Defensa elimina os nomes franquistas das rúas do Arsenal de Ferrol pero evita facer referencia á Lei de Memoria Histórica

Rúa 'Crucero Baleares', no interior do Arsenal militar de Ferrol ©

A rúas interiores do Arsenal de Ferrol que homenaxeaban a militares franquistas e a participantes no Golpe de Estado de 1936 van mudar o seu nome. Despois de anos de reclamacións efectuadas por distintos colectivos e instancias, rexeitadas sucesivamente polo Ministerio de Defensa, o Goberno central aceptou finalmente a retirada destas denominacións, que incumprían a Lei de Memoria Histórica.

O Ministerio aproba o cambio de nove vías interiores, que pasan a honrar a "heroes e buques que destacaron ao longo da historia da Armada"

Así o recolle o Boletín Oficial de Defensa do pasado venres 18 de marzo, que aproba os novos nomes para oito rúas: “Juan Sebastián de Elcano”, “Ana de Sotomayor”, “Nao Santa María”, “Nao Victoria”, “Galera La Loba”, “Galeón Santiago de Oliste”, “Corbeta Atrevida”, “Fragata Acorazada Numancia” e para unha praza, que pasa a chamarse “Praza de Jorge Juan".

A resolución asinada pola ministra Margarita Robles non fai referencia ningunha ás antiguas denominacións de exaltación franquista e limítase a destacar que se escolleron nomes de "heroes e buques que destacaron ao longo da historia da Armada Española", nunha homenaxe a "homes e mulleres [unha muller, unicamente] de recoñecido e  indiscutido prestixio" polas "xestas levadas a cabo a bordo dos seus buques". 

Arsenal de Ferrol © Turgalicia

Defensa evitar falar das denominacións que homenaxeaban a militares da ditadura ou do cumprimento da Lei de Memoria Histórica, limitándose a afirmar que a mudanza obedece a causas organizativas

O texto afirma que a decisión de dar estes nomes obedece a un obxectivo de "optimizar a eficiencia na organización do Arsenal de Ferrol que permita unha mellor identificación da situación física dos seus diferentes organismos, unidades e servizos". E dá a entender, polo tanto, que estas vías non contaban ata o momento cun nome identificativo, a pesar de que as autoridades do Arsenal aprobaron no ano 1981 (en resposta á eliminación do rueiro franquista no resto da cidade) bautizalas como Almirante Vierna, Crucero Baleares, Soldado Lois, Almirante Honorio Cornejo, Cándido Pérez, González Llanos, Almirante Fernández Martín, Salvador Moreno, Marqués de Alborán e Carrero Blanco. A rúa Carrero Blanco si fora retirada no ano 2014 en aplicación da Lei de Memoria Histórica.

O Ministerio dá a entender que estas vías non contaban ata o momento cun nome identificativo, a pesar de que as autoridades do Arsenal aprobaron no ano 1981 as denominacións e de que a propia Margarita Robles xustificou hai un ano as denominacións franquistas no Congreso

A ausencia de mencións ás denominacións anteriores e ao cumprimento da Lei de Memoria Histórica por parte do Ministerio de Defensa contrasta coa resposta dada pola ministra Margarita Robles ao deputado de EH-Bildu Jon Iñárritu, que en marzo do ano 2021, preguntou no Congreso pola pola vinculación co franquismo dos nomes das rúas interiores do Arsenal ferrolán. Nese momento Defensa xustificou o mantemento destas denominacións, xa que "recordan a membros da Armada ou buques con vinculación coa cidade de Ferrol" e, polo tanto, non se verían afectadas pola Lei de Memoria Histórica. Un argumento, ademais, que incorría en falsidades, xa que varios dos franquistas homenaxeados non naceron en Ferrol e, ademais, todos eles tiveron un papel clave na Guerra Civil e na ditadura, polo que as denominacións si incumprían a lei.

Hai uns meses o colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura presentou unha denuncia ante a Fiscalía polo incumprimento da Lei de Memoria Histórica por parte do Ministerio de Defensa, unha denuncia que chegou á Fiscalía do Tribunal Supremo. O colectivo celebra a supresión das denominacións fraquistas, pero critica que o Ministerio evite "fala claramente de eliminación de simboloxía franquista". Ademais, destaca que o cambio de nomes obedece á "mobilización cívica" e ás iniciativas legais e políticas desenvolvidas nos últimos anos, como a moción aprobada no Pleno de Ferrol.

Plano do Arsenal coas novas denominacións para as súas rúas interiores © Ministerio de Defensa

O colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura celebra a supresión das denominacións fraquistas, pero critica que o Ministerio evite "fala claramente de eliminación de simboloxía franquista". Ademais, destaca que o cambio de nomes obedece á "mobilización cívica"

Así mesmo, o colectivo de presas e presos políticos suxire que tería sido máis axeitado dedicar estas vías a homenaxear a militares que o 18 de xullo de 1936 defenderon en Ferrol a legalidade, como dende hai anos promove un grupo de militares demócratas, que detallou a súa proposta nun informe redactado polo historiador Bernardo Máiz. 

Entre os nomes propostos figura o do Contralmirante Antonio Azarola, Xefe do Arsenal, asasinado polos fascistas, ademais de Dionisio Mouriño González, Ramiro Corredeguas Castro, Luís Sánchez Pinzón, Sandalio Sánchez Ferragut, Vicente Peña Tarrasa, Carlos Allegue Caruncho, Benito Sacaluga Rodríguez, Luís Pérez Carballa ou Antonio Sanjuán Cañete. "As persoas que defenderon a democracia e o goberno lexítimo da República son merecedoras de recoñecemento social e reparación pública", destaca o colectivo de presos e presas políticas.

O colectivo suxire que tería sido máis axeitado dedicar estas vías a homenaxear a militares que o 18 de xullo de 1936 defenderon en Ferrol a legalidade, como propuxeron hai anos o historiador Bernardo Máiz e o grupo de militares demócratas

O colectivo destaca, así mesmo, que "esta Resolución de Defensa debería ter tamén repercusións inmediatas no concello de Ferrol", ao que insta a retirar a distinción que aínda conserva González Llanos de Fillo Predilecto de Ferrol desde 1968 e unha estatua no barrio de Esteiro. Salvador Moreno tamén é Fillo Predilecto desde 1949.

Lembra ademais que "aínda queda en Ferrol outra simboloxía franquista que depende de Defensa" e tamén "noutras instalacións de Defensa en Galicia", elementos todos "que honran a golpistas e criminais". Reclaman do Ministerio, polo tanto, a súa supresión. Por exemplo na igrexa castrense de San Francisco de Ferrol hai unha gran cruz dos “Caídos por Dios y por España” e mais unha placa de homenaxe da Armada ao Cruceiro Baleares: “La Marina de Guerra a los gloriosos caídos del Baleares. Caídos por Dios y por España en el Crucero Baleares ¡¡Presentes!!”.

A rúa 'González Llanos', no interior do Arsenal de Ferrol ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.