No remate do curso académico 2008-09 o colexio privado Peleteiro, emblemática, elitista e laica empresa educativa, trasladou definitivamente a súa actividade a unhas novas instalacións no lugar de Monte Redondo, nas aforas da cidade, e deixou definitivamente a parcela do Ensanche na que viña operando dende a década de 1950. Naquel xuño de 2009 poucos meses que estoupara a crise financeira internacional que estaba a frear polas bravas a burbulla inmobiliaria española e as alegrías crediticias coas que diversas entidades financeiras contribuíran a ela.
A familia propietaria do Peleteiro vendeu a céntrica parcela a Caixa Galicia, que proxectou un complexo comercial e de vivendas naufragado entre litixios tras o picazo da burbulla inmobiliaria. O rescate de Novacaixagalicia acabou co terreo no 'banco malo'
Co picazo da burbulla e a gran recesión desencadeada nubrouse de vez o horizonte para operacións como a concibida paralelamente ao traslado do Peleteiro. Apenas tres anos antes os propietarios asinara a venda dos terreos a Caixa Galicia, que prevía construír alí un complexo comercial e hoteleiro con vivendas privadas e aparcadoiro. O proxecto bateu con oposición veciñal e tamén con diverxencias no seo da propia familia Peleteiro, discrepancias que deron lugar a unha complexa sucesión de litixios nos tribunais contra as modificacións urbanísticas que, na primeira etapa de Xosé Sánchez Bugallo na alcaldía, facilitaban a operación.

A combinación de ditames xudiciais na contra e a quebra de Novacaixagalicia, entidade resultante da fusión de Caixa Galicia con Caixanova, acabou co terreo nas mans do banco malo, a Sareb, que no proceso de rescate de Novagalicia Banco quedou cuns 5.000 millóns de euros de ladrillo tóxico das desaparecidas grandes caixas galegas. Aínda en 2022 a actual Abanca gañou un preito que a liberou de vez do negocio. Mentres, o Concello de Santiago acumula lustros de tirapuxa político interno e externo para resolver o destino dun terreo nun lugar clave do que no século XX foi a primeira gran zona de expansión da cidade alén da zona histórica, pero tamén escenario de múltiples estragos urbanísticos.
O pacto pechado polo Concello de Santiago co Estado eleva ao 45% o mínimo de pisos protexidos no proxecto, do que desaparece o centro comercial amplamente rexeitado na contorna
Agora, ás portas de chegar ás dúas décadas da sinatura da venda frustrada e tras case década e media co enorme edificio pechado e deteriorándose -tras o peche do colexio acolleu instalacións da Policía Nacional ata 2011, durante as obras de remodelación da comisaría local-, todo apunta a que Operación Peleteiro pode chegar a culminar, cando menos, na súa vertente política. Este 27 de febreiro o pleno compostelán votará a reforma urbanística promovida polo goberno local tras lograr pechar un acordo coa Sareb que implica, entre outros aspectos, garantir que un mínimo do 45% da vivenda que se constrúa nesta parcela do corazón do Ensanche sexa protexida.
Nos dous anteriores mandatos (con CA e PSdeG na alcaldía) o pleno chegou a votar propostas dos respectivos gobernos para desbloquear a cuestión, en ambos casos en vésperas das eleccións municipais de 2019 e 2023. Pero naufragaron pola abstención socialista nun caso e de CA e Bloque, no outro. O actual goberno, coa nacionalista Goretti Sanmartín á fronte, agarda que prime a "altura de miras" porque, entre outros aspectos, existe un compromiso por escrito da Sareb logrado tras máis dun ano de negociacións que mesmo implicaron unha xuntanza directa da rexedora e do concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, co ministro de Economía, Carlos Cuerpo. O pacto inclúe transferir o terreo da Sareb á nova empresa pública de vivenda do Estado.

Sinala Lestegás que existen "diferenzas fundamentais" entre a proposta fracasada no anterior mandato e actual. A principal, que o "mínimo" de vivenda protexida que acollerá a parcela pasa dun 20% a un 45% -calculando sobre as magnitudes das anteriores propostas serían un total de 160 vivendas, arredor da metade protexidas como mínimo-. Ademais, o espazo público cara á rúa República Arxentina -a área que ocupaban as pistas deportivas do antigo colexio- "pasa de 20 a 34 metros".
O barrio suma uns 1.400 metros cadrados de espazos públicos e unhas 400 prazas de aparcadoiro
E sobre todo, resalta o goberno local, existe "conformidade da Sareb" por escrito cun plan que, subliña Sanmartín, "reduce o uso comercial incrementando o residencial" e "mantendo 900 metros cadrados de equipamento comunitario pensado para un centro de día". En total, os espazos públicos que gañaría o barrio na parcela roldarán os 1.400 metros cadrados e, adicionalmente, sumará "un mínimo de 400 prazas de aparcamento".
O gabinete de Sanmartín valora ademais especialmente que desapareza da ecuación a posibilidade de instalar no lugar un centro comercial, moi rexeitada polas empresas da zona e tamén pola plataforma veciñal que, non obstante, tamén di non concordar coa solución agora presentada por aspectos como a altura dos edificios. Os locais que poderán abrir nos novos edificios -só nos baixos ou en plantas baixas conectadas coa inmediatmente superior- só serán pequenos comercios. Tamén hostalería, pero non pubs ou discotecas.

Para sacar adiante a modificación que permita desenvolver o proxecto son imprescindibles, alén dos 8 votos que sustentan o goberno local, o apoio de cando menos un dos dous grupos da oposición. Todo apunta a que a Operación Peleteiro logrará o "si" dos aínda 6 membros do grupo do PSdeG, mentres que o PP xa avanzou que non votará a prol e só se debate entre o "non" ou unha inocua abstención.