Un dos dous decretos aprobados polo Consello de Ministros para paliar os efectos da guerra prevé a conxelación dos contratos de alugueiro que venzan no que resta de 2026 e durante todo o ano 2027 e limita ao 2% o incremento do prezo a pagar
Nas medidas aprobadas o pasado venres 20 polo Consello de Ministros para facer fronte ás consecuencias económicas derivadas da guerra iniciada polos Estados Unidos en Irán destacouse principalmente a baixada de impostos aos carburantes, ao gas e os apoios a transportistas e produtores agrogandeiros. Pero naquel conflitivo Consello de Ministros, que Sumar chegou a abandonar, aprobouse un segundo decreto con medidas como a conxelación extraordinaria do prezo dos alugueiros. Trátase dunha reivindicación da coalición de esquerdas que finalmente a parte socialista do Goberno aceptou e que aínda debe ser -ao igual que o primeiro decreto- aprobada polo Congreso.
O decreto, publicado no BOE ao día seguinte da súa aprobación, contempla a conxelación dos contratos de alugueiro que venzan no que resta de 2026 e durante todo o ano 2027 e limita ao 2% o incremento do prezo a pagar. O decreto xa está en vigor á espera de que se debata no Congreso, onde con toda probabilidade será rexeitado (conta coa frontal oposición de todas as dereitas: PP, VOX e Junts). Porén, mentres tanto as súas disposicións son plenamente legais, de xeito que calquera inquilino que se atope nesta situación, é dicir, cuxo contrato venza antes do 31 de decembro de 2027 pode solicitar a renovación do mesmo nas actuais condicións.
O Ministerio de Consumo elaborou un informe no que calcula que en Galicia 132.237 inquilinos e inquilinas se atopan nesta situación, nun total de 58.772 contratos
O Ministerio de Consumo elaborou un informe a partir dos datos do Panel de Fogares da Axencia Tributaria en colaboración co INE e o Instituto de Estudos Fiscais. O estudo calcula que 2.687.392 inquilinos e inquilinas en todo o Estado se poden ver beneficiadas pola medida, xa que ata o 31 de decembro de 2027 van vencer un total de 1.037.603 contratos de alugueiro de vivenda, sen contar cos datos de Euskadi e Navarra, que fican á marxe.
En Galicia son 132.237 as persoas afectadas, nun total de 58.772 contratos, o que a converte na sétima comunidade autónoma con máis inquilinos e inquilinas nesta situación.
O Ministerio explica que, en todo caso, os datos son unha mera aproximación. A eles habería que restar os contratos que venceron nos tres primeiros meses deste anos e aqueles formulados con empresas inquilina e non con particulares, que teñen unha duración maior.
"Non pode ser que os efectos desta guerra inxusta agraven aínda máis a formidable crise de vivenda que sofren as clases traballadoras en España”, dixo Bustinduy hai unhas semanas
O departamento que dirixe Pablo Bustinduy -e todos os partidos que compoñen Sumar- veñen alertando nos últimos meses dos graves efectos que para moitas familias en todo o Estado pode ter a renovación dos contratos que se asinaron nos meses da pandemia e que nasta actualización de prezos poden incrementarse de maneira moi importante e inasumible para moitas persoas.
"Non pode ser que os efectos desta guerra inxusta agraven aínda máis a formidable crise de vivenda que sofren as clases traballadoras en España”, dixo Bustinduy hai unhas semanas, reclamando xa medidas para prorrogar os contratos en vigor nesta nova situación creada na que o país se asoma de novo a unha crise inflacionaria e de perda de poder adquisitivo.
O decreto probablemente sexa rexeitado polo Congreso cando se debata (probablemente) a finais do mes de abril. Porén, dende os grupos de esquerda, de Sumar a ERC, vén subliñándose que os contratos ao que nestas semanas se lles aplique esta prórroga extraordinaria ficarán legalmente protexidos, mesmo aínda que os propietarios busquen anulalos xudicialmente.