Dez consellos para pasar mellor o confinamento (e outros tantos para desinfectar a túa casa)

Imaxe do decálogo que publican os Colexios Profesionais de Psicoloxía e Farmacia © COP

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, en colaboración co Colexio Oficial de Farmacéuticos/as da Coruña, vén de publicar un decálogo de consellos "para axudar a levar mellor esta emerxencia sanitaria no aspecto psicolóxico". Ambos os dous colectivos subliñan que están comprobando as "dificultades" ás que se enfrontan moitas persoas "para afrontar esta situación". Por este motivo, decidiron lanzar unha serie de recomendacións para sobrelevar mellor o confinamento e a tensión provocada pola epidemia e os seus perigos.

  • O primeiro consello ten que ver coa información, instando a consultar "fontes fiables", como son o Ministerio de Sanidade, a Consellería de Sanidade ou os profesionais sanitarios, "descartando outras mensaxes de dubidosa ou descoñecida autoría que nos chegan a través de whatsapp ou redes sociais".
  • O segundo é "ser solidario" e permanecer na medida do posible na casa. E, ademais manter unha "actitude positiva e responsable" coas persoas que te rodean
  • O terceiro é "escoitar" o teu corpo e "ante calquera signo de malestar como tose, febre ou dificultade para respirar" chamar ao 900 400 116 con tranquilidade, evitando acudir aos centros de saúde e urxencias médicas.
  • Establecer rutinas de coidado: lavar as mans con frecuencia, usar panos de usar e tirar e manter a distancia recomendada con outras persoas. "Cumprir as indicacións fai que nos sintamos e esteamos máis seguros e seguras", destacan.
  • Deter os malos pensamentos e substituílo por outros máis positivos. Vivir o día a día.
  • Se unha persoa observa que as súas emocións son moi intensas, e non é capaz de xestionalas, recomendan pedir axuda a todas e todos os profesionais sanitarios. "Farmacéuticos/as, psicólogos/as, médicos/as, enfermeiros/as estamos para axudar". Con todo, destacan que sentir medo preocupación, ansiedade ou estrés é normal ante unha situación tan excepcional e que "as emocións teñen un papel adaptativo e todas son necesarias".
O COP publica tamén o caderno "Retrincos de cores" para abordar esta emerxencia sanitaria con nenos e nenas a través do debuxo © COP
  • O sétimo consello é "lembrar as túas fortalezas". "Na túa historia de vida contas con experiencias previas nas que tiveches que superar a túa ansiedade e o  teu medo. Dentro de ti posúes os recursos necesarios para facer fronte a situacións adversas. Ponte en marcha para afrontar dunha maneira saudable esta nova situación", destacan.
  • O oitavo é organizarse tanto na casa como no traballo. "Na casa comparte as tarefas domésticas coas persoas coas que convives" e  no traballo "explica a túa situación persoal e se tes que teletraballar, faino establecendo un espazo e un horario". "As rutinas dan sensación de normalidade e de control", engaden.
  • O noveno é manterse e contacto cos teus familiares e amizades. "Aproveita a tecnoloxía para comunicarte, especialmente coas persoas que están illadas e utiliza o humor para ter unha visión máis distendida da situación", din.
  • Finalmente, chaman a atopar unha "oportunidade" nesta crise. "Este tempo de recollemento pode ser moi enriquecedor e unha oportunidade para reflexionar, ler, darlle corda á nosa creatividade, xogar cos fillos e fillas e aproveitar para facer aquilo na túa casa que non puideches por falta de tempo", destacan, engadindo que nos "toca vivir un momento excepcional e temporal do que todos e todas imos aprender".

Retrincos

Ademais, o GIPCE (Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias) do Colexio de Psicoloxía de Galicia vén de publicar o caderno "Retrincos de cores", un material útil para abordar esta emerxencia sanitaria con nenos e nenas a través do debuxo. O caderno, bilingüe, pódese descargar neste enlace.

"Queremos tamén ensinarvos a descubrir e coñecer as vosas emocións. Podemos sentir emocións distintas como enfado, alegría, medo ou inseguridade cando aparece algo inesperado"

"Agora que todos estamos nas nosas casas aproveitaremos para compartir os nosos mellores e peores momentos coa familia, as persoas educadoras e as coidadoras. É o mellor momento para facer todo o que axude a sentirse ben. Agora tócanos loitar contra ese coronavirus do que nos falan todo o tempo", sinálase na introdución. "As persoas maiores ensinámosvos a coidarvos para que non vos contaxien. Dicímosvos como hai que lavar as mans e moitas cousas máis. Queremos tamén ensinarvos a descubrir e coñecer as vosas emocións. Podemos sentir emocións distintas como enfado, alegría, medo ou inseguridade cando aparece algo inesperado", engaden. 

"Os que sabemos moito de emocións cremos que debuxar e escribir é o mellor modo de facer que os problemas se fagan cada vez máis pequenos. Así poderemos dominalos. Con este caderno trataremos de axudarvos", remata

O COP publica tamén o caderno "Retrincos de cores" para abordar esta emerxencia sanitaria con nenos e nenas a través do debuxo © COP

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.