O Concello de Ribadeo reclama máis vixilancia á Xunta para evitar que turistas amoreen pedras na praia das Catedrais

Pedras amoreadas por visitantes da praia das Catedrais, nunha imaxe divulgada polo Concello de Ribadeo este 19 de xullo de 2021 © Tirada polo Concello de Ribadeo do usuario de Twitter @tocamates

No verán de 2014, o Concello de Ribadeo daba a voz de alarma a respecto da "moda absurda" que estaba contribuíndo a danar a contorna natural da praia das Catedrais (Augas Santas). Entre os turistas, alertaba sobre o terreo o alcalde ribadense, Fernando Suárez (BNG), estaba a estenderse o costume de amorear pedras na praia, colocalas nas fendas das rochas ou mesmo raiar con elas os emblemáticos cantís. Neste verán de 2021, o consistorio da vila mariñá pon o foco outra volta nunha "problemática que criamos desaparecida".

En 2014, antes da implantación dos controis de acceso a Augas Santas, o Concello de Ribadeo xa alertara dos efectos da "moda absurda" de amorear pedras e outras prácticas como raiar os cantís con elas

Aquela alerta do Concello de Ribadeo á Xunta en 2014, xunto con outras polos riscos da masificación turística de Augas Santas, comezou a ter eco nos anos seguintes. Foi a través da implantación dun límite diario de visitantes e dun sistema de reserva previa cuxa estrea quedou tristemente marcada polo falecemento en 2018 dunha moza a causa do golpe dunha rocha desprendida

Mentres todo isto sucedía, voces expertas recordaban os estudos xeolóxicos que evidenciaban, dende anos atrás, o "risco extremo" de desprendementos nos cantís das Catedrais, o cal facía precisa unha especial cautela na regulación das visitas. Un deses desprendementos aconteceu o pasado decembro, cando o propio Concello lembraba que son "inherentes á costa cantábrica, derivados da propia acción da natureza".

A praia das Catedrais (Augas Santas), coa marea alta nunha imaxe de arquivo © Turgalicia

Con todo este pano de fondo, o alcalde de Ribadeo vén de volver dirixirse á Xunta, desta volta ao Servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, para pedirlle máis vixilancia ante o regreso do costume de amorear pedras en Augas Santas por parte dos turistas. Na carta, acompañada dunha fotografía que circulou con profusión polas redes sociais durante a pasada fin de semana, Suárez advirte de que "volvemos detectar que visitantes deste espazo natural protexido, cuxo acceso está controlado pola Xunta nesta tempada estival, realizan figuras mediante o amoreamento de pedras existentes no lugar".

"Hai anos conseguírase poñer fin a estes comportamentos pero, polo que parece, de novo é necesario tomar medidas ao respecto", sinala Fernando Suárez na carta á Consellería de Medio Ambiente

"Hai anos -resalta o alcalde na carta á Xunta- conseguírase poñer fin a estes comportamentos pero, polo que parece, de novo é necesario tomar medidas ao respecto". O Concello ribadense que "estas circunstancias se corresponden, en maior medida, coas competencias" da Xunta, se ben "pediremos aos socorristas", que dependen do consistorio, "que na medida do posible trasladen aos usuarios deste espazo a prohibición de seguir con esta práctica".

Dado que estas advertencias non están entre as funcións do persoal de socorrismo, xa que "deben estar máis pendentes doutros comportamentos relacionados coa seguridade das persoas", conclúe a misiva, Suárez solicita a Conservación da Natureza que "tome as medidas que considere necesarias para corrixir esta problemática". A presenza de axentes medioambientais ou actuacións do persoal que controla os accesos, suxire, poden ser algunhas das alternativas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.