A Corporación municipal de Santiago conta cun edil menos dos que debería por un baleiro legal que permite que un concelleiro electo do PSdeG non tome posesión do cargo de xeito indefinido nin renuncie a el, impedindo así que corra a lista
Cada mes, desde hai case tres anos, o primeiro punto da orde do día de cada pleno municipal do Concello de Santiago é o mesmo: “Toma de posesión do cargo de concelleiro de Don Antón Barba Pereira (PSdeG-PSOE)”. Neste tempo, mes tras mes, Antón Barba nunca tomou posesión, pero tampouco renunciou a facelo, situándose nun limbo legal que fai que a Corporación municipal de Santiago veña contando cun edil menos dos que debería ter.
No Congreso dos Deputados ou nos parlamentos autonómicos os cargos electos teñen un prazo para tomar posesión do seu escano, e o mesmo ocorre cos alcaldes. Porén, non pasa o mesmo cos concelleiros, baleiro normativo que en Santiago está a permitir que a Corporación municipal, que debera contar con 25 edís, teña desde maio de 2016 só 24. Daquela unha concelleira do PSdeG deixou o seu escano por motivos persoais, pero o seguinte na lista socialista, Antón Barba, nunca tomou posesión do posto, en desacordo coa remuneración que o partido prevía para el. Pero tampouco renunciou nunca á súa condición de cargo electo, o que impide que poida entrar na Corporación o seguinte na lista dos socialistas, que o pasado febreiro expulsaron a Barba do partido e xa asumen que a situación se prolongará ata as eleccións municipais do próximo 26 de maio. A Corporación de Santiago cumprirá daquela tres anos cun concelleiro menos.
Nas últimas eleccións municipais de maio de 2015 o goberno local de Santiago foi asumido por Compostela Aberta, con 10 concelleiros fronte a 9 do PP, 4 do PSdeG e 2 do BNG. Aos catro socialistas correspondeulles unha dedicación exclusiva e unha parcial, isto é, o dereito a que os seus catro concelleiros se repartisen un soldo e medio como tales. Un cóbrao enteiro o portavoz do grupo, Francisco Reyes, mentres que a dedicación parcial foi para outro compañeiro.
Quen debería ocupar o escano baleiro, Antón Barba, puxo ao partido como condición para asumir o cargo de concelleiro e renunciar temporalmente ao seu posto de funcionario que debía cobrar unha dedicación exclusiva enteira, o que os socialistas non aceptaron
Un ano despois das eleccións a concelleira socialista María Tobar renunciou ao cargo por motivos persoais, pero o seguinte na lista, Antón Barba, é funcionario municipal (foi presidente da xunta de persoal), o que fai incompatible que poida simultanear o posto de concelleiro co de traballador do mesmo Concello, polo que tería que pedir unha excedencia laboral. Foi aí cando Barba puxo ao partido como condición para asumir o cargo de concelleiro e renunciar temporalmente ao seu posto de funcionario que debía cobrar unha dedicación exclusiva enteira. O PSdeG tentou negociar e ofreceu a posibilidade de facilitarlle unha comisión de servizos, isto é, trasladar temporalmente o seu posto de funcionario no Concello a outra administración na que non fose incompatible co cargo de concelleiro. Pero esa posibilidade non fructificou nin o PSdeG aceptou darlle unha dedicación exclusiva, así que Barba nunca tomou posesión do cargo, nin tampouco renunciou a el, o que impide que poida asumilo o seguinte na lista.
Este diario contactou con Antón Barba, que rexeitou ofrecer a súa visión da situación. Pola súa banda, fontes do PSdeG critican que o seu xa ex-militante, que ía no posto número 5 da súa lista, intentase mesmo impoñer ao partido ser o portavoz municipal en substitución do actual para así cobrar a súa dedicación exclusiva.
A Xunta Electoral Central confirmou aos socialistas que non se pode obrigar a un cargo electo a renunciar e estes renunciaron a iniciar un procedemento constitucional cuxa resolusión podería non chegar no actual mandato
Este, o portavoz, Francisco Reyes, relata como tanto o grupo municipal socialista como a dirección federal do partido consultou á Xunta Electoral Central por dúas veces obtendo a mesma resposta, que non se pode obrigar a un cargo electo a renunciar ao posto. Segundo Reyes, a súa formación tamén consultou con catedráticos de Dereito Constitucional e con maxistrados do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional, que suxeriron a posibilidade de que o PSOE presentase unha denuncia por vulneración do dereito dos electores a contar cun representante. O xulgado que recibise a denuncia veríase obrigado a elevar unha cuestión de constitucionalidade ao Tribunal Constitucional que podería establecer que para os cargos de concelleiro se apliquen as mesmas normas que para os deputados.
