"A situación en Santiago é de desgoberno total"

Protesta de persoal do Concello de Santiago ante o Pazo de Raxoi CC-BY-NC-SA CIG

O persoal do Concello de Santiago séntese "maltratado". Mentres presencia a peor crise institucional da historia do municipio reséntese de tres anos de sobresaltos e escándalos xudiciais que remataron nunha saída masiva de concelleiros e na acumulación de competencias no alcalde e na súa número dous. O presidente da xunta de persoal do consistorio, Antón Barba, relata como a inseguridade chegou a ser tal que "aquí non se asinaba nada". "Os papeis daban voltas" polo Pazo de Raxoi e "ningún técnico quería asinar antes de estar seguro" de que as decisións do goberno local non os comprometían legalmente. O persoal agarda expectante o desenvolvemento do, ata agora, último capítulo da historia: a construción dun novo goberno composto, na súa maioría, por persoas ás que ninguén votou.

Cal é ambiente agora mesmo no Concello, como afecta esta crise institucional ao seu traballo ordinario?
O dano é terrible para a institución e o noso ánimo está bastante no chan. Ao longo destes tres anos este goberno comportouse moi mal con nós, foi tremendo. Fixo uns recortes inxustificados, ao mesmo tempo que nos recortaba os deretios viamos como contraba novo persoal e traía xefes de servizo de fóra. Agora recorreremos o nomeamento dunha xefa de servizo de licenzas, que saíra a concurso ao que optaran funcionarios da casa. Non a deixan deserta e o día 30 a concelleira Amelia [González, edil de Persoal que deixou o posto tras a condena por prevaricación], un decreto sen informes para traer unha persoa de fóra. Tendo ademais o antecedente do TSXG coas prazas de secretario e interventor. Seguiron así e practicando recortes e nós, loxicamente, non estamos en moi boa relación con eles. Son tres anos protestando e agora ante esta situación o noso estímulo de traballo é quitar as tarefas día a día, dar a cara, explicarlles aos cidadáns que os expedientes está paralizados porque non hai concelleiros que os asinen. Por moito que o señor Currás e a señora Leis asumisen as competencias non teñen tempo para xestionar todos os expedientes.

Tanto co alcalde anterior como co actual non foron poucos os enfrontamentos co persoal municipal...

"Entraron pensando que os traballadores éramos os seus inimigos"

Non só foron os recortes, foi o talante e o trato, displicente e moi soberbio. Entraron aquí pensando que os traballadores eramos inimigos, que tiñamos unha procedencia ideolóxica determinada e eramos un inimigo a bater. Empezaron polos máis altos funcionarios e despois seguiron xefes de servizo, botándoos para traer xente de fóra. As mesas de negociación non eran tal, eran mesas de imposición. Alí non había nada que negociar: isto é así e punto e final. Así que xa fartos en 2012, no mes de Nadal, levantámos da mesa e dirixímonos directamente ao despacho da Alcaldía, porque cos concelleiros era imposible falar.

Ata o punto de pretender o despedimento dunha traballadora pola afiliación sindical da súa parella...
Isto foi tremendo. Tamén coñeciamos este elemento [o ex concelleiro de Deportes, Adrián Varela] e as súas formas de actuar. Sentímonos desamparados por parte da máxima autoridade. O alcalde non podía obrigalo a que marchase pero si quitarlle as competencias e deixalo sen dedicación exclusiva. Pero seguiu cobrando máis de 3.000 euros ao mes, por moito que oa alcalde se lamentase de que foi un feito pouco agradable. Na súa man estaba que non seguise xestionando os asuntos públicos despois de atentar contra o persoal.

O persoal chegou a sentirse perseguido?

"Existía unha ameaza constante de apertura de expedientes"

Si. Perseguidos e con medo. Abríronse moitos expedientes con resolucións que quedaron en nada e existía unha ameaza constante de aperturas de expedientes. Actuábuase con medo, sobre todo nos últimos tempos. Eles estaban moi tensos e había que andar con moito coidado. Había que medirse moito ao responder aś agresións verbais porque lle complicaban a vida a un. A moitos compañeiros desprazáronos e a pelota vai á xustiza que tarda moito en resolver.

