Junts disponse a tombar o decreto paliativo da vivenda canda PP e Vox

Pedro Sánchez, visitando no Grove a empresa Caslua Import, especializada na construción industrializada de vivenda, este 1 de outubro de 2026 © Pool Moncloa / Borja Puig de la Bellacasa

Agás sorpresa maiúscula, vai volver suceder. Todo apunta a que Junts per Catalunya volverá unir os seus votos aos de PP e Vox para, outra volta, frear as medidas paliativas do Goberno de España en materia de vivenda. Como a comezos de ano, cando o partido que encabeza Carles Puigdemont desequilibriou a balanza a prol do "non" fronte á extensión da moratoria xudicial a desafiuzamentos para poboación en pobreza ou a prórroga extraordinaria de contratos de alugueiro, pero nun clima político e social ben diferente.

Agás sorpresa maiúscula, a formación de Puigdemont volverá unir os seus votos aos de Feijóo e Abascal para, como a comezos de ano, volver provocar a derrogación de medidas como a moratoria xudicial de desafiuzamentos ou a contención de prezos do alugueiro

A comezos de verán o Goberno de España dera en conxelar a reactivación do seu plan para paliar esta crise alegando, precisamente, a necesidade de atar apoios dabondo coa vista posta, precisamente, en Junts. Á posibilidade de Junts acabase cedendo atribuíuse, asemade, que os Reais Decretos-Lei aprobados esta semana fosen dous e non un: por unha banda, o freo aos desafiuzamentos para persoas vulnerables, a contención das subas dos alugueiros ou gravames para pisos turísticos e por outra, nun texto distinto, as prórrogas automáticas dos contratos de arrendamento. Pero semella que tampouco así.

Miriam Nogueras, portavoz de Junts no Congreso, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Congreso

Tras múltiples especulacións, a dirección nacional de Junts decidía no serán deste xoves, a apenas doce horas das votacións que decidirán no Congreso dende as 11 da mañá deste venres -con voto por chamamento público, segundo pediron PSOE e Sumar- se os Reais Decretos-Leis seguen vixentes ou quedan derrogados, pedir a retirada de ambos. O das prórrogas automáticas dos contratos de alugueiro, cuxa caída xa se daba por descontada tras avanzar o PNV o seu "non", mais tamén o que contén o groso das medidas. Non o poden apoiar "nestas condicións" porque vai provocar "o efecto contrario ao previsto", argumentan, indicando a hipótese de que si apoiarían unha redacción diferente. 

"O seu voto retrataraos ante xeracións enteiras", advirte Sánchez mentres medra o ruxerruxe dun posible adianto electoral

Unha abstención da organización catalá mantería o primeiro decreto en pé, un "non" tombaríao. Neste clima, a primeiras horas deste venres Junts aseguraba que vai presentar ao PSOE unha proposta "de mínimos", segundo avanzou a emisora catalá RAC1, como vía para que as medidas non decaian.

Pero, a priori, o Goberno de España desbota tirar do freo. Pedro Sánchez, que durante a súa visita a Galicia deste xoves -estivo en Vigo e no Grove- pedía aos grupos parlamentarios "altura de miras" para sacar os decretos adiante, indicaba contra a medianoite que o Executivo "non vai dar un paso atrás". "Os decretos que presentamos serven para frear a especulación, facilitar o acceso á primeira vivenda, fomentar os alugueiros accesibles e frear os desafiuzamentos", esgrime.

Reacción de Pedro Sánchez á posibilidade de Junts provoque a derrogación dos decretos de vivenda

Por iso, sinala Sánchez, "chegou a hora da verdade" e por iso "PP, Vox e Junts deben elixir: ou están coa maioría social ou cos especuladores" e "o seu voto retrataraos ante xeracións enteiras", advirte. De fondo, o ruxerruxe dun posible adianto electoral medra co paso das horas. O domingo máis próximo no que sería legalmente posible chamar a eleccións xerais é o vindeiro 29 de novembro, toda vez que entre a convocatoria e a cita coas urnas ten que transcorrer un mínimo de 54 días.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.