A praia das Catedrais seguirá pechada durante este luns. Así se decidiu logo de que técnicos da Consellería de Medio Ambiente xunto a membros da Garda Civil e persoal de Costas inspeccionasen o areal logo do falecemento o pasado sábado dunha moza de Valladolid á que lle caeu na cabeza unha pedra nunha das covas da zona.
A praia das Catedrias seguirá pechada durante este luns tras o suceso do pasado sábado
Polo momento, non se coñece se haberá máis medidas ou se o peche será prolongado máis aló da Semana Santa. As inspección detectaron algunhas zonas perigosas e testemuñas presentes na zona no momento do suceso asegura que advertiron do desprendemento de rochas tan só uns minutos antes de que unha delas batese na cabeza da falecida.
A Xunta decidirá cando se reabre o espazo que leva varios anos cun novo sistema de visitas que limita o número de turistas diarios a algo menos de 5.000 persoas. Desde esta Semana Santa, ademais, a Consellería de Medio Ambiente estreou un novo método de lectura das autorizacións de acceso ao areal de Augas Santas que permitiu axilizar a comprobación e control de permisos, ao realizarse mediante unha aplicación móbil para a lectura de códigos QR. Malia estar pechado o areal, a Administración seguía concedendo permisos de acceso este domingo.
Unha moza de Valladolid faleceu logo de que lle caese na cabeza unha pedra
A traxedia acompañou a esta estrea da forma máis dura. O suceso provocou que varios cargos públicos se desprazasen ao lugar, desde o propio alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, ata o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro. Un e outro trasladaron o seu pésame á familia da falecida e lamentaron a desgraza. O Goberno galego, segundo Balseiro, "puxo a disposición da parella da falecida e dos familiares todos os medios precisos tanto para o aloxamento como para continuar prestando apoio psicolóxico". O rexedor asegurou que mantivo contacto directo cos familiares e "coa súa parella", presente no lugar e "totalmente conmocionado".
O falecemento da muller reabriu a polémica sobre a seguridade e o sistema de acceso á praia de Augas Santas. Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía Física da Universidade de Santiago, advertiu hai xa tempo dos riscos polo "exceso" de visitantes e da necesidade de regular o paso a zonas de cantís. A Xunta asegura que o seu plan de acceso baséase nun estudo rigoroso.
Máis de 600.000 persoas visitan cada ano o espazo natural das Catedrais, en Ribadeo, máis a metade concentradas nos meses de xullo, agosto e setembro (case 350 mil entre os tres meses). Así o estimou o pasado ano o estudo O turismo na praia das Catedrais, realizado polo IBADER da USC. A pesar de que en xullo de 2015 o Plan de conservación do Monumento Natural da Praia das Catedrais estableceu un máximo diario de visitantes na praia (4.812 persoas) a cifra total ao longo do ano non deixa de incrementarse e calcúlase que no 2021, Ano Xacobeo, superará o millón de persoas, un rexistro próximo ao de Stonehenge (1,3 millóns) e que case duplicaría ao da Calzada dos Xigantes irlandesa (0,55 millóns).