Son moitos aínda os nomes e símbolos franquistas que perduran en Galicia, máis de 13 anos despois da aprobación da Lei de Memoria Histórica que obrigou á súa eliminación. Unha parte importante destes elementos que desafían á lexislación atópanse en instalacións militares ou que dependen do Ministerio de Defensa. A CIG vén de presentar un escrito, dirixido á Ministra de Defensa, Margarita Robles, na que solicita a retirada da simboloxía franquista en distintos lugares de Ferrol, Santiago, A Coruña ou Pontevedra, entre elas a Residencia de estudantes Teniente General Barroso ou o colexio Salvador Moreno.
A CIG reclama o cambio dos nove nomes franquistas das rúas interiores do Arsenal de Ferrol
O sindicato tamén remitiu unha solicitude ao Almirante do Arsenal de Ferrol, demandando a supresión dos elementos franquistas que se manteñen alí, entre eles nos nomes das súas rúas interiores, para as que realiza unha proposta de novas denominacións, que lembrarían a destacadas mulleres traballadoras da comarca, vencelladas varias delas ao movemento obreiro.
O obxectivo da CIG con estas solicitudes é "sumarse como un colectivo máis ás reiteradas peticións doutras asociacións pola retirada da simboloxía franquista que aínda permanece en espazos públicos, co interese acrescentado de que estes espazos públicos supoñen o lugar de traballo do persoal civil ao servizo do Ministerio de Defensa na Galiza".
O sindicato comunica a Margarita Robles "a preocupación de parte do persoal civil do Ministerio" en relación coas "manifestacións en favor do franquismo e en contra dos valores democráticos que ultimamente veñen reiterando desde determinados sectores do persoal militar"
Neste senso, na solicitude dirixida a Margarita Robles, o sindicato comunica "a preocupación de parte do persoal civil do Ministerio de Defensa" en relación coas "manifestacións en favor do franquismo e en contra dos valores democráticos que ultimamente veñen reiterando desde determinados sectores do persoal militar do Ministerio". E lémbralle que "a omisión ou dilación" na aplicación da Lei de Memoria Histórica "pode profundar aínda máis esa preocupación do persoal civil que lle transmito, ao non atopar unha actuación firme e decidida por parte do Ministerio, podendo dar a entender que determinado franquismo que aínda permanece latente nas Forzas Armadas, á vista dos feitos nas últimas semanas, siga mantendo certa capacidade de acción e permisividade".
Elementos franquistas en Santiago, A Coruña e Pontevedra
No escrito presentado no rexistro a CIG solicita en Santiago de Compostela o cambio na denominación da Residencia de estudantes Teniente General Barroso, uníndose á reclamación expresada hai uns meses pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH). A residencia, inaugurada en 1976 e dependente da Armada, homenaxea a Antonio Barroso y Sánchez Guerra, un militar franquista que chegou a ser Ministro do Exército durante a ditadura entre 1957 e 1962.
A CIG solicita o cambio na denominación da Residencia de estudantes Teniente General Barroso de Compostela ou do Colexio Salvador Moreno de Pontevedra
En Pontevedra pídese o cambio no nome do colexio privado Salvador Moreno, que conta con financiamento de Armada. No ano 2017 o daquela presidente Mariano Rajoy laiouse de que Moreno perdera a rúa á que lle daba nome en Pontevedra (que pasou a denominarse Rúa Rosalía de Castro). Salvador Moreno dirixiu a rebelión no Arsenal de Ferrol, apoderándose do cruceiro Almirante Cervera, fondeado no porto e que era protexido por militares fieis á República. Ascendido a Capitán, nas semanas seguintes utilizou ese mesmo barco para bombardear Xixón. Xa en 1937, comandou o Canarias, que bombardeou a poboación civil que fuxía de Málaga en dirección a Granada (na coñecida como a desbandá), provocando entre 3.000 e 5.000 mortes. Nas décadas seguintes foi ministro da ditadura en dúas ocasións.
Na Coruña, a CIG reclama a eliminación da placa dedicada ao Xeneral Yagüe que se atopa na Sala de Honor da Capitanía Xeral. Yagüe é denominado "o carniceiro de Badaxoz", pois foi o responsable da execución de catro mil prisioneiros na cidade estremeña. Ademais, lembra que no Museo histórico militar da cidade hai "contidos que omiten a realidade subversiva contra a legalidade republicana" do Golpe de Estado de 1936.
