A terceira dimisión en Santiago, por "solidariedade" cos edís xulgados

Varela, ante un logotipo de Aquagest cun dos presuntos líderes da trama, Henry Laíño © Concello de Santiago

Non hai semana tranquila no Concello de Santiago. Tras condicionar, ao seu pesar, o derradeiro treito da campaña electoral co paso polo banco dos acusados dos sete edis imputados por presunta prevaricación, o concelleiro que está na orixe deste procesamento, Adrián Varela, tira a toalla no inicio da que debera ser unha das semanas grandes da cidade, a das festas da Ascensión. O ata este luns responsable de Deportes da capital é o terceiro concelleiro que deixa o goberno local por asuntos relacionados coa Xustiza e faino non polo caso Pokémon, no que está imputado por supostos delitos de tráfico de influencias, suborno e falsidade documental, senón por "solidariedade".

Nun comunicado remitido a diversos medios de comunicación Varela asegura que decidiu "asumir en primera persoa o custo político" da decisión que levou os seus compañeiros a ser xulgados, aprobar pagarlle o avogado para se defender, precisamente, na Pokemon. El séntese solidario "cos meus compañeiros que estiveron expostos a unha situación xudicial moi difícil", se ben mantén "a legalidade da decisión adoptada polo goberno local a petición miña" a cal, subliña, tivo "o aval dos técnicos competentes", en referencia ao informe do secretario municipal que, segundo a Fiscalía, non daba luz verde para que o Concello asumise a defensa de xeito "incondicionado".

Tras un ano imputado Varela asegura que tamén deixa o posto para "non danar a imaxe da cidade"

O segundo motivo polo que Varela abandona é "a presión á que estivo sometida a miña familia nos últimos meses". "Nin sequera a miña férrea vocación de servizo público pode máis que a a tranquilidade dos meus seres queridos", asegura. Un ano despois de que a xuíza Pilar de Lara decidise a súa imputación o dimisionario tamén considera que chegou o momento de dar un paso atrás para "non danar a imaxe da cidade á que servín con toda a miña lealdade e esforzo durante este tempo". No mesmo comunicado aproveita tamén para "agradecer" á cidadanía que lle concedese "a honra de representala nos últimos tres anos, nos cales non atendín outros intereses que os dos veciños da miña cidade".

Un relevo complicado

O escenario que o PP de Santiago ten diante de si é calquera cousa menos doado. Dados os anteriores corrementos de lista -Conde Roa dimitiu pola súa fraude fiscal, Albino Vázquez tras ser detido na Pokémon, Paula Prado renunciou para ser deputada e José María Hernández declinou entrar na corporación- a praza de Adrián Varela corresponderíalle agora a Daniel Grela, pai dunha das persoas supostamente enchufadas nunha gardería municipal xestionada por Véndex e investigada, precisamente, no marco da Pokémon. O seguinte posto na lista, o décimo noveno -o PP ten 13 edís na corporación- correspondeulle en 2011 a Josefa Saavedra, ex presidenta da AVT en Galicia e traballadora do propio Concello, condición que implicaría, con toda probabilidade, ter que asignarlle unha dedicación exclusiva para poder aceptar o posto.

O PP compostelán, que tivo 13 edís nas municipais, está a piques de esgotar a súa lista

No caso de que Saavedra aceptase xa só quedarían, a efectos prácticos, catro persoas dispoñibles na lista antes de chegar aos suplentes. Isto sucede porque o número 22, Aníbal García, faleceu durante o mandato e porque os números 24 e 25 estiveron no seu momento ocupados de maneira simbólica por Marta González, ex secretaria xeral de Igualdade e actualmente deputada no Congreso, e polo conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, dirixentes que dificilmente deixarían os seus actuais postos para integrárense no atribulado goberno compostelán durante apenas un ano, tempo qeu resta para as vindeiras eleccións municipais.

Varela, ante un logotipo de Aquagest cun dos presuntos líderes da trama, Henry Laíño © Concello de Santiago

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.