O cariño veciñal ao fiscal García Ortiz en Santiago vira en homenaxe pública de persoas de toda Galicia

O ex-fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, na homenaxe que se lle fixo este xoves por parte de veciñanza de Santiago CC-BY-SA Praza Pública

O condenado ex-fiscal xeral do Estado agradece en Compostela o apoio de veciñanza e amizades polo seu servizo público: "Canto máis estaba en Madrid, máis quería volver a casa"

"Canto máis estaba en Madrid, máis quería volver a casa", dixo o homenaxeado no "acto de recoñecemento" que acolleu Santiago este xoves a Álvaro García Ortiz tras a súa inhabilitación como fiscal xeral do Estado polo Tribunal Supremo por revelación de datos reservados. A homenaxe, impulsada por persoas do progresismo de Compostela, quixo recoñecer "con cariño" o traballo de García Ortiz en múltiples ámbitos como veciño de Santiago que é desde hai dúas décadas, en particular da zona na que se celebrou o acto, no centro veciñal coñecido como Casa das Máquinas, na rúa Galeras. Pero acabou virando nun acto multitudinario con persoas asistentes de toda Galicia no que García Ortiz agradeceu o "privilexio" de ser fiscal xeral, cargo "para o que ninguén está preparado".

García Ortiz foi condenado polo Supremo o pasado novembro por desmentir que fose a Fiscalía quen buscaba un acordo na causa por fraude fiscal contra a parella da presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, cando realmente era o empresario o que buscaba ese pacto para evitar a cadea. Tras a súa condena, vista desde a esquerda como unha persecución inxusta por parte da dereita política e xudicial, producíronse mobilizacións en diversas cidades de todo o Estado, tamén en Santiago, a onde García Ortiz, nacido en Lumbrales (Salamanca), chegou como fiscal en 2002. 

O acto foi organizado por Xaquín Leiceaga, Xesús Veiga, Xosé Manuel Rivadulla, Lourenzo Fernandez, Encarna Otero e Marta Lois e convocou a toda a veciñanza "que se sinta concernida, a quen entenda que Álvaro como persoa e funcionario público merece o noso recoñecemento sincero". Encarna Otero, primeira en falar como representante do movemento veciñal do barrio, referiuse a el como "un veciño" ao que se atopa "na cola do pan", "un máis deses habitantes por escolla" de Santiago, un "picheleiro de corazón". As intervencións posteriores, unha ducia, coincidiron na súa maioría en facer fincapé no inxusto da súa condena e no desprestixio que supón para a xustiza estatal.

Homenaxe a Álvaro García Ortiz en Santiago este xoves CC-BY-SA Praza Pública

Cargos e ex-cargos públicos repartíanse pola sala, con pouco protocolo, entre veciñanza e fiscais

Como acto veciñal, pouco protocolario, moitos dos asistentes con cargos públicos non ocuparon lugares de significación. Se é que tiveron lugar, porque o recinto quedou sen espazo. 

A carón do homenaxeado estaba sentada a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, unha fila por detrás aparecía o delegado do Goberno de España, Pedro Blanco, cara ao outro lado os ex-reitores da USC Antonio López e Ramón Villares, contra unha parede o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, a carón do seu antecesor e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e na parede oposta o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, mentres que a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, desculpou a súa ausencia. Fiscais e xuíces repartíanse por toda a sala intercalados con veciñanza da cidade e cargos e ex-cargos públicos socialistas ou nacionalistas.

García Ortiz pediu "seguir loitando" para mellorar o sistema

A intervención do propio García Ortiz pechou o acto. Nela o fiscal comezou asegurando que "non hai ninguén que vaia ser, que poida ser, bo fiscal xeral" polas esixencias do posto, no que dixo sentirse "un privilexiado". Segundo dixo, "non hai outra figura" no mundo xurídico "con máis lexitimidade democrática" pola súa forma de elección a derivada da soberanía popular. Pero lamentou que "lonxe de entender isto como unha virtude, entendémolo como unha tacha".

Segundo García Ortiz, "a xustiza está ao servizo dos cidadáns" mentres que "o exercicio do poder é outra cousa", situándose el mesmo no primeiro colectivo coa súa "honestidade" como "único capital". Por iso se dixo doído "cando a atacaron". Aínda así, pediu "seguir loitando" para mellorar o sistema.

Homenaxe a Álvaro García Ortiz en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

Durante a súa carreira en Santiago, como fiscal de Medio Ambiente, García Ortiz ocupouse entre outros do problema dos incendios forestais, levando a contraria ao daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que atribuía parte dos lumes a unha suposta “trama” de “terroristas” incendiarios que nin a Fiscalía nin a policía foi nunca capaz de atopar

[Raíces galegas no aborrecemento ao fiscal xeral polo PP, que celebra a súa imputación]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.