As farmacias só poderán repoñer a cantidade que vaian vendendo de medicinas que son tamén empregadas para outras enfermidades crónicas e non se emitirán receitas en papel
O pasado martes o Ministerio de Sanidade estableceu unha orde para, entre outras cousas, controlar diariamente a dispoñibilidade e dispensación de varios medicamentos, entre eles dous que están sendo empregados contra o coronavirus, a cloroquina e a hidroxicloroquina. Esas dúas medicinas son tamén empregadas para outras enfermidades como o lupus, a artrite reumatoide ou a malaria, algunha delas crónica, e agora a Consellería de Sanidade establece controis sobre a súa venda farmacéutica.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) deste luns establece que, ademais dos controis do Goberno central e de acordo con eles, a Xunta tamén controlará as existencias nos almacéns de distribución e que as farmacias “só poderán solicitar a reposición ao almacén de distribución no momento en que acuda un/unha paciente cunha receita Sergas dispensable de especialidades con cloroquina e hidroxicloroquina, de tal xeito que só se poderá repor a cantidade dispensada ao/á paciente concreto/a”.
Para outras dispensacións distintas haberá que contar cun informe ou declaración responsable do facultativo “que xustifique a necesidade de instaurar ou manter o tratamento para unha patoloxía ou patoloxías crónicas determinadas, e de conformidade coas indicacións autorizadas nas súas fichas técnicas”.
Ademais, a Xunta establece que “de xeito excepcional e temporal non se poderán dispensar receitas Sergas en formato papel para as especialidades con cloroquina e hidroxicloroquina”.