A praia de Augas Santas, en Ribadeo, coñecida popularmente como As Catedrais, vai camiño de morrer de éxito. A aglomeración de turistas que visitan este areal da Mariña está a se converter nun serio problema para a súa conservación. As fileiras de vehículos e a masificación á que está sometida -ata dez mil persoas poden pasar por alí nun día de verán e case o dobre chegaron a pasar nunha soa xornada de récord- fan máis necesaria ca nunca a necesidade de declarar a súa contorna como parque natural, tal e como leva tempo reclamando o alcalde da localidade, Fernando Suárez. Pero aínda hai máis. O novo costume dalgúns turistas de deixar pedras sobre as grandes rochas ou incluso de inscribir os seus nomes nas rochas está facendo perder a paciencia ás autoridades.
"Estas novas modas absurdas como a que están as sufrir As Catedrais nestes días non se poden tolerar"
"Estas novas modas absurdas como a que están as sufrir As Catedrais nestes días non se poden tolerar. O que o mar tardou en modelar milleiros de anos, como siga isto así, en poucos anos quedará en nada e podemos quedar sen un dos nosos mellores reclamos turísticos", queixábase publicamente a través das redes sociais o alcalde nacionalista da localidade. O rexedor lembra que moita xente dedícase a "deixar como recordo pedras e paredes das covas inscritas cos seus nomes". E non son poucos. Nin as advertencias doutros visitantes ou veciños o impide.
Por iso, o Concello de Ribadeo insiste en medidas que acaben con esta aglomeración e estas prácticas que poñen en perigo un lugar único. "Cómpre unha vez mais reclamar, a quen ten competencias legais para iso, actuacións de preservación, regulación e conservación do areal e da súa contorna para que siga sendo un dos mellores e máis valorados areais do mundo: As Catedrais, Parque Natural xa", volve solicitar Fernando Suárez, que incluso se achegou á praia para retirar as pedras que deixaron algúns turistas e comprobar o dano que as pintadas están a facer nas peculiares covas e rochas de Augas Santas.
O Concello reitera a necesidade de declarar a contorna de Augas Santas parque natural
"Nós, desde o Concello, queremos que se fale sempre ben, pero hai veces nas que saen noticias coma as destes últimos días nas que vemos que hai xente que empeza a facer graffitis, a raiar as pedras e a escribir os seus nomes nas rochas de maneira indesexable e intolerable nese areal. Isto é un exemplo dos moitos que podemos poñer sistematicamente da necesidade da adopción de poñer en marcha medidas urxentes", insistiu nun comunicado.
O Concello de Ribadeo reitera a necesidade de declarar a contorna de Augas Santas como parque natural para evitar a masificación e os riscos para o medio ambiente e os visitantes. A Xunta presentou un proxecto de medidas inmediatas de información e sinalización e un plan de conservación do monumento natural, pero este último "a medio prazo", máis concretamente para o vindeiro verán. As medidas inmediatas, como as advertencias aos visitantes, non son dabondo polo momento.
Desde o Concello levan tempo loitando contra todos estes problemas. Xa a pasada Semana Santa as fileiras de vehículos para achegarse á praia de Augas Santas eran quilométricas. Polo medio do engarrafamento o alcalde ribadense, Fernando Suárez (BNG), gravaba en primeira persoa a aglomeración para, despois, pendurar os vídeos en YouTube como chamada de atención.