O PSdeG rexeitou participar ao considerar este pleno "unha pantomima de Baltar" para "enxalzarse a si mesmo"
A Deputación de Ourense celebrou na mañá deste mércores nun pleno extraordinario o 'Debate sobre o estado da provincia' coa significativa ausencia do principal grupo da oposición, o PSdeG-PSOE, cuxos deputados e deputadas rexeitaron participar ao considerar este pleno "unha pantomima de Baltar" para "enxalzarse a si mesmo". O voceiro socialista, Rafael Villarino subliña que o debate é "dunha inutilidade absoluta, falsa e estéril" e lembra que nos últimos anos o Goberno provincial incumpriu o 87% das iniciativas aprobadas.
Os socialistas ourensáns anunciaron a súa ausencia no pleno coa instalación dun valado publicitario na que aparecen Xosé Luís Baltar e José Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense, a quen estenden as críticas ao baltarismo despois do pacto acadado entre Democracia Ourensana na cidade e na Deputación. No valado o PSdeG-PSOE lembra que dende o ano 1987 en que Xosé Luís Baltar accedeu á Presidencia da institución, a provincia perdeu 80.000 habitantes, unha media de case 7 cada día.
“As tres persoas do valo son os responsables directos do estado catastrófico dunha provincia que agora estenden á cidade"
“As tres persoas do valo son os responsables directos do estado catastrófico dunha provincia que agora estenden á cidade, con propostas como dous parques acuáticos, un mapamundi, un edificio intelixente que agora é itinerante porque xa o pasearon por tres ubicacións distintas ou un rañaceos”, afirmou Villarino, que denunciou que “mentres un rañaceos de 80 plantas que custa centos de millóns é asumible para PP e DO, o rescate dun parking público para doentes que impulsamos os socialistas é inasumible”.
O PSdeG lembra que dende o ano 1987, en que Baltar accedeu á Presidencia, a provincia perdeu 80.000 habitantes, unha media de case 7 cada día
O voceiro socialista na cidade de Ourense lembrou que ata o seu recente pacto co Partido Popular, Gonzalo Pérez Jácome cualificaba este debate de "falso e estéril". O PSdeG-PSOE denuncia neste senso que nos últimos catro anos a Deputación de Ourense incumpriu o 87% das propostas de resolución aprobadas neste pleno sobre o estado da provincia.
O pasado mes de setembro PSdeG e BNG levaron ao pleno da Deputación unha moción para eliminar o reparto de fondos "a dedo". Porén, a iniciativa foi rexeitada cos votos de PP e Democracia Ourensana, que axudou a soster o actual modelo de reparto. 16 dos 17 concellos ourensáns que recibiron máis fondos da Deputación o ano pasado estaban gobernados polo PP.
Ourense é a provincia galega máis envellecida, cun 31,2% de maiores de 65 anos
En efecto, nos anos 80 Ourense roldaba os 400.000 habitantes (430.159 no censo de 1981 e 353.491 no de 1991) e na actualidade sitúase nos 309.293. Ourense é a provincia galega máis envellecida, cun 31,2% de maiores de 65 anos, moi por riba do 28,8% de Lugo, o 24,3% da Coruña e o 22,1% de Pontevedra. Acolle, ademais a maior parte cos concellos con maior idade media: San Xoán de Río é o concello máis envellecido de Galicia, cunha media de idade de 62,48 anos. Ségueno Lobeira, Calvos de Randín, Verea e Larouco.
Ademais, encadea 9 anos con máis pensionistas que cotizantes. Neste momento hai en Ourense 101.751 persoas dadas de alta na Seguridade Social, fronte a 109.062 pensionistas, o que a converte na única provincia de todo o Estado con máis xubilados/as que traballadores/as. Tamén Lugo chegou a estar nesta situación, nos anos previos ao 2004 e posteriormente entre 2012 e 2015. Porén, nos dous últimos anos a provincia reaxiu e reverteu esta situación. Os indicadores de natalidade máis recentes en Lugo son moito mellores que os ourensáns.