Trátase das rúas Almirante Vierna, Crucero Baleares, Soldado Lois, Almirante Honorio Cornejo, Cándido Pérez, González Llanos; as avenidas Almirante Fernández Martín e Salvador Moreno: e a praza Marqués de Alborán
As rúas interiores do Arsenal de Ferrol homenaxean dende hai 40 anos a oito militares franquistas e mais ao Cruceiro Baleares, responsable de masacres durante a Guerra Civil como por exemplo o bombardeo da poboación civil que fuxía de Málaga na coñecida como "la desbandá". Dende hai tempo numerosas iniciativas reclaman o cumprimento da Lei de Memoria Histórica nestas instalacións, dende as peticións realizadas hai uns anos por un grupo de militares demócratas ata a máis recente levada a cabo pola CIG.
Tamén o fixo o deputado de EH-Bildu Jon Iñárritu, que o pasado 2 de marzo presentou unha pregunta no Congreso dirixida ao Goberno central e na que recollía a devandita proposta de 'Sacar o Franquismo do Exército'. O deputado vasco preguntaba pola vinculación co franquismo dos nomes e denominacións das rúas interiores do Arsenal ferrolán e pola súa eliminación en cumprimento da Lei de Memoria Histórica.
As denominacións das rúas interiores do Arsenal "recordan a membros da Armada ou buques con vinculación coa cidade de Ferrol", o que xustificaría o seu mantemento para Defensa
O Ministerio de Defensa vén de responder á pregunta, indicando que as denominacións das rúas interiores do Arsenal non se ven afectadas pola Lei de Memoria Histórica, xa que "recordan a membros da Armada ou buques con vinculación coa cidade de Ferrol", o que xustificaría o seu mantemento.
Os nomes e denominacións ás que fai referencia o Goberno central son as rúas Almirante Vierna, Crucero Baleares, Soldado Lois, Almirante Honorio Cornejo, Cándido Pérez, González Llanos; as avenidas Almirante Fernández Martín e Salvador Moreno: e a praza Marqués de Alborán. Tamén existía unha rúa Almirante Carrero Blanco, pero esta si foi retirada no ano 2014, en aplicación da Lei de Memoria Histórica.
Estas rúas foron denominadas así no ano 1981 nunha reacción das autoridades militares á supresión dos nomes franquistas no rueiro da cidade
Cómpre lembrar, ademais, ques estas rúas foron denominadas así no ano 1981 (anteriormente non tiñan nome), nunha reacción das autoridades militares á supresión dos nomes franquistas no rueiro da cidade, aprobada o 3 de marzo de 1981 cos votos a favor de PSOE, PCG e Unidade Galega e cos votos en contra de UCD e Coalición Democrática. Así, a Avenida del Generalísimo recuperou o nome de Estrada de Castela ou a rúa dedicada a José Antonio Girón pasou a chamarse rúa Ricardo Carvalho Calero.
Contrariamente ao afirmado polo Ministerio de Defensa, varios dos franquistas homenaxeados non naceron en Ferrol. Ademais, todos eles tiveron un papel clave na Guerra Civil e na ditadura
Ademais da rúa dedicada ao Cruceiro Baleares, construído en Ferrol e que tivo un papel clave para o bando nacional na Guerra Civil, varios dos nomes das rúas fan referencia a militares de fóra de Ferrol, como o Soldado Lois (nacido en Ordes e que foi elevado a símbolo polo franquismo durante a Guerra Civil e as décadas posteriores), o Almirante Honorio Cornejo, Cándido Pérez (outro militar que foi elevado a mártir da causa franquista durante a Guerra), ou o Marqués de Alborán, outro heroe do bando nacional durante a Guerra.
Outros dos homenaxeados (González Llanos, Salvador Moreno...) si naceron en Ferrol e igualmente distinguíronse polo seu papel na Guerra Civil (con episodios de especial crueldade, por exemplo no caso de Salvador Moreno, defendido hai anos por Mariano Rajoy) ou durante a ditadura franquista.
O colectivo de militares que fixo público o Manifesto en contra do franquismo nas Forzas Armadas realizou unha proposta para a substitución dos nomes destes militares franquistas por outros militares que, en cambio, defenderon a democracia e a a orde legal republicana. O voceiro deste grupo, Arturo Maira, lembraba nesta entrevista que o Arsenal foi un dos maiores escenarios de represión durante a Guerra Civil: "Alí a Armada fusilou o pobo democrático ferrolán. Ferrol e a súa comarca eran unha zona claramente de esquerdas e republicana, e por iso a masacraron". E reclamou a "expulsión do franquismo das Forzas Armadas".