Porén, esa denuncia nunca se chegou a formular por dúbidas de se facelo ante un xulgado do civil ou do contencioso-administrativo e sobre se a resolución chegaría a tempo de mudar algo durante o actual mandato municipal ou se produciría cando as urnas xa se tivesen pronunciado de novo. Sobre eses prazos, fontes socialistas sinalan que o feito de que durante este tempo houbese xestoras á fronte do partido tanto en Galicia como en Madrid tampouco axudou a tomar unha decisión dese calado. A non decisión tomada foi finalmente a de deixar correr o tempo. Así, tras meses de negociacións, e á vista de que as consultas xurídicas non eran quen de atopar unha saída rápida ao baleiro legal, o pasado febreiro o PSdeG expulsou a Barba do partido e xa asume que a situación non terá solución ata que o próximo maio unha nova Corporación completa saia das urnas.
A seguinte na lista do PSdeG ás municipais de 2015 incorporouse un ano máis tarde a Podemos de xeito activo sen renunciar á súa militancia socialista
Pero os problemas dos socialistas no Concello de Santiago non rematarían coa renuncia de Barba. Hai quen pensa que o PSdeG mesmo desexa a situación de bloqueo actual desde que saíu á luz que, tras o posto 5 de Barba, quen ocupou o posto 6 e o substituiría en caso de que finalmente renunciase, Beatriz Estévez, despois de ir nas listas do PSdeG en 2015 decidiu incorporarse a Podemos de xeito activo sen renunciar á súa militancia socialista. Pola contra, fontes socialistas aseguran que Estévez xa expresou por escrito ante a formación a súa intención de renunciar ao posto en caso de que Barba tamén o fixese e correse a lista, que pasaría así o número 7. Pero a medio ano das próximas eleccións, xa ninguén pensa que se vaia producir ningún cambio.
Normativa no Congreso e no Parlamento de Galicia
Máis alá da cuestión monetaria, no Congreso dos Deputados e no Parlamento de Galicia hai condicionantes para evitar un limbo legal de que un cargo electo decida nin tomar posesión nin renunciar para que acceda o seguinte na lista.
A situación que se produce no Concello de Santiago non é replicable noutros cargos electos como os de deputados no Congreso ou nos parlamentos autonómicos. En primeiro lugar, mentres que os postos de concelleiro poden ser retribuídos cunha dedicación exclusiva, parcial ou sen retribución máis que polas dietas de asistencia aos plenos ou comisións, os escanos de deputado contan cun mesmo soldo base o suficientemente elevado. Pero máis alá da cuestión monetaria, hai condicionantes para evitar o limbo legal de que un cargo electo decida nin tomar posesión nin renunciar para que acceda o seguinte na lista.
Por exemplo, no Congreso dos Deputados, o seu Regulamento di que un deputado contará cos dereitos e prerrogativas do cargo “desde o momento mesmo en que o Deputado sexa declarado electo”, isto é, desde o reconto tras as eleccións por parte da Xunta Electoral ou desde a renuncia do que o antecede na lista, pero engade que se “celebradas tres sesións plenarias sen que o Deputado adquira a condición de tal [presentando a súa credencial expedida pola xunta electoral, a súa declaración de actividades e xurando ou prometendo o cargo] non terá dereitos nin prerrogativas ata que dita adquisición se produza”. A eses condicionantes engádese outro apartado do Regulamento que di que en caso de incompatibilidade entre o escano e outro cargo, o deputado ou deputada “terá oito días para optar entre o escano e o cargo incompatible” e “se non exercitara a opción no prazo sinalado, entenderase que renuncia ao escano”.
Similares prazos e condicionantes rexen tamén no Parlamento de Galicia, onde outra situación distinta producida nesta mesma lexislatura evidenciou como o seu regulamento facilita que se acelere a normalización da situación dos deputados. Tras a polémica suscitada sobre se unha deputada de En Marea, Paula Quinteiro, debía ou non dimitir tras un altercado coa policía, e producirse a dimisión doutro deputado, Juan Merlo, por mentir no seu currículo, o seguinte na lista que debía substituílo, Xoán Hermida, condicionou a súa toma de posesión efectiva ao futuro de Quinteiro. Para iso, intentou non exercer ningunha das prerrogativas que lle correspondían como deputado, pero o Regulamento do Parlamento establece que se pasados cinco días o novo deputado electo non pide a súa adscrición a ningún grupo, pasará de xeito automático ao Grupo Mixto. Esa situación provocaría que En Marea perdese un deputado e deixase de ser o primeiro grupo da oposición, o que acabou levando a Hermida a renunciar por completo ao seu escano e deixar que entrase a seguinte na lista.