O rueiro franquista do Arsenal de Ferrol
En Ferrol a CIG esixe a retirada escudo franquista que aínda se atopa na fachada do Cuartel Sánchez Aguilera ou dunha cruz e unha placa que na igrexa de San Francisco homenaxean aos militares golpistas
En Ferrol a CIG esixe a retirada escudo franquista que aínda se atopa na fachada do Cuartel Sánchez Aguilera. Tamén a supresión na igrexa castrense de San Francisco da cruz que contén a inscripción “caídos por Dios y por España e da placa co texto “La Marina de guerra a los gloriosos caídos del Baleares, caídos por Dios y por España en el Crucero Baleares, ¡Presentes!”. Así mesmo, demanda a eliminación da estatua ecuestre dedicada ao ditador Francisco Franco (durante anos no centro da Praza de España da cidade) e que se atopa no servizo de Repostos, do Arsenal, próxima á escola naval Antonio Escaño.
Finalmente, o sindicato propón a substitución dos nomes de nove rúas interiores do Arsenal e que na actualidade corresponden a nove nomes relacionados coa sublevación militar de 1936 e a ditadura franquista (Salvador Moreno, Marqués de Alborán, Almirante Vierna, Almirante Fernández Martín, Cándido Pérez, González Llanos, Soldado Lois, Almirante Honorio Cornejo e Crucero Baleares).
Nos últimos anos foron varias as peticións para que este rueiro franquista desapareza da instalación militar, destacando a encabezada polo colectivo de militares que tamén impulsou o Manifesto en contra do franquismo nas Forzas Armadas e que incluía un dossier elaborado polo historiador Bernardo Máiz. Arturo Maira, capitán de navío retirado e principal impulsor desta petición, reclamaba nesta entrevista que "o final deste proceso ten que ser un acto público no que a Armada lle pida perdón aos habitantes de Ferrolterra".
No ano 1981 a cúpula militar deu ás rúas do Arsenal nomes ligados á ditadura en resposta á eliminación do rueiro franquista da cidade
Os nomes franquistas destas nove rúas foron aprobados en 1981, como reacción á decisión do Concello de Ferrol de modificar os nomes de 61 rúas e prazas da cidade, eliminando todas aquelas que facían referencia a persoeiros relacionados co franquismo. O cambio non gustou na cúpula militar, chea de nostálxicos da ditadura, que acordou bautizar dez rúas interiores do Arsenal da cidade, instalacións sobre as que o Concello non tiña competencia, dándolles os nomes doutros tantos heroes militares ou líderes do réxime. A denominación dunha delas (a rúa Carrero Blanco) si foi modificada no ano 2014.
Na súa solicitude a CIG fai tamén unha proposta para rebautizar as nove rúas, con nomes que lembran a destacadas mulleres ferrolás ligadas ao movemento obreiro ou a colectivos de mulleres traballadoras moi vencelladas á propia actividade do porto e do Arsenal: As cargadoras do dique da Campá, As lavandeiras, As carboeiras, As augadoras, Antonia Alarcón (considerada instigadora en 1810 dunha revolta laboral contra os baixos salarios no Arsenal foi executada e a súa cabeza foi cravada nunha pica na porta do recinto militar).
A CIG propón rebautizar as nove rúas con nomes de destacadas mulleres ferrolás ligadas ao movemento obreiro ou a colectivos de traballadoras moi vencelladas á propia actividade do porto e do Arsenal
Tamén Amalia Fraguela (destacada no movemento obreiro de Ferrol antes da Guerra Civil, promovendo a autoorganización das mulleres no pioneiro grupo A Antorcha), Josefina Neira (Secretaria do Grupo Feminino Socialista na cidade), Amalia Vergara (integrante do Grupo Feminino Socialista e colaboradora do xornal O Obreiro), Josefa Gómez de Mera (afiliada á UGT e delegada sindical das carboeiras), Maria Abella Castro (Secretaria do Grupo Feminino Socialista en 1933 e asasinada en 1936). Amparo Foxo (Presidenta de A Unión Feminina, Sociedade de Cargadoras e Descargadoras do Peirao de Ferrol), Josefa Martínez (Presidenta da Sociedade de Augadoras de Ferrol), Mela ”A carboeira" (traballou dende moi nova descargando carbón no porto, participando no movemento obreiro) e Rosa Caridad Paz (Fundadora da Alianza Nacional de Forzas Democráticas en 1944 e colaboradora da guerrilla)