Mil persoas a correr para que As Catedrais sexa parque natural

Veiga e Suárez, na presentación da carreira © Deputación de Lugo

Reivindicación política e agora, tamén, deporte. Case 1.000 persoas están xa anotadas para botarse a correr o vindeiro sábado en Ribadeo co obxectivo de correr unha media maratón e, ao tempo, reivindicar que a praia de Augas Santas, As Catedrais, sexa declarada Parque Natural xunto á súa contorna. Impulsada polo Concello ribadense e mais a Deputación de Lugo, as dúas administracións que, dende hai meses, veñen esixindo maior protección para este masificado espazo natural, a carreira pretende ser tamén un escaparate doutro modelo turístico para o areal.

"Non agardabamos tantos corredores inscritos porque é unha proba dura", sinala o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, para explicar que esta convocatoria deportiva "bate todos os récords de participantes, igual que este verán se bateron todos os récords de número de turistas nas Catedrais, con 270.000 persoas só no mes de agosto". Tamén chegarán á praia as persoas paritcipantes na carreira, entre as 8 e as 9 do serán. Cadrando coa baixamar "a entrega de trofeos será baixo os arcos das Catedrais", punto final dun "percorrido sinuoso e duro, por sendeiros que percorren toda a costa ribadense para reclamar a súa declaración como Parque Natural".

Trátase, sinala Suárez, de darlle á zona "un espaldarazo a nivel de promoción turística, porque 1.000 persoas falando ben da carreira e do areal é unha moi boa campaña", pero tamén de converter a competición nun "toque de atención á Xunta e á Dirección Xeral de Costas" a respecto da declaración como Parque Natural, "un clamor social en toda A Mariña". Tamén o vicepresidente da institución provincial, Antonio Veiga, pon o acento na necesidade dun "plan amplo, serio e de futuro, consensuado por todas as administracións" para protexer Augas Santas. Que a franxa litoral de Ribadeo fose declara paraque natural permitiría "desconxestionar As Catedrais da súa presión turística, ofrecendo alternativas para o fluxo de visitantes", ademais de significar "o despegue definitivo e protección da mesma e a consolidación dun reclamo turístico de primeira magnitude".

A carreira "bate récord de participantes, igual que este verán se bateron todos os récords de turistas nas Catedrais"

"O turismo -di Veiga- é un dos sectores con máis futuro da provincia, pero non calquera tipo de turismo", senón un "turismo de calidade vinculado ao patrimonio e ao medio ambiente, un turismo sostible, non masificado" que protexa "contornas como a das Catedrais". Mentres a Xunta sinala que está a traballar nun plan de conservación dende a Deputación advirten de que é "necesario protexer e conservar xa" a praia, senón "corremos o risco de matar a galiña dos ovos de ouro". O grande reto, conclúe, é "aproveitar o tirón das Catedrais para vender A Mariña e o resto da provincia de Lugo, e facer que os turistas que veñen ver As Catedrais queden varios días na Mariña".

Veiga e Suárez, na presentación da carreira © Deputación de Lugo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.