Santiago Freire, novo director territorial da Consellería de Educación na provincia da Coruña, non ten experiencia ningunha no sector educativo. Nin como docente nin como xestor. Veterinario de profesión, primeiro na privada e despois como funcionario da Consellería de Sanidade, acumulou case unha década (2003-2012) como alcalde de Lousame e practicamente outra na de Noia, á que -previo paso polo Parlamento como deputado- chegara en 2016 cunha moción de censura apoiada en edís que antes apoiaran o anterior goberno e que perdeu por unha vía semellante en agosto do pasado 2025.
Santiago Freire, veterinario de profesión, exerceu case dúas décadas como alcalde polo PP entre Lousame e Noia, cunha paréntese para ser deputado
A saída de Freire da alcaldía estivo envolvida na controversia polas facturas de locais hostaleiros que pasou o PP local ao Concello como gastos de funcionamento do grupo municipal, miles de euros en xantares e copas que "chamaro a atención" mesmo ao presidente da Xunta e polas que o novo goberno municipal -liderado polo PSdeG- denunciou o ex-rexedor ante a Fiscalía e o Tribunal de Cuentas. Con todo este pano de fondo, o goberno de Rueda recolocouno nun posto sensible e moi concreto, sobre o que pide "tempo" para "familiarizarse" mentres lle choven as esixencias de dimisión. Polo caso das facturas, pero tamén por outras polémicas previas.
Tras ser ser ratificado o seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia, Freire explicou á edición barbanzá de La Voz de Galicia que os primeiros días no posto son de "toma de contacto" e de "ver as prioridades" dun cargo no que, admite, debe abordar "cuestións moi específicas" do arredor de medio milleiro de centros de ensino da provincia. "É necesario un tempo para familiarizarse con estes asuntos", resume mentres oposición parlamentaria, sindicatos do ensino e representantes de pais e nais de alumnos consideran que a mellor vía é que non chegue a familiarizarse, senón que abandone o posto.
Sindicatos do ensino, representantes de pais e nais, BNG e PSdeG rexeitan o nomeamento pola ausencia de experiencia educativa e as súas polémicas previas: dos controvertidos gastos hostaleiros do PP noiés aos 'chistes' machistas nun acto do 8M
Para a CIG-Ensino, sindicato maioritario entre o persoal docente, resulta "vergoñento" que se ocupe do día a día da Consellería de Educación "unha persoa sen relación co ensino", precedido da cuestión das facturas" e "coñecido pola súa apoloxía do franquismo e as súas declaracións contra as mulleres". Laura Arroxo, secretaria nacional da central sindical, lembra os chistes machistas que como alcalde de Noia decidira contar nun acto do 8M -despois pedira desculpas e atribuíraos á "retranca galega"- ou os seus envíos de mensaxes a membros do PP en vésperas das últimas eleccións xerais de 2023, indicando canda unha foto de Franco que a anterior ocasión na que houbera "xenerais en xullo" a "cousa" saíra "ben".
A Confederación Anpas Galegas, pola súa banda, manifesta "dúbidas fundadas" sobre a "idoneidade" de Freire, "tanto pola súa falta de traxectoria no ámbito educativo como por posicionamentos públicos previos que non contribúen a xerar a confianza necesaria na comunidade educativa". "Un cargo destas características debe ser quen de traballar activamente a prol dunha educación pública inclusiva, igualitaria e respectuosa cos valores democráticos" e o perfil do ex-alcalde de Noia vai en dirección contraria, coida.
A petición de dimisión chegará a ser debatida tamén no Parlamento. Pouco despois de transcender o nomeamento o BNG decidiu rexistrar unha iniciativa neste sentido para rexeitar que Rueda "premie" cun posto en Educación a quen acumula semellante "mochila". Así o lamenta a deputada Cristina Fernández, voceira de Educación do Bloque na Cámara, en referencia aos gastos "inxustificables" no Concello, ás súas "machistadas" ou as súas chanzas franquistas.
O conselleiro de Educación pide "non prexulgar" a Freire e "deixalo traballar, a ver se o fai ben"
Tamén o PSdeG reclama o cesamento. O Grupo Socialista lamenta que, nun contexto de protestas das familias por carencias nos centros educativos da provincia ou "recortes de profesorado", "a resposta da Consellería sexa desprezar o mundo educativo" por esta vía.
Fronte a estas reclamacións o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, coida que o axeitado é "non prexulgar" a Freire, de quen eloxia pola súa "traxectoria de xestión" e "capacidade de resolución de problemas". "Ímolo deixar traballar, a ver se o fai ben" aínda que tamén sexa "posible" que "o faga mal", respondeu o pasado sábado a preguntas da prensa, agregando a súa esperanza en que "teña capacidade de resolver as problemáticas" que deba xestionar.