Recentemente, e despois dunha grande mobilización social, o presidente Feijoo anunciaba a reapertura do paritorio de Verín. Nese anuncio anticipaba que instaurará unha condición para o seu uso: a sinatura dun consentimento informado reforzado.
O consentimento informado é un proceso para respectar o dereito á toma de decisións das persoas que, despois de obter unha información suficiente e comprensible, outorgan o seu permiso para seren sometidas a unha proba diagnóstica, intervención ou tratamento.
Baséase no principio bioético de Autonomía, ese que nos recoñece ás persoas a lexitimidade de decidir sobre as nosas vidas, os nosos corpos e a intensidade das intervención sanitarias en distintos contextos. É unha das garantías da medicina centrada nas persoas e un principio valioso, irrenunciable e respectuoso coa nosa liberdade de elección. Tanto que pode ser revogado ata o mesmo momento da intervención.
O consentimento informado ampara ás persoas, igual que as debe protexer a sanidade pública responsable da súa atención. Polo tanto non debe ser empregado para permitir a delegación de responsabilidades por parte da administración sanitaria, que con este anuncio parece advertir que elude a responsabilidade da seguridade dos partos, nun exemplo atroz desa medicina defensiva da que debemos fuxir.
Podemos tamén reparar na non maleficencia, ese outro principio bioético que recomenda que as actuacións sanitarias deben procurar sempre non facer dano (aquel Primum non nocere do clásico Hipócrates). Unha lectura en clave bioética podería considerar maleficente transladar unha presión adicional a unha muller no momento do parto, que debería producirse en condicións de confianza, respecto e seguridade.
Por outra banda, poderiamos analizar por que motivo serán estas mulleres e non outras as que deban asinar esta modalidade de consentimento “reforzado”: acaso terán que autorizar que se lles aplique unha atención de menor calidade ou con menos garantías que outras mulleres e neonatos galegos? Nese caso, e tamén desde unha perspectiva bioética, habería que valorar se o principio de Xustiza está sendo realmente respectado.
Se os xestores sanitarios consideran que non se debe reabrir o paritorio de Verín por unha cuestión de limitación de recursos, de profesionais, de equidade ou da propia seguridade das nais e os neonatos, que afronten con valentía a decisión e/ou que busquen recursos para manter no tempo o servizo de calidade, pero que non transladen unha responsabilidade adicional a quen non lle corresponde: as mulleres de Verín e comarca.