Hai unha década a Xunta deu en implantar un límite de algo menos de 5.000 visitantes por día nos meses máis turísticos do ano, o que non impide aglomeracións en horas concretas como as vividas este martes
Hai agora máis dunha década o daquela goberno local do BNG en Ribadeo incrementou as alertas sobre a masificación dun dos puntos máis visitados do Concello -e de Galicia-, a praia das Catedrais, e o incremento de "modas absurdas" que contribuían á degradación da contorna de Augas Santas, coma o amoreamento de pedras. Foi neste punto no que a Xunta deu en acceder a implantar un límite diario de visitas á singular praia, completado dende 2018 cun sistema de reserva previa de pases gratuítos.
Ese sistema de reservas, vixente na actualidade, rexe na Semana Santa e do 1 de xullo ao 30 de setembro de cada ano, cun límite diario de 4.812 persoas. Pero non impide que en determinadas horas a afluencia turística sexa tan elevada que obrigue ao peche, tal e como sucedeu este pasado martes, cando arredor das cinco da tarde o persoal de vixilancia e de socorrismo tivo que frear as visitas.
Como informou El Progreso, a aglomeración produciuse nunha estreita zona de paso nos accesos á praia, das máis empregadas polo turismo en Augas Santas por ser a máis próxima aos cantís erosionados aos que lles debe o alcume das Catedrais. Ademais, especifican, abondosas masas de turistas prefiren pasar por ese lugar para acceder ao areal sen mollarse.
O persoal de seguridade viuse obrigado ao peche nun espazo natural en torno ao que é recorrente o debate do turismo masivo
Nesta circunstancia concreta e ante a posibilidade de que as aglomeracións continuasen cando a marea comezase a subir, o persoal de seguridade determinou o peche nuns días de altísima afluencia. Non en van, a primeiras horas deste día 22 de xullo o propio sistema de reservas da Xunta amosaba que as prazas estaban esgotadas tanto para este mércores como para mañá, xoves, día 23. Para as seguintes xornadas xa foron reservados máis da metade dos pases dispoñibles.
A combinación de turismo masivo, conservación da natureza e seguridade das persoas vén sendo unha cuestión recorrente nesta contorna natural, especialmente tras episodios como a morte en 2018 dunha moza na praia a causa do impacto dunha rocha desprendida. Voces expertas recordaban daquela os estudos xeolóxicos que evidenciaban, dende anos atrás, o "risco extremo" de desprendementos nos cantís das Catedrais, o cal facía precisa unha especial cautela na regulación das visitas.
Novos peches da praia en agosto
Alén dos derivados das aglomeracións, os pasados días 15 e 16 de xullo a contorna de Augas Santas estivo pechada ás visitas pola rodaxe dunha produción audiovisual de Amazon Prime. O vindeiro agosto a Xunta tamén prevé outro peche de dous días, pero desta volta por razóns de seguridade durante a eclipse de sol.
Concretamente, por motivos de xestión do espazo natural e co fin de ordenar o uso público, estará prohibido visitar este monumento natural durante todo o 12 de agosto e tamén dende as 00:00 e ata as 7:30 do día 13. "Esta medida -explica a Xunta- adóptase en previsión dunha afluencia extraordinaria de visitantes con motivo da eclipse", para "garantir a adecuada conservación do espazo natural, a seguridade das persoas e unha xestión ordenada do uso público".