Tres dereitas e un destino

Álvaro García Ortiz © Pool / Fiscalía Xeral do Estado

Existe unha dereita xudicial que hexemoniza as instancias mais relevantes encargadas de aplicar as leis existentes no Estado español. Esta realidade completase coa vixencia dunha dereita política e dunha dereita mediática que conforman un triángulo de grande influencia no desenvolvemento da vida pública

A sentenza condenatoria emitida pola maioría da Sala Segunda do Tribunal Supremo contra o fiscal xeral, Álvaro García Ortiz, ratifica unha evidencia constatada nas últimas décadas: existe unha dereita xudicial que hexemoniza as instancias mais relevantes encargadas de aplicar as leis existentes no Estado español. Esta realidade completase coa vixencia dunha dereita política e dunha dereita mediática que conforman un triángulo de grande influencia no desenvolvemento da vida pública.

Obviamente, dende 1975 sempre estiveron presentes esas tres dimensións do conservadorismo español aínda que mudaron as formas nas que se manifestaron e as relacións que mantiveron entre elas. Un punto de inflexión relevante nese universo foi o sucedido na segunda década do presente século. Lembremos brevemente o contexto conformado polos acontecementos daqueles anos: comezo da crise política en Cataluña co xurdimento dun potente movemento independentista; erosión notábel nas condicións de vida da maioría social por mor da crise financeira internacional; perda de peso do bipartidismo coa aparición de Podemos e Cidadáns; abdicación preventiva de Xoan Carlos I froito dun pacto entre PP e PSOE e -ao remate da década- formación do primeiro goberno estatal de coalición entre PSOE e Unidas Podemos. Aínda que no mandato de Felipe González tiveramos ocasión de comprobar a potencialidade axitadora dalgúns coñecidos representantes da dereita mediática (o chamado "sindicato do crime": Pedro J. Ramírez, Luis María Ansón, Jimenez Losantos, Pablo Sebastián...) e durante os gobernos de Zapatero asistimos ao uso repetido das manifestacións na rúa para combater reformas de carácter progresista (matrimonio igualitario, ampliación do dereito ao aborto, lei contra a violencia de xénero, memoria histórica...), a maioría parlamentaria que propiciou a moción de censura contra o goberno de Rajoy e as posteriores investiduras de Pedro Sánchez desatou unha acción combinada da máxima belixerancia protagonizada polas tres dereitas nomeadas anteriormente. Con dúas singularidades sobre os períodos anteriores: o maior peso específico desempeñado polos maxistrados conservadores na ofensiva contra a maioría parlamentaria e a consolidación de Vox como formación extremista que disputa o tradicional predominio do PP no territorio electoral da dereita.

Dende o ano 2020 temos presenciado, en distintos momentos, a mesma secuencia: determinados medios -xenerosamente financiados por administracións públicas dirixidas polo PP- publican acusacións ou denuncias contra persoas ou organizacións que apoian ao goberno presidido por Sánchez; posteriormente son trasladadas ao ámbito xudicial -a través de asociacións ultradereitistas ou pola iniciativa directa do PP e de Vox- onde se abren procedementos de investigación que facilitan a creación dun estado de opinión en favor da culpabilidade das persoas imputadas. O círculo pechase mediante a acción combinada da dereita política e da mediática esixindo dimisións e, tamén, a convocatoria de eleccións xerais anticipadas.

A constatación da acción combinada das tres dereitas citadas, suscita unha pregunta importante: existe un contrapeso eficaz no territorio delimitado polas formacións que avalaron o nacemento dos gobernos de coalición nos anos 2020 e 2023? As dúbidas están servidas

O papel especialmente activo que ven protagonizando o segmento conservador da xudicatura tivo a súa orixe na renuncia do goberno de Rajoy a buscar unha resolución política pactada do conflito desenvolvido en Cataluña a partir da sentenza do TC recortando seriamente o perímetro do novo Estatut aprobado en referendo. O PP decidiu xudicializar o contencioso e, xa que logo, permitir que a Sala Segunda do Tribunal Supremo -encabezada por Manuel Marchena- establecese as regras dun xogo que afectaba seriamente á calidade democrática do sistema político establecido na Constitución de 1978. A partir dese momento, a dereita xudicial considerou que lle correspondía asumir a función de tutelar con firmeza as funcións dos poderes lexislativo e gobernamental para dificultar ou impedir a recuperación dun novo clima político en Cataluña. O nivel de belixerancia exhibido na tramitación da lei de amnistía certificou a intensidade de semellante pretensión.

A constatación da acción combinada das tres dereitas citadas, suscita unha pregunta importante: existe un contrapeso eficaz no territorio delimitado polas formacións que avalaron o nacemento dos gobernos de coalición nos anos 2020 e 2023? As dúbidas están servidas porque hai tres factores que debilitan a necesaria fortaleza para conxurar a ofensiva reaccionaria que coñecemos nos últimos anos: a precariedade que exhibe a maioría parlamentaria por mor dos importantes desacordos amosados por Junts e Podemos; a posición minoritaria na que se atopan os sectores progresistas da maxistratura e da fiscalía e a carencia dunha capacidade de mobilización na rúa acorde con feitos tan relevantes como a recente condena ditada contra o fiscal xeral do Estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.