O progresivo envellecemento de Galicia e a maior lonxevidade da poboación están a conformar unha sociedade diferente, cunha proporción cada vez maior de poboación por riba dos 65 anos, que entres cousas require de políticas sociais adaptadas a esa realidade, salientan os expertos. De feito, en máis da metade dos concellos a idade media supera xa os 50 anos e só 20 localidades teñen máis menores de 20 anos que maiores de 65. Isto, unido á crise económica vivida na última década, a debilidade do mercado laboral galego e a emigración de mozos e mozas a outros territorios, está a provocar que cada vez haxa menos traballadores e traballadoras por cada pensionista, abrindo o debate sobre a calidade das pensións do futuro.
Neste momento hai en Ourense 101.751 persoas dadas de alta na Seguridade Social, fronte a 109.062 pensionistas, o que a converte na única provincia de todo o Estado con máis xubilados/as que traballadores/as
No conxunto do Estado hai xa menos de dous cotizantes por cada pensionista (1,92), un ratio que en Galicia é moi inferior (1,29). Porén, esta situación é aínda máis extrema nas provincias máis envellecidas e en proceso de despoboamento, como poden ser Lugo e sobre todo Ourense. De feito, neste momento hai en Ourense 101.751 persoas dadas de alta na Seguridade Social, fronte a 109.062 pensionistas, o que a converte na única provincia de todo o Estado con máis xubilados/as que traballadores/as. E así leva case tres décadas, coa única excepción dos anos 2007 e 2008, cando a conxuntura económica e a tímida chegada de poboación inmigrante moza elevou o número de afiliados e afiliadas á Seguridade Social por riba das 110 mil. Dende entón, Ourense encadea nove anos con máis pensionistas que cotizantes.
Hai que ter en conta, en todo caso, que a estatística de pensionistas inclúe tamén a ourensáns ourensás que residen fóra de España. Se só se teñen en conta o número de xubilados e xubiladas (e outros/as pensionistas) residentes na provincia de Ourense, o número (93.188) é aínda inferior ao de cotizantes. O mesmo sucede no resto de provincias, pero o efecto en Ourense é moito máis acentuado, pola gran cantidade de poboación emigrante noutros países.
Tamén Lugo chegou a estar nesta situación, nos anos previos ao 2004 e posteriormente entre 2012 e 2015. Porén, nos dous últimos anos a provincia reaxiu e reverteu esta situación
Tamén Lugo chegou a estar nesta situación, nos anos previos ao 2004 e posteriormente entre 2012 e 2015. Porén, nos dous últimos anos a provincia reaxiu e reverteu esta situación. A situación na Coruña e Pontevedra é de momento bastante distinta, con 422 mil traballadores e 296 mil pensionistas na provincia do norte, e 341 mil e 239 na do sur. Con todo, tamén estes dous territorios ven como a diferenza entre os dous grupos é moito máis reducida que hai unha década.
Esta realidade converte a Galicia na segunda comunidade autónoma na que o cociente entre xubilados e traballadores é máis pequeno, superando unicamente a Asturias
Esta realidade converte a Galicia na segunda comunidade autónoma na que o cociente entre xubilados e traballadores é máis pequeno, superando unicamente a Asturias, e por detrás de Castela-León e Cantabria.
No mapa que pecha este texto obsérvase como Ourense e Lugo son as dúas provincias de todo o Estado con máis pensionistas por cada afiliado, nunha listaxe na que seguirían León, Zamora e Asturias, territorios todos do noroeste peninsular, a zona máis afectada polo envellecemento e o despoboamento.