Máis incidencias sanitarias e menos accidentes de tráfico: así mudaron as emerxencias en Galicia co coronavirus

A crise do coronavirus tamén varía o contido das chamadas ao 112 CC-BY-NC-SA Praza Pública

Os datos do 112 desde que hai un mes se confirmou o primeiro caso na Península reflicten tamén que as incidencias relacionadas coas forzas de seguridade manteñen as mesmas cifras e co estado de alarma aumentaron as de Protección Civil 

O 24 de febreiro confirmábase o primeiro caso de coronavirus na Península. Desde aquel momento, hai un mes, as estatísticas da central de emerxencias do 112 en Galicia, que xestiona a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), amosan un significativo aumento das incidencias relacionadas coa asistencia sanitaria e unha caída das relativas a accidentes e incidentes nas estradas. Ao tempo, os datos do 112 reflicten tamén que as incidencias relacionadas coas forzas de seguridade manteñen as mesmas cifras ao tempo que as de Protección Civil aumentaron tras a declaración do estado de alarma e especialmente na última semana.

A efectos de computar as incidencias diarias, a Axega establece diferentes categorías, que agrupamos no seguinte gráfico a efectos de analizar a súa evolución no último mes: asistencia sanitaria, requirimento de forzas de seguridade, incidencias en estradas (agrupamos aquí accidentes en estrada e incidencias de circulación), operativos de Protección Civil (nos que sumamos tamén as reducidas cifras diarias de rescates e salvamentos), incidencias relacionadas con animais (sexan animais soltos ou alertas por presenza de velutina) e outras (sumamos a categoría maioritaria que a propia Axega cualifica como outras así como os avisos de verteduras ou as chamadas de información xeral).

O gráfico presenta a peculiaridade dun número significativo de accidentes e incidentes en estradas arredor do día 2 de marzo, coincidindo co paso por Galicia da borrasca Karine. Superado ese feito, as cifras de incidencias relacionadas coas estradas vai caendo progresivamente, especialmente a partir do anuncio o venres 13 e posterior concreción o domingo 15 do estado de alarma e a súa restrición de movementos, que provocou unha caída do tráfico e o transporte a menos dunha quinta parte do habitual. Das preto de cen incidencias diarias relacionadas coas estradas en días normais, o pasado domingo rexistráronse apenas 10.

Tanto a Xunta como os diversos servizos de emerxencias lembran que o 112 é un número para emerxencias, mentres que o número do coronavirus é o 900 400 116

Canto ás incidencias relacionadas coa asistencia sanitaria, estas aumentan especialmente a partir da primeira semana de marzo, coincidindo coa confirmación o día 4 do primeiro caso de coronavirus en Galicia, a decisión da Xunta o día 3 de mudar o teléfono de información e atención polo coronavirus dun número de pago a outro gratuíto e a recomendación xeral de que se limitasen as consultas sanitarias presenciais e se potenciasen as telefónicas. Nos últimos días a tendencia de chamadas ao 112 por cuestións relacionadas con asistencias sanitarias parece ir diminuíndo. Nesa liña, tanto a Xunta como os diversos servizos de emerxencias lembran que o 112 é un número para emerxencias, mentres que o número do coronavirus é o agora gratuíto 900 400 116 e outro tipo de asistencia sanitaria pode ser ofrecida nos distintos números de que dispón o Sergas, que poden consultarse aquí.

Información do 112 sobre as emerxencias CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os datos do 112 amosan tamén como as incidencias relacionadas coas forzas de seguridade se manteñen estables no último mes, mentres que desde a declaración do estado de alarma se produce un aumento nas incidencias relacionadas con actuacións dos dispositivos de Protección Civil, especialmente na última semana a medida que eses corpos asumiron máis labores novas relacionadas coa crise. Tamén se reduciron lixeiramente as incidencias relacionadas con animais soltos así como os avisos de niños de vespa velutina.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.