Dadas as circunstancias, cal é a mellor saída, ou a saída menos mala para o Concello ata as vindeiras eleccións?
O mellor, posiblemente, sería constituír unha intervención por parte da Administración autonómica, do Consello de Ministros ou de quen proceda, para constituír unha xestora, unha especie de goberno de concentración, por así dicilo, incluíndo edís doustros partidos, que non están metidos nesta dinámica. Hai que salvar a cidade e a institución.

Currás e tamén Feijóo reiteran que a gobernabilidade está garantida e que os asuntos ordinarios se tramitan sen problema, ten a mesma sensación?

"Que un político diga que [a gobernabilidade] está garantida é dunha gravidade tremenda"

En absoluto. É de sentido común. A min que me diga un político que isto [a gobernabilidade] está garantido é dunha gravidade tremenda, non está garantido nada en absoluto. A administración está funcionando porque nós traballamos e facemos que funcione, pero non os responsables máximos. Calquera o pode ver.

Que agarda da entrada en Raxoi de edís non electos?
Supoño que tentarán xestionar a rutina habitual dos procesos burocráticos e non se meterán noutros temas máis profundos, sendo ademais xente procedente doutras cidades. Non agardamos gran cousa ademais de que isto transcorra cun perfil moi baixo ata as eleccións.

A cidadanía transmítelles o seu malestar aos traballadores e traballadoras municipais?
Si. Con esta situación cambiou moito a actitude cara aos traballadores, cara aos funcionarios. Sempre se nos considerou privilexiados e agora dannos consolo, sobre todos aos que teñen que dar a cara ao público: "Que situación estades pasando, como estades...".

Lembra ou coñece algunha situación semellante, en Santiago ou noutros municipios?
Non, non coñezo ningunha situación semellante. Fálase do tema de Marbella, motivado por temas se cadra semellantes... Pero o sentimento que temos é que non houbo outra situación que desembocase neste desgoberno total. A maquinaria non anda para nada.

Como viviron as revelacións do sumario do caso Pokémon? Algunhas das escoitas telefónicas atinxían directamente o traballo do persoal municipal...

"O único positivo é que conseguiron a unidade sindical; estivemos todos xuntos porque o inimigo era tremendo"

Cando nos fomos enterando dos termos e das expresións que utilizaban, dos comentarios dalgún concelleiro, concraetamente de Adrián Varela, do seu desprezo... Xa nin os mirabamos á cara e era difícil que mantivesen o tipo. Eu presenciei como este concelleiro era botado do despacho dun xefe de servizo, indicándolle que non quería reunirse con el só. Nós vivímolo con total desprezo, que personaxes nos estaban gobernando a nós e á cidade? Arrastrábamos moito resquemor contra eles porque foron moi inxustos, maltratáronnos moitísimo. O único positivo que ten é que conseguiron que houbese unidade sindical por primeira vez neste concello. Aí estivemos todos xuntos como unha piña, porque o inimigo era tremendo.

Nos últimos días o presidente da Xunta desligouse do futuro inmediato do Concello e reiterou que as imputacións e a condena xudicial foron por asuntos "administrativos". Como ven a actuación de Núñez Feijóo neste asunto
Manda truco co carácter administrativo dunha sentenza a 9 anos de inhabilitación. Aquí hai unha agresión tremenda á cidade por parte do goberno da Xunta, vímola comprobando en recortes, en actitudes, en como queren levarnos institucións a outros lugares... Isto remata en que se afunda Santiago completamente. Os composteláns e a xente que vive en Santiago deben decatarse de que hai un trato vexatorio.

Que agardan que aconteza tras as eleccións municipais do ano vindeiro?

"Ao goberno que veña, sexa da composición que sexa, pediríalle que recompoña a nosa convivencia"

Ou o que lle pediría ao goberno que veña, sexa da composición que sexa, é que recompoña a nosa convivencia. Estes introduciron moita cizaña e moita división modificando a relación de postos de traballo a final de ano, subindo niveis, provocando agravios comparativos... Nós funcionábamos cunha convivencia tranquila, con unidade, ben... E estes introduciron moitos novos departamentos e moitas suspicacias, así que o primeiro é recuperar a confianza e o estímulo. Que vexan que somos profesionais con independencia da súa cor e o que queremos é desenvolver o traballo con tranquilidade para o ben da cidade.

Xunta de Goberno de Compostela deste venres, con só catro edís e un técnico municipal © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.