Un grupo de persoas está a organizar un "acto de recoñecemento" a Alvaro García Ortiz "como amigo, veciño, paisano, fiscal ocupado do medio-ambiente e a memoria colectiva, e ex-fiscal xeral do Estado"
Un grupo de persoas en Compostela está a organizar un "acto de recoñecemento" a Alvaro García Ortiz "como amigo, veciño, paisano, fiscal ocupado do medio-ambiente e a memoria colectiva, e ex-fiscal xeral do Estado". A homenaxe, que terá lugar o vindeiro xoves 23 de abril na Casa das Máquinas, en Galeras, está impulsada por Xaquín Leiceaga, Xesús Veiga, Xosé Manuel Rivadulla, Lourenzo Fernandez, Encarna Otero e Marta Lois.
Este grupo organizador convoca a toda a veciñanza "que se sinta concernida, a quen entenda que Alvaro como persoa e funcionario público merece o noso recoñecemento sincero" a participar nun evento no que, ademais dun acompañamento musical, distintas persoas tomarán a palabra e "arrouparán e darán ao acto a calidez e a calidade que Alvaro se merece e ten gañado entre nós".
A homenaxe, que terá lugar o vindeiro xoves 23 de abril na Casa das Máquinas, en Galeras, está impulsada por Xaquín Leiceaga, Xesús Veiga, Xosé Manuel Rivadulla, Lourenzo Fernandez, Encarna Otero e Marta Lois
Nacido en Lumbrales (Salamanca), Álvaro García Ortiz residiu durante moitos anos en Compostela, nesta mesma zona que acollerá a homenaxe (en concreto, en San Lourenzo). En 2002 trasladouse á Fiscalía da Área de Santiago e en 2004 converteuse en fiscal especialista en medio ambiente na Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Nesta condición asumiu a acusación pública no Caso Prestige en 2005.
Os responsables de xestionar o accidente no Goberno de José María Aznar non foron acusados pola Fiscalía e finalmente resultaron absoltos, o que non impediu que García Ortiz manifestase a súa opinión de que, con independencia da consideración penal que tivesen as súas actuacións, os intentos de ocultar información que se produciran durante o sinistro merecían igualmente o reproche da cidadanía.
Durante 15 anos foi fiscal especialista en medio ambiente na Fiscalía do TSXG, un tempo no que se ocupou de asuntos coma a acusación pública do Caso Prestige ou a problemática dos incendios forestais. En 2022 foi nomeado fiscal xeral do Estado e o pasado ano foi inhabilitado
Na súa posición, ocupouse tamén do problema dos incendios forestais, levando a contraria ao daquela presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que atribuíu parte dos lumes a unha suposta “trama” de “terroristas” incendiarios. García Ortiz elaborou un informe para o Parlamento que desbotou a responsabilidade desas supostas tramas: “En todos estes anos non atopamos esa famosa trama”, dixo en entrevista con Praza.gal.
En 2020 foi ascendido a la categoría de fiscal de Sala e en xullo de 2022 o Goberno propúxoo para ocupar o cargo de fiscal xeral do Estado en substitución de Dolores Delgado. En outubro de 2024 o Tribunal Supremo abriu un procedemento contra el por un suposto delicto de revelación de segredos en relación coa parella de Isabel Díaz Ayuso (foi acusado de filtrar que fora o empresario e non a Fiscalía quen quería pactar e asumir a culpa no seu caso por fraude fiscal).
Trátase dun "acto de veciñanza e de cariño, sobre todo, por todo o que el fixo cando estivo aquí na Fiscalía de Medio Ambiente, que foi moito e moi importante, e tamén para recoñecer o seu traballo veciñal", explica Encarna Otero
Un ano máis tarde foi condenado, sufrindo unha inhabilitación de dous anos para exercer cargo público. No proceso seguido contra el e no ditame final denunciouse unha persecución política por parte dos sectores conservadores da xustiza no seu labor de presión contra o Goberno do Estado. A sentenza provocou reaccións de apoio en moitos sectores, tamén na sociedade civil e, por exemplo, A Coruña e Santiago acolleron en novembro concentracións de protesta.
"É un veciño que na actualidade está pasando un mal momento e queremos homenaxealo. E facelo en vida, que moitas veces este tipo de homenaxes chegan demasiado tarde", explica en conversa con Praza.gal Encarna Otero, veciña do barrio e unha das organizadoras. "El elixiu ser un servidor público e nós defendemos o público como servizo", engade Otero, que anuncia que a semana que vén se darán a coñecer máis detalles sobre o acto, que é completamente "aberto" e no que toda colaboración e participación é benvida.
"El elixiu ser un servidor público e nós defendemos o público como servizo", engade Otero
Trátase dun "acto de veciñanza e de cariño, sobre todo, por todo o que el fixo cando estivo aquí na Fiscalía de Medio Ambiente, que foi moito e moi importante, e tamén para recoñecer o seu traballo veciñal", explica. "Nos anos que viviu aquí estivo moi implicado na vida do barrio, na asociación de veciños, e tamén na comunidade educativa do centro no que estudaban os seus fillos", di.
O obxectivo, conclúe Encarna Otero, é facer un acto "de cariño e de alegría". A mesma que, di, sentiu Álvaro García Ortiz cando lle comunicaron os plans para a homenaxe: "el está encantado, porque é un home moi alegre. E ademais todo o que veña de Galicia e de Santiago faille moita ilusión e acólleo con moito cariño".