Un sector minoritario da xudicatura?

Acto de apertura do ano xudicial © poderjudicial

 As declaracións de Pedro Sánchez nunha entrevista televisiva sinalando a existencia dunha minoría da xudicatura que actúa con criterios políticos provocaron unha dura reacción da dereita política, xudicial e mediática

A recente inauguración oficial do ano xudicial colocou, mais unha vez, no primeiro plano da atención pública o vello contencioso a respecto das relacións entre os poderes políticos e o poder xudicial. As declaracións de Pedro Sánchez nunha entrevista televisiva sinalando a existencia dunha minoría da xudicatura que actúa con criterios políticos provocaron unha dura reacción da dereita política, xudicial e mediática: Alberto Núñez Feijoo decidiu boicotear o acto institucional presidido polo Xefe do Estado, as asociacións conservadoras de maxistrados e fiscais solicitaron que o Fiscal Xeral do Estado non falara no acto (algo que transgrediría o protocolo legal vixente) e os editoriais dos medios mais representativos do pensamento da dereita reiteraron a súa coñecida e visceral oposición ao goberno de Sánchez.

 Se repasamos o catálogo de actuacións e de posicionamentos coñecidos no último ano, hai base suficiente para pensar que o activismo político practicado nos ámbitos xudiciais non pode ser considerado como algo estritamente "minoritario"

A pesar das reaccións alporizadas rexistradas, as palabras pronunciadas na TVE polo presidente do goberno do Estado non reflicten exactamente a dimensión do problema sobre o que pretendía alertar. Se repasamos o catálogo de actuacións e de posicionamentos coñecidos no último ano, hai base suficiente para pensar que o activismo político practicado nos ámbitos xudiciais non pode ser considerado como algo estritamente "minoritario". Dende a instrución practicada polo xuíz Peinado na imputación de Begoña Gómez até a pouco fundamentada actuación do maxistrado A. Hurtado -do Tribunal Supremo- para sentar no banco dos acusados ao fiscal xeral pola suposta filtración xornalística -non acreditada- dunha nova que desmentía a información falsa difundida por Miguel A. Rodríguez -xefe do gabinete de Diaz Ayuso- a respecto das dilixencias por fraude tributario contra a parella da presidenta madrileña; pasando pola inédita imaxe de membros da xudicatura protestando na porta das Audiencias contra a lei de amnistía que se estaba debatendo no Congreso. Ou engadindo, tamén, as recentes palabras pronunciadas por un ex-maxistrado do Supremo no acto organizado por Vox -poucas horas despois da entrevista televisiva con Sánchez- contra as leis e as políticas de igualdade aprobadas pola maioría dos representantes integrantes do poder lexislativo.

No canto de actuar como un poder independente pero inserido nunha lóxica de colaboración e lealdade cos outros dous poderes do Estado, unha boa parte da xudicatura pretende manter unha blindaxe corporativa que lle permita afirmar un status práctico de superioridade sobre as demais instancias do ordenamento constitucional

Calquera persoa medianamente informada coñece as características diferenciais dos tres poderes que integran a arquitectura dun Estado democrático. As Cámaras lexislativas están conformadas a partir da vontade da cidadanía expresada nos comicios oportunamente convocados. Os gobernos son consecuencia directa das maiorías parlamentarias que se derivan dos resultados orixinados nas urnas. En troques, a composición do poder xudicial non é froito dunha consulta electoral senón a consecuencia dun sistema de acceso a ese corpo funcionarial especializado. No caso español conviven dúas realidades que teñen sido salientadas en moitas ocasións: unha adscrición maioritaria da xudicatura a ideas e posicións conservadoras e a persistencia da perversión antidemocrática que supón a combinación dunha marcada politización da xustiza cunha habitual xudicialización da actividade política. No canto de actuar como un poder independente pero inserido nunha lóxica de colaboración e lealdade cos outros dous poderes do Estado, unha boa parte da xudicatura pretende manter unha blindaxe corporativa que lle permita afirmar un status práctico de superioridade sobre as demais instancias do ordenamento constitucional. A pública e activa oposición á lei de amnistía cando aínda se estaba debatendo na Cámara parlamentar hai que entendela como unha demostración paradigmática de que se consideran os únicos interpretes xenuínos da legalidade vixente.

Se o Tribunal Supremo dita unha sentenza condenatoria en base aos indicios pouco consistentes que figuran no auto de procesamento, estariamos ante a confirmación dunha discrecionalidade xudicial que esixiría futuras accións do poder lexislativo para corrixir semellante anomalía antidemocrática

O PP, como principal forza opositora do actual goberno, posúe unha grande responsabilidade no funcionamento acaido da división de poderes. Este partido, que ten a lexitimidade derivada do apoio recibido nas urnas, debería ter feito un exercicio de pedagoxía democrática e reprobar a eses xuíces que se manifestaron contra o trámite da lei de amnistía no Congreso. A súa deliberada inhibición na crítica a ese comportamento anómalo dunha parte da xudicatura, certifica unha submisión e seguidismo que non atopariamos nas formacións política análogas existentes noutros países da contorna europea.

Nas vindeiras semanas vai ser xulgado no Tribunal Supremo o actual fiscal xeral do Estado, Alvaro García Ortiz, acusado dun delito de revelación de segredos. Asistiremos a un test decisivo para medir a calidade democrática do sistema político español: se o Tribunal Supremo dita unha sentenza condenatoria en base aos indicios pouco consistentes que figuran no auto de procesamento, estariamos ante a confirmación dunha discrecionalidade xudicial que esixiría futuras accións do poder lexislativo para corrixir semellante anomalía antidemocrática.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.