinala neste senso que "non se poden adoptar as mesmas medidas en todas as farmacias. Dependendo do persoal co que contas e da cantidade de xente que vén podes facer unha cousa ou outra".
"Hai xente que aproveita a farmacia como unha escusa para saír a pasear, e que vén case todos os días para coller unha cousa cada vez, a pesar de que nós lles insistimos en que leven todo na mesma viaxe"
"Están sendo unhas semanas bastante complicadas. Veu todo de súpeto e tivemos que cambiar a nosa forma de traballar de forma moi importante en moi pouco tempo", explica, salientando que "á xente, sobre todo ao comezo, tamén lle custou moito cambiar os hábitos".
Como está sendo o comportamento da xente? Vai menos pola farmacia? Fai unha provisión de medicamentos e produtos? "Os primeiros días houbo moita xente e moito traballo, con persoas que levaban moitas cousas, pero que non volveron pola farmacia. Pero despois hai xente que aproveita a farmacia como unha escusa para saír a pasear, e que vén case todos os días para coller unha cousa cada vez, a pesar de que nós lles insistimos en que leven todo na mesma viaxe", sinala Nina Villasuso.
Nas últimas semanas foron moitas as noticias e tamén os bulos que se foron publicando sobre a suposta efectividade de determinados medicamentos para combater o coronavirus, dende o paracetamol á hidroxicloroquina, un fármaco contra o lupus que podería ter efectos positivos na loita contra a enfermidade e que mesmo foi difundido por Donald Trump nun tuit. Estas informacións teñen efecto nas persoas que se achegan ás farmacias? A xente responde ás noticias buscando estes produtos?
"A xente pregúntanos moito e sobre todo vén aquí a confirmar ou desmentir as cousas que le nas redes sociais ou que escoita na televisión"
"Si que o estamos notando", sinala a farmacéutica. "Á miña farmacia non veu ninguén preguntando pola hidroxicloroquina, pero si que coñezo casos nos que si", di. "Hai estudos e ensaios clínicos que están investigando o efecto deses e doutros fármacos, mesmo Trump dixo que podían curar o Covid-19. Pero non é certo, non o curan", subliña.
"Hai un gran número de bulos sobre o coronavirus e nas Farmacias aféctanos moito", alerta. "Hoxe case todo o mundo ten teléfonos intelixentes con Internet, mesmo as persoas maiores e chégalles de todo. A xente pregúntanos moito e sobre todo vén aquí a confirmar ou desmentir as cousas que le nas redes sociais ou que escoita na televisión", di.
"Que pregunten non é problema, ogallá preguntasen máis. Agora non se pode ir ao centro de saúde e nós somos os profesionais sanitarios de proximidade"
"Preguntan moito sobre as mascarillas e sobre o hidroxel, pero sempre lles dicimos que o importante é quedar na casa, a distancia social e lavar as mans", sinala. "O hidroxel é útil e tamén as mascarillas, pero as mascarillas hai que saber usalas, non as podes tocar coas mans, tes que cambialas todos os días, e sobre todo non te podes confiar por levalas. O efecto pode ser peor que se non as levasen", engade. "Pero que pregunten non é problema, ogallá preguntasen máis", aclara. "Ademais agora non se pode ir ao centro de saúde e nós somos os profesionais sanitarios de proximidade, aos que lles poden preguntar cousas", destaca.
"A ver se desta crise queda un pouso e a xente comeza a coidarse un pouco máis tamén coas enfermidades infecto-contaxiosas, comezando pola gripe estacional"
"En xeral, vexo á xente asustada, xa non están tan despreocupados como hai 15 días. Tiñamos que ter este medo entón, cando todo o mundo foi aos supermercados e estaban todos pegados pola rúa ou nos autobuses", sinala Nina Villasuso, que remata cun desexo: "A ver se desta crise queda un pouso e a xente comeza a coidarse un pouco máis tamén coas enfermidades infecto-contaxiosas, comezando pola gripe estacional, que non é tan grave coma isto pero pola que tamén morren moitas persoas". "Hai que coidarse, hai que vacinarse, porque evitalas e evitar os contaxios das persoas maiores depende de todos nós", conclúe.