O berro de "coas pensións non se negocia" encheu as rúas da Coruña

Manifestación das Marchas da Dignidade na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

"Nos anos sesenta a xente dicía aquilo de queremos sexo, drogas e rock and roll. Parece mentira que a estas alturas teñamos que estar reclamando pan, traballo e teito". Así abría o mestre e narrador oral Lois Pérez Díaz -condutor do acto- as intervencións que serviron de peche á manifestación das Marchas da Dignidade, que este sábado reuniron nas rúas da Coruña unha notable participación en defensa das pensións e dos servizos públicos.

Dividida en dúas columnas (unha que partiu do Pazo da Ópera e outra dende o Campo da Leña) que se uniron na Praza de Ourense para marchar xuntas ata os Xardíns de Méndez Núñez, foi unha manifestación festiva, entroideira , con moita música e animación (da man de Fanfarria Taquikardia), con faixas e bandeiras moi diversas e, así mesmo, unha gran mestura xeracional. Viuse a moita xente nova pero, igualmente, destacou a numerosa participación de xubilados e xubiladas, moi especialmente dos convocados e convocadas polo Movemento galego pola Defensa das Pensións Públicas (Modepen), polos colectivos de emigrantes retornados e por grupos de afectados pola estafa das preferentes.

A marcha chegou algo despois das 13.30 horas aos Cantóns, onde se leu o manifesto da convocatoria, nun acto no que cantaron Antón Valcarce, Manolo Bacallau e Lucía Aldao. 

"Fóra mafia do noso país", "Coas nosas pensións non se negocia", "Non é unha crise, é unha estafa", "Coa nosa saúde non se negocia", "Reforma laboral para a Familia Real", "Rajoy carota a pensión non se toca" ou "Liorta liorta liorta contra a troika" foron algúns dos berros que se puideron escoitar. Ademais, moitas críticas a PP e PSOE, sobre todo aos populares ao pasar por diante da súa sede local na cidade herculina. No ambiente estaba moi presente a decisión de conxelar os incrementos das pensións que xa este ano está a provocar unha perda do poder adquisitivo para os xubilados e xubiladas; tamén o progresivo incremento da idade de xubilación e da cantidade de anos cotizados necesarios para o cobro da pensión completa; e, igualmente, da continuada redución do fondo de reserva das pensións. 

Tamén houbo numerosas apelacións á necesidade de entender as pensións como un dereito gañado ao longo dunha vida de traballo ("Os pensionistas son traballadores, as pensionistas son traballadoras" escoitouse) e a unha toma de conciencia das xeracións máis novas ("futuros/as pensionistas, unídevos" líase nun dos carteis de Modepen). “É necesario cotizar por un período de 38 anos e 6 meses. Nun país cun paro xuvenil que rolda o 50%, onde o acceso ao primeiro emprego é cada vez máis difícil e a mocidade ten que emigrar, o futuro pinta moi negro se non remediamos a situación”, destacouse. O acto pechouse cunha defensa do sistema público de pensións fronte a un denunciado fomento dos plans privados, cunha reivindicación da mellora das pensións máis baixas e cun berro colectivo de "Con dignidade, estamos na rúa, polas pensións, a loita continúa", que se uniu ao xa clásico "pan, traballo e teito"

"Todo isto é un gran timo. O verdadeiro problema das pensións é que o Goberno quere converter un dereito básico nun negocio para as entidades financeiras que ofrecen plans de pensións privados", denunciou a convocatoria. "Non é certo que o sistema de pensións públicas sexa insostible, non é certo que gastemos moito en pensións, non é certo que o déficit da Seguridade Social sexa polas pensións, é pola merma que produciron na clase traballadora as sucesivas reformas laborais, que provocaron traballo precario con salarios de supervivencia", engadiron as organizacións convocantes.

Manifestación das Marchas da Dignidade na Coruña CC-BY-SA Praza Pública
Manifestación das Marchas da Dignidade na Coruña CC-BY-NC-SA Praza Pública
Manifestación das Marchas da Dignidade na Coruña CC-BY-SA Praza Pública
Manifestación das Marchas da Dignidade na Coruña CC-BY-SA Praza Pública
Manifestación das Marchas da Dignidade na Coruña CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.