Rueda rífalle ao BNG por reprocharlle os chistes machistas do alcalde de Noia

Alfonso Rueda, no Parlamento © Xunta

Alfonso Rueda acabou rifándolle á deputada do BNG Olalla Rodil polos comentarios machistas que o alcalde popular de Noia realizou no acto oficial do Día Internacional da Muller Traballadora. Logo de preguntarlle se cría que Santiago Freire podía "seguir no cargo tras unhas declaracións tan noxentas e que atentan contra a igualdade e dignidade das mulleres", o vicepresidente da Xunta cargou contra a parlamentaria por "repetir" as polémicas palabras no pleno e contra o Bloque e a oposición por, segundo a súa interpretación, "aplaudir" ante elas.

Rueda carga contra Olalla Rodil por "repetir" as palabras do alcalde de Noia no pleno

"Non estou de acordo coas palabras, non teñen xustificación e están fóra de lugar; en cambio, se as di vostede, os do seu grupo aplauden; non teñen graza nin ditas por vostede nin polo alcalde de Noia", contestou Rueda. "Este é o nivel? Iso é todo o que me ten que dicir?", preguntoulle Rodil de volta, sorprendida por quen "intenta equiparar" a súa paráfrase "coas verbas pronunciadas por un responsábel político e no acto oficial polo 8 de marzo". 

Ademais, Rodil pediulle a Rueda que "evitara vitimizar o alcalde" -en referencia ao ocorrido no pleno de reprobación de Noia- e cualificou as polémicas palabras de "desafortunadas, misóxinas e inadmisíbeis para un representante institucional". Alén disto, a deputada do BNG cre que a reacción, feble ao seu ver, do PP "pon en evidencia ese feminismo sen etiquetas" e a súa "permisividade e dobre vara de medir segundo de onde veñen os comentarios". 

"As palabras non teñen xustificación, pero o alcalde fixo o que tiña que facer: desculparse inmediatamente", di o vicepresidente da Xunta

Pero Rueda non anunciou medida ningunha contra o rexedor. "As palabras non teñen xustificación, pero o alcalde fixo o que tiña que facer: desculparse inmediatamente, dicir que non tiña que telas dito e que non estaban ben". Rodil, pola súa banda, considerou insuficientes as desculpas e insistiu en que desde a Xunta e o PP se "faga algo máis que pedirlle que se retracte". "De verdade cren que este señor ten capacidade para loitar contra a violencia machista? Cren que unha persoa con esa mentalidade machirula pode traballar pola equidade?", insistiu. 

"Cren que unha persoa con esa mentalidade machirula pode traballar pola equidade?", pregúntase Rodil

Foi daquela cando o vicepresidente da Xunta ampliou o seu ataque ás "mareas de Podemos" e ao BNG por "saír en defensa" da deputada de En Marea Carmen Santos, á que o PP volveu acusar de dicir que os membros do seu partido "asasinan mulleres". "Ningúen saíu en defensa dela agás un deputado do Bloque", insistiu. Referíase a unha mensaxe en Twitter publicada o pasada semana pola secretaria xeral de Podemos-Galicia: “Hoxe todas na loita feminista. Revindicamos q nn nos asasinen señores do @ppdegalicia. Politizades con pasividade". Empregado o chío tamén por Feijóo, desde En Marea xa se advertiu do "erro gramatical" que agora é utilizado desde as bancadas populares. 

Rueda e o PP volveron tirar dun chío de Carmen Santos para cargar contra a oposición e atribuírlle "pouca autoridade moral"

"Mentres Santos non se desculpe e mentres a defendan, na miña opinión teñen moi pouca autoridade moral para criticar a ninguén; ao alcalde de Noia xa os criticamos nós", rematou Rueda logo de que o deputado Miguel Tellado fose advertido por interromper a Olalla Rodil. Ao momento, e antes de realizar a súa pregunta, o deputado de En Marea Manuel Lago advertiu que "os grupos da oposición non podemos facer o noso traballo porque o grupo que apoia o Goberno dedícase a provocar". "Carmen Santos é quen de defenderse por sii mesma, o que me gustaría ver é a Rueda defender o ex-senador Luís Fraga, que acaba de dicir que a caixa B de Bárcenas é a de Génova. E gustaríame escoitalos desmentindo o narcotraficante que acaba de dicir que financiaba o PP”, finalizou. 

Alfonso Rueda, no Parlamento © Xunta
Olalla Rodil, durante unha intervención no Parlamento © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.