A Zona Vella de Santiago gusta menos que hai 30 anos polo efecto do turismo

Turistas en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

O estudo amosa a crecente visión crítica das persoas locais con respecto ao perfil das visitantes e ás políticas públicas ligadas ao turismo

Que opina a poboación compostelá do turismo? Que perfil de turista é o máis desexado polas comunidades locais, sobre todo polas que habitan os barrios máis saturados pola presenza de visitantes? A rede universitaria Galabra de estudos na cultura elaborou un completo estudo que amosa a percepción que a poboación de Santiago e a súa contorna ten sobre esta realidade, dunha importancia económica crecente, e cun impacto moi grande sobre a cidade.

O traballo realizado foi presentado este mércores nun encontro organizado polas asociacións de veciños FONSECA e A Xuntanza no Museo do Pobo Galego baixo o título de “Pulsar o corazón da nosa cidade: o turismo desexado”. A investigación inclúe 900 enquisas realizadas no ano 2024, que se unen a outras tantas do ano 2014, o que permite seguir a evolución no tempo dos distintos indicadores. O estudo amosa a crecente visión crítica das persoas locais con respecto ao perfil das visitantes e e ás políticas públicas ligadas ao turismo.

Cartel do acto de presentación dos resultados do estudo ©

O 34% dos entrevistados sinalan que a cidade lles gustaba máis antes, fronte a un 30% que di que lle gusta máis agora e 22% que apunta que lle gusta o mesmo. Os datos son moito máis claros cando se pregunta especificamente se lles gusta máis agora a Zona Vella. Neste caso o 53% di que lles gustaba máis hai trinta anos (o 71% en San Pedro)

Asi, no traballo chama a atención que no ano 2014 a valoración (de 1 a 8) que os entrevistados facían do "tipo de turista" que viña a Santiago era de 6,2 puntos e en 2024 esta descendera ata o 4,9, máis baixa aínda entre os habitantes da Zona Monumental (4,2) e do Barrio de San Pedro (3,8). Preguntados en 2014 se preferirían "outro tipo de turista", só o 32% contestaba que si e unha década despois esta porcentaxe elevouse ata o 51%, máis do 80% para os enquisados en San Pedro.

Os elementos que máis se botan a faltar, segundo as respostas expresadas polas persoas entrevistadas son a "educación" e o "respecto" cos "locais e a cidade" e tamén o feito de contar con visitantes "informados, cun interese real pola cidade, a súa cultura e a súa historia".

As persoas entrevistadas senten cada vez máis que o seu modo de vida cambiou por mor da chegada de visitantes

As persoas entrevistadas senten cada vez máis que o seu modo de vida cambiou por mor da chegada de visitantes. Nunha escala de 1 a 8 (sendo 8 o maior cambio), o valor medio dado nas respostas elevouse do 2,61 ao 3,7 en dez anos. Na Zona Monumental acada o 4,1 e en San Pedro o 4,6.

Preguntados neste senso se verían con bos ollos a "reserva" de áreas na Zona Vella para o seu uso "fundamentalmente" polo turismo, a maior parte das respostas son negativas, preto do 60%. Entre elas hai unha parte que apunta que, na práctica, isto xa está a suceder.

En canto á imaxe de Santiago "vendida" no exterior, esta recibe unha peor cualificación agora (5,2 sobre 8) que no 2014 (5,63). As políticas turísticas, pola súa banda, acada unha cualificación inferior (4,2), que é máis baixa entre a poboación da Zona Monumental (3,2) e do Barrio de San Pedro (3,1).

No ano 2014 a valoración (de 1 a 8) que os entrevistados facían do "tipo de turista" que viña a Santiago era de 6,2 puntos e en 2024 esta descendera ata o 4,9, máis baixa aínda entre os habitantes da Zona Monumental (4,2) e do Barrio de San Pedro (3,8)

Na enquisa, a Zona Vella (e dentro dela o Obradoiro e a Catedral) e a Alameda son escollidos pola poboación como os sitios máis "santiagueses", desbotando maioritariamente outras zonas, coma o Ensanche. Porén, son precisamente estes sitios "santiagueses" os que sofren unha maior saturación turística. 

O 34% dos entrevistados sinalan que a cidade lles gustaba máis antes, fronte a un 30% que di que lle gusta máis agora e 22% que apunta que lle gusta o mesmo. As respostas son máis negativas entre a poboación da Zona Monumental e o Barrio de San Pedro.

Os datos son moito máis claros cando se pregunta especificamente se lles gusta máis agora a Zona Vella. Neste caso o 53% di que lles gustaba máis hai trinta anos (o 71% en San Pedro) e só un 15% di que lle gusta máis agora.

Chama a atención o aumento do uso das tendas e supermercados localizados no propio barrio de residencia e tamén o incremento da utilización da Praza de Abastos

O estudo pregunta tamén polo comercio, uns datos nos que chama a atención o aumento do uso das tendas e supermercados localizados no propio barrio de residencia e tamén o incremento da utilización da Praza de Abastos. 

Iso si, descende en relación ao 2014 a porcentaxe de persoas que realiza as súas compras na Zona Vella (do 18,4% ao 8,4%). A Zona Vella é moi empregada pola poboación local, pero máis para pasear (61%), restauración e ocio nocturno (46%) e ocio e socializar (45%). Ademais, hai unha maior porcentaxe de composteláns que se achega á Zona Vella en "tempada baixa" que na tempada alta turística. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.