A autorización da Xunta a declarar A Coruña como primeira zona residencial tensionada de Galicia deixou "satisfeita" á alcaldesa. Inés Rey, un día despois da confirmación desa declaración, asegurou que a medida "contribuirá a que os inquilinos aforren ata 400 euros ao ano", pero engade que tamén será beneficios para os propietarios porque "verán aumentada a desgravación fiscal".
Ao tempo, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificou de "erro" esta declaracións ao entender que non só non solucionará os problemas de vivenda na cidade, senón que podería reducir aínda máis a oferta dispoñible. "Creo que non vai funcionar, sinceramente", insistiu o xefe do Executivo galego, que cre que a medida pode provocar que "cidadáns e propietarios de vivendas se retraian e non as poñan para alugar".
Así, Rueda considera que son as políticas da Xunta as que axudarán ao problema da vivenda e avogou por "promover a construción de vivenda pública con prezos asumibles para as persoas", tanto construíndo directamente como traballando con cooperativas e con entidades privadas para que "as constrúan con axuda económica e as poñan a disposición con prezos taxados, con prezos asumibles, con prezos sociais".
Rueda cre que a medida é un "erro" e que podería reducir a oferta dispoñible de alugueiro
Para Rueda, é necesario "dar seguridade aos propietarias para que saiban que se sofren ocupación, inmediatamente iso ten que ser solucionado, e que se teñen un inquilino que debe pagar, tamén teñen que ter medidas para poder reaccionar e non ter unha persoa que vive sen pagar ou alugar".
Mentres, Inés Rey asegura que a declaración de zona tensionada irá acompaña doutras medidas como a regulación dos pisos turísticos ou a disposición de solo para que outras administracións poidan construír vivenda pública. Tamén apuntou ao incremento de reserva de vivenda protexida en novos polígonos urbanísticos como parte da solución ao gran problema de vivenda.
"Non hai nada máis que ir a un portal inmobiliario e ver que a oferta baixou notablemente e que a escasa que hai está a uns prezos desorbitados", dixo Rey en rolda de prensa este xoves.
Respecto da zona de mercado residencial tensionado, a Xunta explica que foi o pasado 8 de abril cando chegou ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) a solicitude do Concello de Coruña para a declaración.
Logo de pedir aclaracións á documentación enviada por "faltar algúns datos", o Concello "tarda algo máis dun mes en contestar". A Xunta volve responder "trece días despois", malia ter moito máis prazo, e dá o visto e prace.
Agora, o Concello terá dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución por parte Xunta, para aprobar o plan específico de medidas, así como o calendario de desenvolvemento destas, que deberá axustarse ao proxecto remitido coa solicitude, e deberá darse traslado do mesmo ao IGVS para o seu coñecemento.
A declaración de zona residencial tensionada, aclara a Xunta, ten unha vixencia de 3 anos.